José Rodríguez: «Das bandas de música saen máis profesionais que do deporte de base»

joel gómez SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO CIUDAD

SANDRA ALONSO

Dirixe á súa formación no Auditorio de Galicia, no duodécimo certame galego

04 nov 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Ás 11.15 deste domingo actúa a banda de Santa Cruz de Ribadulla no Auditorio de Galicia. É a única da área de Santiago que compite no duodécimo certame galego de bandas. Intervén na sección segunda, para as de entre 50 e 70 intérpretes: «A nosa media de idade é de pouco máis de 20 anos. O músico máis novo ten 11 anos, o máis veterano está en idade de xubilación, e hai idades intermedias», afirma o seu director, José Rodríguez.

-En que situación está a banda?

-Medramos moito os ultimamente. Hai 8 anos, cando comecei, actuaban por volta de 40 músicos, mesmo algún menos; e este domingo van ser 66 no Auditorio

-Son todos de Vedra?

-A maioría si. Cada ano incorporamos máis músicos de Santiago e de concellos próximos, onde non teñen unha banda como a nosa. En Santa Cruz de Ribadulla hai unha escola de música e, aínda que son entidades diferentes, fai de viveiro importante da banda, que ten 85 anos.

-Son músicos con estudos musicais, pois.

-Si, con certeza. Hai máis de 30 que estudaron ou estudan no Conservatorio Profesional de Música de Santiago. Iso si que lle dá un valor extra á nosa banda.

-Que instrumentos interpretan?

-Os que se lle esixen a unha boa banda e está moi compensada. Podemos interpretar calquera repertorio, e pensamos incorporar instrumentos de corda, violonchelos e contrabaixos. Agora, en vento e madeira temos clarinetes, frautas, oboes, fagot e saxos; en metal, trompetas, trompas, trombóns, bombardinos e tubas; e a percusión completa.

-Actúan moito?

-Sobre todo entre maio e outubro. Despois descansamos unhas semanas, regresamos para celebrar santa Cecilia e preparar o concerto de Reis, e despois xa traballamos en renovar o repertorio para o novo ano.

-Con que repertorio traballan?

-Temos moito interese pola música galega. Hai dous anos gravamos un disco dobre, con compositores galegos dos séculos XX e actual. Aínda que todo o que hai internacionalmente para banda é do noso interese, como a moita música específica que se escribe nos Estados Unidos, Holanda, Bélxica e por suposto España.

-Hai compositores galegos suficientes?

-Cada vez máis, por fortuna. Algúns comezaron escribindo para orquestras sinfónicas e descubriron as bandas grazas a certames como este de Santiago e outros. Hoxe hai bandas e compositores galegos con moita proxección internacional.

-Que interpretarán este domingo no Auditorio?

-O pasodobre de presentación Lito, de Xosé Carlos Seráns; a peza obrigada Lendas do Monte Pindo, de Christian Overhead; e como obra libre Hans Christian Andersen Suite, de Soren Hyldgaard.

-Ensaiaron moito para este certame?

-Ensaiamos, si. Normalmente ensaiamos os venres pola noite e os sábados pola tarde. Esta semana foi moi intensa, todos os días, e con actuacións en Rianxo e Valga para rodar ese repertorio.

-Como é a economía da banda?

-Sobrevivimos coa boa vontade de todos, en especial dos músicos e das súas familias. É deficitaria, porque hai gastos de desprazamento para os ensaios, para compra e mantemento de instrumentos, do traxe para actuar, e outros. É unha actividade extra, aínda que para algúns pode ser un medio de vida, pois das bandas de música saen máis profesionais que do deporte de base.

Director. José Rodríguez dirixe hai 8 anos a banda de

música de Santa Cruz de Ribadulla. Antes dirixiu as de Vilalba e Merza.

Docente e músico. É profesor de trompeta no Conservatorio Profesional de Música de Santiago e intérprete do instrumento na banda de música de Rianxo.