Alexandre Sotelino: «Podemos concordar máis ou menos, pero a sociedade sempre é educadora»

Tamara Montero
tamara montero SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO CIUDAD

xoan a. soler

Seleccionado para o premio ao mellor profesor universtario, defende que é «inxusto» limitar o acceso á profesión docente por cuestións externas á motivación ou á capacidade

16 dic 2018 . Actualizado a las 06:48 h.

Cando recibiu o correo que lle anunciaba que fora seleccionado para o premio a mellor docente universitario, estivo a piques de borralo. O profesor de Pedagoxía da USC Alexandre Sotelino (Ourense, 1986) agradece sobre todo que o estudantado dedicara tempo a escollelo.

-Leva algo de vantaxe, porque de pedagoxía sabe moito. Hai algún truco para ser bo docente?

-No o teño, non sei. Gústame o que fago e vou con ganas a dar clase. Cando teño a primeira hora érgome con ganas de ir a clase, incluso os luns [sorrí]. Creo que non hai outro truco, simplemente que che guste o que fas, que os alumnos tamén o recibirán, supoño. Creo que tamén facilita o tema da idade. Son un rapaz novo que podo estar preto do que a eles lles interesa, das súas vivencias.

-Seguindo coa pedagoxía, é algo que semella que na docencia universitaria queda aparte, porque xa se supón a motivación dos alumnos.

-É certo que alguén que se mete nunha titulación, que xa é unha orientación profesional, ten que estar motivado, pero o profesorado tamén temos que buscar que a profesión os entusiasme igual que nos entusiasma a nós. Temos que buscar que os futuros profesionais sexan apaixonados do que van facer.

-Traballa en innovación educativa e fixo a tese sobre a aprendizaxe-servizo. Pero hai xa unha corrente que fala de que estamos chegando a unha especie de homeopatía educativa.

-Totalmente. Son moi crítico co tema de innovar por innovar. Eu utilizo o que creo que me vai ben na clase, hai cuestións que teñen que ser expositivas e non pasa absolutamente nada. Póñoche o caso dos youtubers educativos. É o mesmo facer unha clase expositiva presencial que unha clase expositiva on-line. É innovar por facelo por Youtube? É exactamente o mesmo, pero vende máis. Hai que ser innovador se che vale na túa aula. Ten que ser aplicable, non innovar porque si. Cada un ten que saber o que lle funciona e co que realmente aprenden os alumnos, que é para o que estamos.

-É parte do grupo Esculca, que traballa na pedagoxía da sociedade civil.

-Si, en educar para a participación e a implicación social. Estudamos metodoloxías como aprendizaxe-servizo, aprendizaxe colaborativa... Estudamos movementos sociais vinculados á inmigración e da diversidade cultural... E sobre familia e escola, sobre como conectar a escola coa comunidade. Son ámbitos de traballo sobre como vinculamos para que a sociedade sexa educadora realmente.

-Porque non o está sendo?

-A sociedade sempre é educadora. Podemos estar máis ou menos de acordo con como se educa, pero educadora é.

-Está tamén o debate sobre a importancia do docente, que modela as xeracións futuras...

-Sempre digo que os nenos xa son a sociedade de hoxe, xa son membros do grupo social e xa teñen o seu poder.

-Moi ben, pois que van dirixir a sociedade do futuro.

-Podémolo dicir así [sorrí].

-Hai que cambiar o sistema de acceso á profesión?

-O alumnado creo que cada vez ten máis claro o que supón ser mestre. Se o alumnado ten claro que tipo de mestre queren ser, a responsabilidade que supón e o difícil que é, creo que teremos moi bos mestres nas xeracións futuras e limitar o acceso por unha nota ou por algunha cuestión externa á motivación ou ás capacidades para min é inxusto. Hai mestres moi bos que non son os que mellores expedientes teñen. E ao revés, xente que ten moi bo expediente e non son bos mestres.

«Hai que ser innovador se che vale na túa aula, se é aplicable, non innovar porque si »

«Se o alumnado ten claro o que supón, creo que teremos moi bos mestres nas xeracións futuras»

«Combinamos compromiso social con aprendizaxe académica»

Alexandre Sotelino fixo a súa tese sobre a metodoloxía aprendizaxe-servizo, que xa se está implantando na USC.

-O que facemos é que o alumnado busque necesidades sociais afíns á súa titulación, é dicir, o que poden facer eles pola comunidade, e lle dean solución real a unha pequena necesidade ao mesmo tempo que aprenden a súa titulación. Cubrimos dous obxectivos: compromiso social e aprendizaxe en valores e responsabilidade, e por outra banda aprendizaxe académica pura e dura dos contidos da titulación.

-Non é o habitual.

-É un pouco innovadora aquí. Na USC xa levamos varias convocatorias de proxectos deste tipo en todas as áreas . Vemos que funciona, que o alumnado aprende máis, que lle ve sentido aos seus estudos e que ao final tamén cobra unha responsabilidade coa comunidade na que posiblemente vai traballar.

-Ao final é facer prácticas.

-Pero non son exactamente unhas prácticas porque é vinculado dentro dunha materia, é un ámbito moi específico. A aprendizaxe-servizo son como microproxectos moi dirixidos cunha finalidade e sempre temos que ter fincapé na aprendizaxe, é dicir, sabemos previamente o que van aprender e eles tamén van saber onde teñen que poñer o interese.

-Permite ver realmente a que se van dedicar.

-E realidades profesionais, porque hai titulacións, como sabes, que non teñen oportunidade de facer un rotatorio ao uso, como fan en Medicina, que van vendo diferentes especialidades da titulación. Coa aprendizaxe-servizo si que cubrimos esa posibilidade pero non só iso. Para min o máis importante é esa responsabilidade coa comunidade, ver como eu como profesional e como cidadán membro dunha comunidade podo achegar algo ou cubrir unha necesidade que non está cuberta.