Senén Barro: «Os ránkings están influíndo negativamente nas universidades»

Elisa Álvarez González
Elisa álvarez SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO CIUDAD

PACO RODRÍGUEZ

Barro Ameneiro di que debeu haber máis contundencia na polémica dos mestrados na Rei Juan Carlos

14 oct 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

«Moi ocupado, pero pouco preocupado». Senén Barro Ameneiro (As Pontes, 1962), fai súas as verbas dun exreitor de Xaén anos despois de deixar o cargo. Reitor da USC entre 2002 e 2010, non é alleo aos problemas da universidade. Os tres principais, di, a falta de maior inversión, de autonomía e, a consecuencia diso, de capacidade para captar talento.

-Que tal se ven os toros desde a barreira e con oito anos de distancia?

-Unha boa definición deuma un exreitor da Universidade de Xaén co que coincidín hai uns días, díxome que estaba moi ocupado, pero pouco preocupado. A frase é moi boa. Aínda que non teño ningunha responsabilidade no goberno da universidade procuro estar ao día no que ocorre, e implicarme nos postos de responsabilidade que vou ocupando. Pero claro, non teño esa responsabilidade e polo tanto non teño as preocupacións que tiven, moitas moi intensas, e que ten calquera reitor.

-Ten Galicia a universidade que merece?

-Ten unha boa universidade, pero podería tela mellor, igual que España. Non é unha cuestión de merecela, senón de ter a mellor universidade, para dese xeito mellorar a sociedade. Sempre digo que a universidade ten unha misión, a mellora permanente da sociedade a través do coñecemento. Se a universidade fai ben o seu traballo contribuirá á mellora permanente da sociedade.

-E a universidade, ten a Galicia que merece?

-Estou moi contento da Galicia que temos, e non falo da Galicia política, da que non opino. Temos un país do que podemos sentirmos orgullosos, con persoas traballadoras que cando non poden conseguir aquí o futuro ao que aspiran non teñen problema en irse fóra. E que estando dentro e fóra, pero sobre todo fóra, se comprometen coa súa terra e fan gala de ser galegos no mundo. Temos unha boa Galicia. E entre todos podemos mellorala.

-Ultimamente só se fala de ránkings e clasificacións, hai unha dependencia excesiva deles?

-Si, non diría que chegue aínda a obsesión, pero si que están influíndo, e creo que moi negativamente, na visión que se ten das universidades e polo tanto tamén na acción que se pode chegar a realizar sobre as universidades, e son crítico con iso.

-Como inflúen negativamente?

-Poden condicionar inversión pública, poden condicionar as políticas universitarias, e poden facer que se tomen medidas para reposicionarse mellor no ránking e non co fin da misión de mellorar a sociedade, sobre todo a do teu contorno. Sempre poño un exemplo: o responsable de recursos humanos dunha empresa ficharía aos novos empregados polo seu coeficiente intelectual? Seria un absurdo. Iso é o que esta empezando a ocorrer cos ránkings. É máis, quen cre que un estudante elixe universidade por un ránking? Outra cousa é que fixeramos unha ampla análise cun zoom. Se o goberno da comunidade autónoma financiase parcialmente de acordo a ese tipo de ránkings, que non o fai, estaría renunciando a ter un criterio propio de por onde quere orientar a actividade universitaria en beneficio da sociedade. Ademais, hai unha absoluta correlación entre financiamento e posición no ránking. Estás condenado a posicionarse en función dos recursos que manexas.

-Durante anos a falta de financiamento foi tema recorrente na universidade.

-Non coñezo a situación en detalle, pero sempre hai tensión económica nas universidades. A universidade española está mal financiada en xeral e a galega non é unha excepción. Non me cabe dúbida de que hai que atender a moitas cousas, pero unha inversión maior, por exemplo para dar espazo a titulacións cun carácter máis dinámico que poidan anticiparse ás demandas dos empregadores, sería boa para o país.

-Marchan os investigadores mozos?

