Xosé Sánchez Bugallo: «Saio para gañar, pero se non gañara non me vexo en ningún goberno»

rosa martínez SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO CIUDAD

Paco Rodríguez

O exalcalde ve unha instrumentalización da cidade por parte de Noriega, ao que achaca unha xestión deficiente

01 nov 2018 . Actualizado a las 17:27 h.

Xosé Sánchez Bugallo (Teixeiro, 1954) volve aspirar á alcaldía porque lle «doe» Santiago, unha cidade, di, «que se deixa ir, que esta flotando, pero sen rumbo nin dirección», logo de vinte anos de gobernos encabezados por Xerardo Estévez e por el mesmo nos que se «logrou colocala como referente nacional e galego en moitos ámbitos». O aspirante socialista, que se presentará cunha lista de unidade e apelando á querencia pola cidade dos electores, só se ve no escenario de gañar e gobernar. E fuxe de hipóteses sobre o día seguinte, no caso de que non se consolide ningunha maioría absoluta. Nese caso, di, «todos teremos que administrar o que haxa».

-Será Bugallo alcalde se consegue un voto máis que Noriega?

-Sen ningún xénero de dúbida.

-Sendo ao revés, vese como tenente de alcalde de Noriega?

-Non me vexo.

-Se a campaña se polariza entre CA e PSOE, que pode pasar? Que haxa goberno de coalición, un de minoría con apoios? Ata onde pode chegar nesa tesitura?

-Non podo entrar en futuribles, pero preséntome para gañar. Se non gañara, non me plantexo ningunha hipótese, a día de hoxe, de formar parte de ningún goberno, e a experiencia de Noriega en Raxoi non é aval como para poder avanzar moito nesa direccion.

-Quedan moitas feridas por pechar na agrupación socialista?

-Os españois en xeral temos máis axilidade para inflixir feridas que para pechalas. Pero hai vontade e convicción moi sólida da maioria de militantes de pasar esa páxina e pechar esas feridas.

-Nas últimas eleccións houbo militantes destacados que fixeron campaña por Noriega.

-Iso non o vou desmentir nin confirmar. Pero, ás veces, no fragor dos conflitos domésticos podémonos perder e confundirnos de rivais e, moitos votantes socialistas e probablemente militantes, o votaron. Iso non debe suceder por feridas internas. E o reto é un proxecto que una na cidade.

-A Noriega halágalle que vaia medirse vostede con el.

-Paréceme moi ben. Pero eu non podo ser tan halagueño. Persoalmente non teño ningún problema con el, pero si cunha xestión deficiente que se caracteriza por unha absoluta perda de rumbo e, coido, por unha instrumentalización da cidade para conseguir obxectivos distintos dos que lle interesan á propia cidade.

-E que pode aportar a súa candidatura para enderezar ese rumbo?

-Un programa 2020-2030 como eixe, un período con dous anos santos, nos que a xestión da cidade sempre é complexa porque hai que tela limpa e ordenada para millóns de persoas. Iso hai que xestionalo, pero tamén aproveitar a oportunidade para dotala de equipamentos, como nos outros anos santos. Crearemos un equipo que concrete e desenvolva ese programa. É fundamental saber onde quere ir a cidade; agora é un barco a mercede do vento.

-Di que a cidade perdeu oportunidades nestes anos. Cales?

-Cada vez que vou á estación de tren saéme un sarpullido. Moita xente criticou que a terminal aeroportuaria era un exceso, pero está para 20 ou 30 anos. E a de tren ten que estar para 50 ou 60 e é intolerable o que se está a facer aí. Onde está a estación compacta, os aparcamentos soterrados que se prevían? Paréceme que non hai dereito a esta actuación e sinto envidia da de Vigo, e acabo de ver o anteproxecto da de Ourense, por 146 millóns. Como é posible que nós aceptemos isto? Ten que haber unha solución.

-Estase a tempo de corrixilo?

-Ten que haber solución. Non pode ser que a estación que move máis viaxeiros -os mesmos que Coruña e Vigo xuntos, e case unindo Ourense- quede como un apeadeiro xigantesco.

«Hai que readaptar o proxecto da estación á realidade»

O exalcalde e candidato socialista pronúnciase sobre que faría ante cuestións candentes.

