Victoria Otero: «Os novos títulos hai que implantalos con éxito, temos a obriga de acertar»

Susana Luaña Louzao
susana luaña SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO CIUDAD

xoan a. soler

Quere trasladar á xestión universitaria os éxitos que acadou como investigadora e como decana de Matemáticas

18 nov 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

O seu currículo brillante como investigadora completouse con creces nos anos nos que estivo ao fronte do decanato de Matemáticas e que coincidiron cunha proxección sen precedentes desa especialidade. Agora quere trasladar esa experiencia á xestión da Universidade de Santiago, onde Victoria Otero Espinar (Lugo, 1962) responsabilízase da Vicerreitoría de Titulacións.

-Foi o reitor, Antonio López, o que a convenceu?

-Nunca o pensara. Gústame a docencia e a investigación e despois dos anos no decanato xa me estaba reciclando para volver á investigación, pero cando Antonio López mo dixo pensei que era un compromiso, que tiña que estar. Como presidenta da Conferencia de Decanos xa traballara con titulacións e contidos e xa tiña unha bagaxe que podía trasladar á vicerreitoría.

-Cre que esa bagaxe tivo que ver cos éxitos acadados en Matemáticas?

-Non foi unha cuestión persoal, os matemáticos sufrimos naqueles anos unha perda de alumnado e de presenza na sociedade e tivemos que facer unha nova planificación de titulacións e programas de investigación e iso, sumado ás novas aplicacións das matemáticas, permitiunos explicar á sociedade que as matemáticas servían para moitas cousas, e nós mesmos abrímonos a esa nova realidade. Agora mesmo estamos na docencia, na investigación e na industria e as empresas saben que un matemático é unha boa inversión. E iso temos que facelo tamén con todas as titulacións da Universidade.

-Como van as novas titulacións implantadas este curso?

-Paisaxe é o primeiro grao que temos interuniversitario e non se cubriron todas as prazas porque é un título moi novo e non puidemos chegar ao alumnado de bacharelato que xa tiña elixido o seu itinerario. Non chegamos a tempo pero penso que coa experiencia dos novos estudantes poderemos explicar mellor cales son as vantaxes dese grao e as saídas que ten. Criminoloxía e Biotecnoloxía si que se cubriron con éxito; Criminoloxía xa tiña moita demanda como título propio e Biotecnoloxía había anos que se quería poñer en marcha porque sabiamos do éxito que tiña noutras universidades. A proba é que acadou unha das notas máis altas e a experiencia que temos polo de agora é moi positiva.

-O reitor denunciou que para poñer títulos novos haxa que reducir alumnado doutros. Vostede o ve así?

-Comparto iso, aínda que hai que ser cautos. Hai que facer unha planificación estratéxica da oferta. O que non podemos facer é que para poñer un título que se sabe que vai funcionar, haxa que sacar alumnos de outro título que tamén funciona, e iso non quere dicir só que haxa demanda, senón que haxa saída. Hai que equilibrar as titulacións que teñen entrada coas que teñen saída; é dicir, en consonancia coa demanda de sociedade, e se a hai, non deberíamos estar poñendo pedras no camiño. A universidade ten que crecer, aínda que non de forma indiscriminada.

-Dúas titulacións previstas para o ano que vén vanse retrasar. Que pasou?

-Xestión Cultural non tivo un informe favorable da Xunta e Emprendemento e Economía Dixital non tivo o da propia USC. Emprendemento era o primeiro título que se ía impartir de tres anos. Apareceu no mapa de titulacións pero na Universidade non se dou o debate de se era conveniente ou non, e pareceunos moi precipitado. É un título con boas expectativas, pero decidimos aparcalo. No outro caso, a Xunta decidiu que había que completar a memoria, que deberíamos darlle máis contido. Pero non desaparecen, estamos traballando para melloralos porque os novos títulos hai que implantalos con éxito, temos a obriga de acertar. E o de Robótica Agroforestal, previsto tamén para Lugo no vindeiro ano, si que vai ir adiante. Se o aproba a Universidade e a Xunta, claro, que hai un proceso que cumprir, pero está en marcha e agardamos que teña boa acollida.

«Queremos ser un referente na formación continua que nos está a pedir a sociedade»

Son varios os obxectivos estratéxicos que Victoria Otero quere acadar neste mandato. «O mapa de titulacións acabará de implantarse no 2020 pero nós xa estamos pensando no futuro», afirma a vicerreitora.

-Por onde irán as liña mestras da Vicerreitoría de Titulacións?

-Hai que dar cabida a títulos de máster que dean continuidade ás titulacións que temos, e ver os nichos de demanda e o potencial que ten a universidade. Parécenos moi interesante explorar tanto os graos como os mestrados duais, en colaboración coas empresas. Nós damos a formación, pero un tanto por cento da docencia ten que ser na empresa, e isto parécenos moi interesante. Aquí non hai ningún pero si no País Vasco. Tamén exploramos os doutorados industriais, doutores que teñen os seus titores na universidade pero que polo menos dous anos van estar nunha empresa, así a empresa pode valorar máis o título de doutor como especialista.

-Non prevén máis novos graos?

-Non descartamos no futuro novos graos como o de Bioquímica, que está tamén en marcha, pero o que estamos facendo agora é visitar os centros para saber cales son os potenciais e os retos de futuro. Ademais estamos poñendo en marcha títulos dobres a nivel internacional, xa estamos traballando nalgún. En contacto con outra universidade estranxeira, que un alumno poida facer itinerarios en dous títulos, un aquí e outro alí, para acadar a dobre titulación. Pensamos que pode ter un gran potencial.

-Vaise ampliar a formación fóra das titulacións oficiais?

-Queremos ser un referente na formación continua que nos está a pedir a sociedade, dar unha formación á demanda. Somos unha universidade pública e temos que dar servizo á sociedade.