-Marchan todos. Pode haber algunha singularidade nunha área de coñecemento onde circunstancialmente aínda poida haber algunha posibilidade de incorporalos, pero no Citius, por exemplo, onde formamos a xente de moi alta calidade, porque é impensable na actualidade que un novo doutor non teña un período de formación no estranxeiro, despois non podemos recuperar practicamente a ningún. Entendo que non todos se teñan que quedar, pero que realmente pase xente e xente e sintas como formas a investigadores de alta capacidade e non teñas medios para realimentar e manter o músculo e a capacidade do grupo, é duro.

-Pero queren quedar en Galicia os investigadores?

-Se hai oportunidades de calidade e non só un soldo, porque un investigador con capacidade non se conforma cun salario senón que quere desenvolver a súa investigación, a gran maioría quedaría. Xa teñen claro que sería en forma de retorno, despois de irse, ver mundo e traernos todo iso, que sería fantástico, pero desgraciadamente o retorno non se dá.

-Faltoulle autocrítica á universidade coa crise dos mestrados da Universidade Rei Juan Carlos?

-Non sei se a palabra é autocrítica, porque ás veces se di que somos excesivamente autocríticos, é parte consubstancial do noso traballo. Eu creo que faltou contundencia, iso si, a universidade tiña que manifestarse publicamente dun modo moito máis contundente. En que sentido? Debería ter saído a dicir que isto é inasumible, porque son cousas que poden ocorrer en calquera ámbito, pero cando pasan non se poden poñer panos quentes e dicir que se tratou dunha situación singular. A condena ten que ser absoluta e firme, igual que nos casos de corrupción na política. Hai dous ámbitos onde é inasumible a mentira e a corrupción, o mundo da educación e da universidade, e o da política. Ao mellor, autocrítica si houbo, pero o comunicado da CRUE, que ao final é a voz da universidade, tiña que ser explícito e dicir con rotundidade isto é inasumible.

«Hai unha absoluta correlación entre financiamento e posición no ránking»

«Marchan todos os investigadores, non podemos recuperar practicamente a ningún»

«O coche autónomo é o paradigma do máis avanzado en intelixencia artificial»

Catedrático de Ciencia da Computación e Intelixencia Artificial, Barro asegura que o coche autónomo «vainos cambiar a vida».

-Sempre defendeu a relación entre empresa e universidade. Esta última xa non está de costas ao tecido empresarial?

-Diría que non. Dise que o roce fai o cariño, e para que esta colaboración se dea, ten que haber coñecemento mutuo. Pero tamén hai que vencer outro tipo de problemas para que a relación universidade empresa sexa máis intensa. Por parte da universidade ás veces faltan cultura e medios, por un lado precisas recursos humanos ou apoio técnico, e por outro temos que dar formación aos investigadores mozos e explicarlles este compoñente co mundo da empresa, que saiban que vai a ser algo consubstancial ao seu traballo futuro. E por parte da empresa hai unha carencia, porque o tecido empresarial galego aínda demanda moi poucos resultados de investigación.

-A onde nos levará a intelixencia artificial?

-En dez ou quince anos, a ter coches totalmente autónomos. Mais dun millón de persoas morren ao ano por accidentes e o coche autónomo vai a ser unha realidade. Un recoñecido investigador, Andrew Ng, dixo que a intelixencia artificial vai ser a electricidade do século XXI. Quizais sexa un pouco esaxerado pero non tanto. Está penetrando tanto e as empresas captan a tantos investigadores que en Reino Unido teñen serios problemas porque se quedan departamentos enteiros das universidades cun número reducido de efectivos. O coche autónomo é o paradigma do que podemos denominar o máis avanzado en intelixencia artificial, non desde un punto de vista teórico senón na rúa.

-Cal é o principal problema da universidade?

-Para min hai tres. O outro día lin unha entrevista ao reitor da Universidade Nacional de Singapur, que está entre as mellores, e cando se lle preguntaba o segredo de que esa universidade sexa líder dicía tres cousas, e eu creo que nas tres temos carencias. Primeiro un gran apoio do goberno cunha gran inversión. Eu non diría que aquí non se apoia, pero me gustaría que ese discurso se vira acompañado dunha maior inversión. Segundo, autonomía, tanto a que recoñece a Constitución como a autonomía interna, por iso creo que hai que cambiar radicalmente a gobernanza da universidade española. E terceiro, capacidade para atraer o talento.