Estación do AVe

«Hai que redefinir o proxecto». «Non se foi consciente de que esa non é a estación de Santiago, que o é, pero tamén a de Noia, Ribeira, Arzúa... É un proxecto totalmente devaluado. Hai que pelexar por unha estación que terá de 3 a 4 millóns de usuarios (e 2 a de autobuses) e readaptar o proxecto á realidade».

Municipalizacións

«Veremos canto nos custa a grúa e a ORA». «O que hai que ofrecer ao cidadán son servizos da mellor calidade posible ao prezo máis razoable. Pensar que se mellora por municipalizar é un disparate. Cando analicemos as contas da grúa e a ORA veremos canto custa un servizo que antes non custaba nada ás arcas.

pisos turísticos

«O Plan Especial xa os regula». «O Plan Especial regula xa que, salvo excepcións, non pode haber pisos turísticos, por tanto non fai falta moratoria, senón aplicalo e facer inspeccións. Probablemente detecten que non máis do 20 % están segundo o plan. A moratoria é unha coartada para xustificar a inacción».

Plan Especial

«Hai que saber primeiro o que se quere facer». «Parécenme unha tolada estes procesos de revisión sen saber que é o que se quere facer. O razoable é primeiro definir a onde queremos ir, logo reflexionar e articular as modificacións necesarias, tanto no PXOM como no PE».

Deterioro do Campus

«Hai que convertelo nunha prioridade». «Durante moito tempo démoslle prioridade a outras cousas e o campus non dá máis de si. E a estas alturas temos que asumir que a USC non ten capacidade de facerse cargo. Aí teremos que buscar unha solución e tentar implicar á Deputación, Xunta, USC e Concello».

Solo industrial

«Un órgano para atraer investimento». «O Concello debe ser proactivo. É unha prioridade poñer en marcha un organismo para a captación de investimentos e facilitar a implantación de empresas, resolvéndolle os problemas administrativos. E hai que recuperar Emuvissa».

REal Patronato

«Primeiro hai que pactalo». «Reunilo é outra prioridade, pero non é o rei o que o decide. Descoñezo que tramitación levou Noriega, pero algo debeu fallar. Primero hai que pactalo coa Xunta, logo co Goberno e a partir de aí ver a dispoñibilidade da axenda do rei. Eu espero ser alcalde e que veña o rei á cidade tantas veces como sexa posible».

Depuradora

«Levala a O Souto é un disparate». «Este tema estaba resolto no 2010 con financiación e proxecto de expropiación aprobado. Por puro cálculo electoral [do PP] nos metimos neste lío. Se hai solución de futuro, que non o sei, ampliando Silvouta me parece razoable. Levala a O Souto é un disparate medioambiental, económico e operativo».

mobilidade

«Non me parece mal a limitación a 30». «Hai que resolver dous grandes problemas: a mobilidade periférica e a interna da cidade. Non me parece mal, todo o contrario, a limitación a 30 km/h da velocidade nas principais vías urbanas».

«Non se lle pode dicir ao rei que non veña o 25 de Xullo»

Bugallo considera «devaluado e diluído» o papel capitalino de Santiago: «Hoxe a Santiago ninguén a considera, non se fala dela como referencia. Onde está o Santiago envidia das cidades galegas?. Perdido. Somos unha cidade singular e como capital ten que ter un peso institucional extraordinario, e non pode ser que nós mesmos desprecemos ese carácter simbólico e excepcional. Como se lle pode pedir ao rei que non veña o 25 de Xullo? Hai que pedirlle que veña, e canto máis, máis realce e máis se reforza o Real Padroado e as posibilidades de concitar apoios do Goberno e da Xunta, cos que hai que ter unha relación fluída que non vexo. Tela, igual non garantiza nada, pero axuda a resolver problemas».

-E a relación de Feijoo coa capitalidade?

-Creo que Feijoo non lle está dando o aprecio que lle ten que dar. Pero tamén creo que o alcalde ponllo facilísimo para que non llo dea. É moi importante que o presidente se senta a gusto en Santiago, vinculado á cidade.

-Estará vostede na Ofrenda? -Sen dúbida, estea na posición que estea, como edil ou como alcalde. Iso forma parte da cidade e esta ten que ser unha cidade aberta, na que se sinta cómodo todo o mundo, os que forman parte dos colectivos LGTBI, un republicano nacionalista acérrimo e tamén unha persoa de profundos sentimentos relixiosos, porque está no ADN da cidade, na súa historia, e non ten sentido negar esa historia nin ocultala cando ademais somos o que somos grazas a esa historia.