Pepe Barro: «Compostela sempre tivo moito peso na iconografía de Galicia»

Patricia Calveiro Iglesias
p. Calveiro SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO CIUDAD

XOAN A. SOLER

O deseñador fala dos símbolos que rodean á cidade e de como transcenden a ela

26 oct 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Pepe Barro (Pontedeume, 1955) afirma que sabe máis por vello que por deseñador. E, durante os últimos anos, dedicouse a anotar ideas e temas de interese que foi deixando «na gabeta» ou plasmando en artigos. Ese traballo recompílase agora na publicación Máis que ver. Cen historias de deseño na Galiza (Xerais), onde repasa os símbolos máis senlleiros que conforman a cultura galega. «A imaxe non é valorada. Así como aprendemos gramática e todo o que ten que ver coa escrita ou a palabra, deixamos de lado a comunicación visual», incide o eumés. «Consumimos as imaxes coma quen respira, sen ser conscientes», engade, e con este traballo divulgativo pretende axudar a comprender o significado de moitos dos emblemas que nos rodean.

Nestas historias do deseño, Barro detense en moitos temas relacionados con Santiago, porque «sempre tivo moito peso na iconografía de Galicia», sinala. «A simboloxía relacionada co Apóstolo e a cidade moitas veces é a mesma que se emprega para representar o galego, algo que sucede dende a Idade Media ata os nosos días», continúa.

Un dos exemplos máis claros é o das cunchas de vieira. «As máis antigas que coñecemos son do século XI e aparecen nas tumbas dos peregrinos. E, na arte, as primeiras asociadas a Compostela ou ao Apóstolo datan do XII e áchanse en igrexas. Pero pouco a pouco a cuncha empeza a ser a abreviatura de ambos, e como Santiago é un estandarte galego os símbolos que o rodean empezan a ser os de Galicia», explica Barros. Ao longo do tempo foi evolucionando e popularizándose, ata o punto en que nalgúns supermercados a cuncha é distintivo dos produtos galegos, apunta.

Escudos que quedan no camiño

«Outro tema parecido é o Santiago Cabaleiro. Aparece por un lado nos primeiros selos da cidade representando ao Concello, pero tamén representa a Galicia nos selos de irmandade entre este reino e o de León», sinala o eumés. Tanto o Santiago Cabaleiro como a cuncha da vieira, di, poderían ter sido o escudo da comunidade autónoma, non obstante «os Reis Católicos recentralizan todo e aparecen as institucións que van facer a doma e castración de Galicia. Estas impoñen o escudo que chega de Europa, do que sae o cáliz ou o copón da bandeira».

Tamén fai varias alusións na súa obra ao pórtico da Gloria, onde figura a transición dos soportes: «Tal como hoxe falamos da transición dos libros ás tabletas, no Pórtico represéntase o cambio dos rolos (os pergamiños enrolados) aos códices». E refírese ao influxo que tivo a tipografía dos linteis da xoia do románico -xunto a outras obras medievais- no traballo de Castelao, coa que trata de «dar prestixio ás súas publicacións empregando as letras daquela etapa gloriosa para Galicia».

«Repaso os emblemas do Concello de Santiago e remato co actual, unha das obras mestras do deseño contemporáneo, porque ten tanto peso a forma como o que o deseñador quere contar», di. E capítulo á parte merece a cruz de Santiago, que evoca a espada vermella da Orde de Santiago, e que hoxe segue a ser en América «o gran símbolo de Galicia».

Barros fai, asemade, unha homenaxe a Ventura Cores, deseñador que traballou moitos anos en Santiago e «pioneiro nos anos 70» pola «modernidade das súas pezas gráficas». Entre as súas obras están o rótulo do bar A Gaiola, unha «icona pop do 1964», cando era unha cafetería de moda e centro de reunión da esquerda clandestina en Santiago, ou o deseño de escenografías que serviron a Vidal Bolaño.

O autor. Pepe Barro leva preto de 40 anos de traxectoria no deseño. O eumés creou dende a camiseta da Selección Galega de Fútbol ata o proxecto museográfico da Casa de Rosalía ou a premiada caixa de ovos do Pazo de Vilane, entre outros moitos.

A obra. Vén de presentar unha publicación que recolle cen artigos nos que fala doutros tantos deseños que fixeron historia en Galicia.