Piratas, cronopios e outros contos, a escena en Compostela

La Voz

SANTIAGO CIUDAD

SANDRA ALONSO

A vixésimo terceira edición do Festival Galicreques trae hoxe catro funcións en distintos escenarios

14 oct 2018 . Actualizado a las 04:55 h.

Piratas, tesouros, cronopios e segredos poden facer acto de presenza ao longo do día en Compostela, e hai que estar atentos para non deixarse levar máis da conta pola fantasía e esquecer que se trata dos personaxes que a vixésima terceira edición do Festival Monicreques espallará por distintos escenarios da cidade. O festival organizado pola asociación Barriga Verde co apoio do Concello de Santiago, a Agadic, a Deputación da Coruña, o Inaem e a Fundación SGAE, empezou onte e programa máis de cincuenta funcións ata o domingo 21.

O programa

Esta segunda xornada teatral dará comezo ás 12.30 horas no escenario da Fundación SGAE, onde a compañía valenciana Xarop Teatre representará El pirata barba, unha historia de batallas, mapas e tesouros.

No Toural, ás 14.00 horas, a compañía lusa Boca de Cao ofrecerá un novo pase da peza Alforria, un espectáculo de viaxes na procura da felicidade.

Ás 17.00 horas, no Teatro Principal, vaise representar de novo a coprodución galego-arxentina Viaje a un país de... das compañías Títeres Cachirulo, Tres Tigres e Chachakün, baseada no conto de Cortázar Historias de cronopios y famas. Nela poderán verse máis de 40 bonecos en escena con música en directo. O menú da xornada rematará ás 20.30 horas no Teatro Principal, onde a compañía venezolana La Pareja representará a obra Rapsodia de lujuria y cuernos.