Fefa Noia: «O meu debut teatral foi facendo do lobo de «Carapuchiña» no Rosalía»

Patricia Calveiro Iglesias
p. Calveiro SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO CIUDAD

xoan a. soler

A responsable do CDG ve un reto en recuperar aos adolescentes como espectadores

29 oct 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Nome. María José Noya Ansede (Compostela, 1974).

Profesión. Dirixe o Centro Dramático Galego (CDG).

Recuncho elixido. A carballeira de Santa Susana, porque «dende pequena me encantaba, especialmente na Ascensión, e é un lugar que sempre estivo presente ao longo da miña vida».

Todos a coñecen como Fefa, Fefa Noia. «Só me chaman María José na casa cando hai discusións», comenta entre risas a directora do Centro Dramático Galego (CDG). A santiaguesa non recorda de onde lle vén o alcume, aínda que sospeita que a familia cubana que ten por parte materna tivo algo que ver. Foi a pequena de dúas irmás, fillas de médicos. Aínda que boa estudante, as ciencias non eran o seu, di, máis aló de imitar o traballo da súa nai no laboratorio cando de nena apañaba todo o que atopaba pola Alameda para facer as súas propias mesturas orgánicas. O palco da música era, naqueles anos, un dos patios de xogos predilectos para aquela pequena, espelida e feliz, do Ensanche, que acabou facéndose un nome no ámbito teatral.

«O teatro interesoume dende que teño uso de razón. Xa de cativa, inconscientemente, imaxinaba como era a vida da xente coa que me cruzaba, un exercicio que sigo facendo agora por goce», recoñece. De nova, continúa, tiña certa obsesión por Marilyn Monroe, que sempre lle pareceu unha figura «moi tipificada e denostada», e ela mesma pedía aos seus pais que a levaran ao teatro. A primeira obra que viu foi nas butacas do Principal e «o meu debut teatral foi facendo do lobo de “Carapuchiña”, acórdome ata do vestiario», nunha función escolar no instituto Rosalía de Castro, cando aínda era un centro feminino.

Logo, estudaría en Compañía de María, de onde garda grandes lembranzas. E os últimos anos foron en Peleteiro, xa na adolescencia, unha etapa complicada. Pero alí, no grupo de teatro, tivo a oportunidade de traballar con Roberto Leal, que «sen dúbida afianzou a miña vocación e creou a espita para dedicarme profesionalmente a isto».

Polo mundo

Tras licenciarse en Filoloxía Alemá pola USC, pasou catro anos en Múnic facendo Ciencia Teatral, e obtivo unha bolsa da Fundación Barrié para estudar en Roma. Continuou a súa formación en Madrid, no Teatro da Abadía, onde foi sentíndose cada vez máis forzada e exposta como actriz e máis cómoda como directora. Fundou a súa propia compañía, Los Lunes, coa que estreou a súa primeira montaxe profesional neste cargo (Wild Wild Wilde) e máis tarde marchou a California para facer un mestrado en Drama na Universidade de San Francisco.

Non foi ata o 2015 cando volveu á súa cidade natal, para facerse cargo da dirección da compañía pública galega. Neste tempo, fixo un esforzo por afastala dos estereotipos: «Non quero ter a sensación de que facemos algo conservador. Penso que o mellor que fixen no CDG foi a renovación e a apertura do teatro á cidadanía, buscando formas de comunicación que nos conecten con ela. Estamos conseguindo que se encha o Salón Teatro e iso é unha grande alegría». Considera, iso si, que hai un reto á hora de recuperar aos adolescentes como espectadores, ao tempo que lamenta «a xeración perdida pola crise» a causa da falta de apoio á cultura.

Admite que «conciliar a actividade artística e administración, que son como a auga e o aceite», é outra das eivas. Pon, como mostra, o modelo de selección dos elencos por concurso público: «Está ben, por unha parte, porque evitas escollas e descobres a moita xente, pero que pidan criterios obxectivados sobre a actuación, que ten que ver con sensacións subxectivas, é unha contradición».

Fefa Noia asegura que nunca contaría co típico actor que «é un superego e logo hai unha persoa». A muller que segue vendo as estreas dende a cabina «para poder saír cando as cousas saen mal» espera á segunda función para corrixir erros. Entende que todo o mundo se pode equivocar, ela incluída, pero o principal é retomar o voo.

«Compostela cambiou para ben nos últimos anos, salvo no turismo»

Despois de andar polo mundo, Fefa Noia reencontrouse hai tres anos cunha Compostela que «cambiou para ben, salvo no turismo e como se xestiona. Empezáronse xa a poñer solucións para que isto non se converta nun parque de atraccións turístico, pero tíñanse que facer antes. Non entendo un casco vello no que só hai hoteis, restaurantes e tendas de recordos. Como turista, tampouco me gustaría ir a unha especie de centro comercial que parece orientado a min. O importante é que xa hai unha consciencia deste perigo, que antes non había».

A directora teatral e dramaturga sabe ben do que fala, pois percorre a diario as rúas do casco monumental para chegar ao Salón Teatro dende Porta Faxeira, onde vive. Considérase unha privilexiada por ter alí a súa residencia e divírtese dicindo que a Alameda é o seu «xardín privado, aínda que a xente non o sabe».

A santiaguesa valora as medidas que nos últimos tempos «fixeron máis habitable a cidade para a xente que vivimos aquí», dende o Colecamiños ata os aparcadoiros para bicicletas e medidas para fomentar este transporte. «Vexo ben que se limite o tráfico en certas rúas, máis se tiña que peonalizar!», defende.

Esta soñadora, que para a saudar cada mañá co seu fillo ás Marías e a Valle na Alameda, é unha muller botada para adiante. Ao longo da súa traxectoria profesional, confesa, sentiu que tiña que demostrar moito máis por non ter sido home e, en moitas ocasións, facerse oír. «Os macromachismos son fáciles de combater, no sentido en que son máis evidentes, e en Galicia estamos moi avanzados neste tema con respecto ao resto de España; pero os micromachismos, que seguen á orde do día, non son doados de detectar», explica poñendo exemplos e sen perder o sorriso. Esa é Fefa.