A biblioteca destruida de Marcial Villamor

quique alvarellos

SANTIAGO CIUDAD

CEDIDA

Miles de libros foron queimados ou roubados en xullo do 36

07 oct 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

O fume ascendía pola rúa do Olvido, diante do número 18. A escena ía repetirse nos días seguintes, a partir da noite do 20 de xullo de 1936. Era a casa familiar de Marcial Villamor Varela, carismático líder obreiro compostelán. Marcial lograra fuxir nun primeiro intre, esquivando os disparos que caían sobre as hortas que hoxe forman parte do parque de Belvís. Estaba agochado, preto, na cidade, na rúa do Pexigo. Como non daban con el, os falanxistas ceibábanse coa familia: insultos, agresións, mesmo o secuestro do seu sogro... e logo estaba o fume que prendían fronte ao seu domicilio.

Marcial Villamor era ebanista. Cando marchara a loitar á guerra de África non sabía ler nin escribir. Pero alí cambiou todo. A súa paixón polo coñecemento e as letras foron intensos, determinantes. De regreso a Galicia empezou a crear unha biblioteca que chegou a aloxar milleiros de volumes: ciencia, política, historia... Dúas paredes completas no 18 da rúa do Olvido, con seis metros de fronte cada una, custodiaban este legado.

Na rúa Caldeiraría, Marcial adoitaba visitar o seu amigo Arturo Cuadrado, propietario, xunto con Xoán Xesús González, da Libraría Niké. O seu contacto con Cuadrado levaríao a coñecer ao propio Ortega y Gasset. O filósofo chegaría mesmo a visitar o seu domicilio na rúa do Olvido.

E aquí o temos, á dereita desta imaxe, nunha fotografía posiblemente de inicios de 1936. Marcial pasea pola Alameda acompañado polo escritor ourensán Silvio Santiago, que era membro do Partido Sindicalista, formación que, en Compostela, dirixía Villamor. Silvio, autor dunha soa obra en vida, Vilardevós (O silencio redimido é póstuma), exiliaríase en Caracas.

Porque todo rachou aquel verán do 36. A memoria histórica condúcenos hoxe a querer saber, a lembrar. Nunca por desquite senón por xustiza, por xustiza histórica. Imprescindible para pechar feridas e continuar camiño.

Nin un só volume na casa

Falamos co neto de Marcial, Manuel San Martín. Hai poucos días faleceu a súa tía Fina, a derradeira dos cinco fillos de Marcial. Ela era unha memoria poderosa para coñecer aqueles días negros.

O fume ascendía, diciamos, polo barrio de Sar. A biblioteca de Marcial Villamor estaba a ser saqueada aqueles días de xullo do 36. Non quedou nin un só volume na familia. Diante da casa, como contaba Concha, a súa filla máis vella (e nai de Manuel Santiago), os fascistas facían lume con xornais: así podían agochar algúns volumes, que levaban canda eles. Queimaban, mais tamén roubaban, esa era a fatal estratexia.

Marcial pasaría varios meses oculto na súa aldea natal de Vilouriz (Toques). Regresa e é detido en Baralla. Durante o seu traslado a Compostela é asasinado dun disparo na cabeza, nunha das curvas de Guntín, na estrada de Lugo a Santiago. Era o 28 de setembro de 1937.

Na rúa do Olvido, 18, e no número 11 da Ensinanza (onde Marcial tiña o taller de ebanista), situamos pois hoxe este mapa emocional que imos trazando con cada Fotohistoria.