Xosé Ramón Fandiño: «Camilo Díaz e o fillo sentíanse moi identificados coa cidade de Santiago»

O comisario da mostra considera que hai unha débeda pendente con ambos, a cal trata de saldar


santiago / la voz

O protagonista. Xosé Ramón Fandiño Veiga, licenciado en Filoloxía pola USC, é un investigador, escritor, tradutor e editor.

A mostra. Selección gráfica e documental exposta no Colexio de Fonseca ata o día 30. Vén acompañada dun catálogo e visitas guiadas a partir do sábado (reserva no Ateneo antes do xoves).

Xosé Ramón Fandiño Veiga (Santiago, 1946) fala con admiración de Camilo Díaz Baliño e Isaac Díaz Pardo, ao cal coñeceu persoalmente e colaborou con el no deseño da política cultural de Sargadelos. O filólogo compostelán fixo un repaso da traxectoria de ambos onte, nunha conferencia no Ateneo de Santiago, coa que quixo lanzar unha mensaxe: «Pai e fillo sentíanse moi identificados con esta cidade e os dous eran unha torre de ética por riba de todo coas causas xustas de Galicia. Compartían unha fixación, a de pelexar, loitar e traballar pola prosperidade da súa terra».

Fandiño considera que hai unha débeda pendente con ambos. Por unha banda, considera que Díaz Baliño segue a ser «un descoñecido»; entre outras cousas, porque «había bibliografía moi escasa», que está contribuíndo a engrosar. E, aínda que o fillo si recibiu a recoñecemento e cariño que merecía, «é inexplicable é a destrución sistemática á que está sendo sometido» o seu legado, sostén.

Esas e outras eivas trata de salvar a mostra exposta actualmente no Colexio de Fonseca. Comisariada por Fandiño e Gloria López, detense nos anos que pasaron na capital galega baixo o título Con Galicia sempre no horizonte. Camilo Díaz Baliño e Isaac Díaz Pardo en Compostela, o mesmo que a charla á que deu pe onte.

Ambas parten do ano 1920, cando Camilo (ferrolán) chega a Santiago contratado por Isaac Fraga como xefe de escenografía e propaganda dunha empresa de cine e teatros. O que foi un dos fundadores das Irmandades da Fala «establécese na rúa das Hortas, número 20 (hoxe 37), na Casa da Tumbona. Na horta, monta un taller de madeira onde fai o traballo de escenografía e carteis, pero todo iso desapareceu en 1936, cando os falanxistas van á casa de Camilo ao ser detido e rompen todo», relata o compostelán. Segundo o fillo, fixo máis de 300 escenografías para o Principal, engade. E, ao estragarse a relación co empresario, consegue traballo como delineante no Concello. «Pero non un calquera, era na práctica o seu director artístico», sinala.

Debuxos na Falcona

Baixo este cargo oficioso «fixo moitas cousas», di, dende unha cabalgata de carros deseñados por el mesmo que percorreron a cidade o 25 de xullo de 1926 ata todos os carteis da Festa do Apóstolo entre 1924 e 1936. Ano fatídico ese, no que conclúe a exposición do artesoado de Fonseca, incide Fandiño: «Remata cos debuxos que fixo Camilo cando estala o movemento en xullo e o deteñen. Pasou máis de 15 días na cadea, nos baixos de Raxoi, na Falcona».

«Tiña no peto un caderno e un lapis de carpinteiro e debuxou aos compañeiros de prisión, entre eles o alcalde Ánxel Casal, nunha situación absolutamente dramática, porque sabían o que lles esperaban. De feito, a maioría foron asasinados e o que se salvou foi exiliado. El tivo a sorte dos primeiros e apareceu fusilado o 14 de agosto na parroquia de Meixide (Palas de Rei). El foi fusilado e Isaac tivo que escapar da súa cidade e esconderse na Coruña», di.

Na capela de Fonseca, a segunda parte da exposición mostra a traxectoria persoal, biográfica e artística de Díaz Pardo. «Sobre o ano 1950 decide abandonar a pintura e vénse de Madrid para a fábrica do Castro, en Sada» e con Luís Seoane crearía logo o Laboratorio de Formas da Galiza, «un ente teórico e un viveiro de ideas concibido para recuperar a memoria histórica de Galicia», destaca. En 1978 regresa a Santiago, continúa, e funda a galería Sargadelos na Rúa Nova, onde mantén «esa obsesión de recuperar a memoria histórica de Galicia». A mesma que mantivo, subliña Fandiño, cando se instala a mediados dos 80 no Instituto Galego de Información, en San Marcos, onde estableceu a súa oficina máis estable e a súa residencia habitual».

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
4 votos
Comentarios

Xosé Ramón Fandiño: «Camilo Díaz e o fillo sentíanse moi identificados coa cidade de Santiago»