Roberto Almuíña: «Queremos que toda a cidadanía coñeza a riqueza enorme do museo»
SANTIAGO CIUDAD
O MHN pechará o ano con 20.000 visitas, acumulando máis de 80.000 dende a súa reapertura no 2014
09 dic 2018 . Actualizado a las 05:00 h.Roberto Almuíña Díaz (Santiago, 1950) vén de relevar na presidencia da Asociación de Amigos do Museo de Historia Natural (MHN) da Universidade de Santiago de Compostela ao ex reitor Juan Viaño, «que se fixera socio e apoiou de xeito decidido o museo e a asociación». O MHN, antes chamado Luis Iglesias e agora ubicado no parque de Vista Alegre, posúe case 4.000 m2 de superficie construída e dispón de salas de exposicións, biblioteca, laboratorios e oficinas.
-Que proxecto ten e cales son os seus obxectivos principais?
-Mellorar a visibilidade do museo entre os veciños de Santiago, a comunidade universitaria e o resto de Galicia constitúen obxectivos para a nosa asociación, pero o desenvolvemento do proxecto corresponde ao seu director, o profesor Marcos González. El e o goberno da USC marcan a política científica.
-Como se poden estimular as visitas e a súa popularización na cidade?
-O Museo de Historia Natural xa é moi coñecido no eido do ensino medio e por moitos pais con fillos pequenos. Pero a primeira medida que queremos adoptar é a de ampliar todo o posible a base de amigos do centro e implicarnos en iniciativas cidadáns conectadas cos obxectivos do propio museo. Agora contamos cun centenar de socios que aboan unha cota anual de trinta euros.
-Cal é o seu coñecemento entre os universitarios?
-Non o coñecen, así que un dos nosos retos é abrir canles de colaboración con todos os colectivos de estudantes, e particularmente coa Facultade de Bioloxía, coa que hai unha conexión moi débil.
-Tamén é partidario de colaborar con outras entidades cidadás?
-Dende a xunta directiva estamos abertos a establecer vieiros de colaboración con todas as entidades cidadás que permitan acadar os fins de facer máis visible o museo diante da sociedade.
-Que tal funcionan as actividades que programa?
-Moi ben. Hai obradoiros temáticos, roteiros verdes, visitas didácticas... Estamos agora coa cuarta edición do concurso de redacción científica, de carácter esencialmente escolar, e o ano entrante convocaremos a segunda edición do premio de fotografía da natureza.
-Cantas visitas recibe?
-O MHN tivo un gran éxito dende a súa reapertura en outubro de 2014, acumulando 80.000 visitantes, dos que 15.000 fixérono en 600 grupos distintos. No presente ano estímase acadar a cifra de 20.000 visitantes.
-E cobrando entrada!
-Ten que ser, aínda que sexa simbólica, para que a xente o aprecie. Ademais cómpre que eses cartos axuden algo a sufragar os custos de funcionamento.
-Faise investigación no museo?
-A resposta é si, e sirva como exemplo a exposición sobre a velutina que agora mesmo está aberta a todo o público, propiciando un debate e colaboración entre abelleiros e investigadores sobre as mellores fórmulas de cooperación para combater esta especie invasora.
-É singular en Galicia?
-Este museo non só é singular en Galicia, senón que tamén o é en Europa. Por iso dende a asociación de amigos queremos que toda a cidadanía coñeza e aprecie a riqueza enorme da que é depositario. Pero tamén queremos que o museo sexa un elemento dinamizador de divulgación científica.
-Que quere dicir?
-O museo debe impulsar proxectos para que os colexios traballen co entorno, aproveitando ademais que hai magníficos profesores de Secundaria. Temos que procurar unha didáctica da natureza moito máis participativa e crear unha opinión pública arredor de todo isto.
-Apostaría por unha rede local de museos?
-A nosa aposta pasa por incrementar a cultura museística no seo da nosa sociedade, empezando polo que temos máis preto, que son os universitarios e os veciños do entorno do museo.
«O Xardín Botánico sería un complemento magnífico»
Roberto Almuíña coñeceu o MHN nos seus tempos de estudante na facultade, e alí colaborou cunha exposición con motivo da semana das ciencias. Xa no ano 2015 formou parte do grupo que impulsou a constitución da Asociación de Amigos do MHN, «convencido da necesidade de contribuír a divulgar a riqueza que atesoura, ademais de agradecer a xenerosidade e compromiso social dos doadores de pezas e coleccións».
Zooloxía, xeoloxía e botánica constitúen as súas grandes áreas científicas. «O meu son as pedras, os minerais, pero hai coleccións fantásticas como os dous millóns de cunchas mariñas que doou o médico vigués Emilio Rolán Mosquera, ou o herbario do padre Merino, que estivo catalogando durante un ano a anterior directora, Maribel Fraga», segundo indica Almuíña. O relato museístico é «extraordinario e está concibido dende unha visión moderna da didáctica das ciencias con especial énfase na biodiversidade». A documentación di que se creou no pazo de Fonseca cara a 1840 como gabinete, pasando á categoría de museo en 1906, momento en que se traslada ao actual edificio de Xeografía e Historia e se abre ao público. En 1961 lévase á facultade de Ciencias (hoxe Química) e en 2011 vai para o seu actual emprazamento, nun edificio proxectado a tal fin polo arquitecto César Portela; aínda que a súa apertura ao público non se produciría ata o ano 2014.
Finalmente, Almuíña advirte de que o vello proxecto de facer un xardín botánico en Vidán sería un «complemento magnífico» do museo. «Hai unha iniciativa do Ateneo, apoiada por Amigos del País, que nós estamos dispostos a respaldar creando unha comisión cidadá. A súa ubicación prevista xa forma parte do paseo fluvial do Sarela. Chama a atención que aquí sexamos incapaces de sacar adiante este proxecto de principios dos anos noventa», conclúe.