Javier Sánchez: «Conxo necesita un proxecto integral para relanzar a economía do barrio»

Margarita Mosteiro Miguel
marga mosteiro SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO CIUDAD

SANDRA ALONSO

O presidente da Asociación de Veciños Conxo Aberto estará atento «ao cambio de actitude do Concello ante os problemas do centro sociocultural»

27 sep 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

A Asociación de Veciños Conxo Aberto capitaneou esta semana as reclamacións dos residentes no barrio polo mal funcionamento do centro sociocultural. «Ao principio pensabamos que era unha cousa só connosco, pero o martes viñeron doutros barrios á asemblea, como do Castiñeiriño, Santa Marta e Fontiñas, e teñen o mesmo problema. A nova xestora vai con atraso e vemos certa parálise».

-Confían nunha solución? O portavoz municipal dixo tomar nota do dito na asemblea.

-Dixo que trasladaría os problemas ao resto do goberno, e que habería un cambio de actitude cara á empresa. Nós estaremos atentos, pero o certo é que o atraso afecta á xente. As familias teñen que organizar a súa vida. Sabemos que haberá actividades, pero o problema é que chegarán con atraso. Non van comezar antes de finais de outubro.

-Cando a xestora programe, hai risco de que as actividades da asociación teñan que cambiar?

-De ningunha maneira. Eles van con atraso, e agora son eles os que terán que adaptarse. Nós organizamos co coordinador.

-Senten en Conxo que están esquecidos?

-En Conxo hai moitos temas pendentes, que requiren de atención por parte de todas as Administracións, o Estado, a Xunta e o Concello. A listaxe é grande. Fixéronse cousas, pero quedan por facer outras. A listaxe aumenta, e non se recorta por abaixo.

-A humanización da superficie do túnel está na lista?

-É moi importante, porque Conxo quedou dividido. Foi un proxecto pechado en falso, e xa pasaron dous gobernos e tres ou catro ministros de Fomento, pero seguimos esperando unha solución. A vía provoca ruídos e inseguridade, e supón un problema de comunicación para os veciños. É unha infraestrutura para facer máis fácil a vida aos de fóra do barrio, que cruzan sen problemas.

-O tecido comercial foi o que máis sufriu coas obras?

-Está moi afectado, porque non é fácil chegar a Conxo. Hai que pór en marcha un proxecto integral para relanzar a economía do barrio. É incómodo, e para quen non está familiarizado co barrio é case imposible chegar.

-O centro de saúde está descartado?

-Nós non imos abandonar. O centro de saúde era unha prioridade para o Goberno galego, pero pasou ao esquecemento. Tiña proxecto e ía facerse ao mesmo tempo que o de Galeras, pero agora non está nas prioridades da Xunta. Se antes era necesario, agora, co aumento de poboación, tería que selo máis. A necesidade non baixou, todo o contrario. O centro de saúde pode ser unha maneira de dinamizar o barrio.

-No seu lugar estase a facer un aparcadoiro.

-É temporal. Alí o que ten que facerse é o centro médico.

-Solucionará parte dos problemas de falta de aparcamento?

-Depende. Ten que ser de rotación, se non será como o da Pontepedriña. Rotación, pero gratuíta, porque a xente ten que ter facilidade para vir a Conxo. De noite para os veciños, e de día rotación gratuíta, controlada polos da ORA e cun tempo limitado. Terán que cambiar a ordenanza, que o fagan. Pero non vai ser suficiente para resolver os problemas de aparcamento. Hai que buscar alternativas para todos os que van ao hospital, ao psiquiátrico e tamén ás outras infraestruturas do barrio.

-Falando en positivo, que pode ofrecer Conxo?

-Ten unha riqueza patrimonial case descoñecida: a igrexa, a escalinata, claustro e parque do psiquiátrico; o bosque do Banquete, que despois da festa case é só para os veciños de Conxo. Hai que seguir coa recuperación do río ata A Choupana. Falta organizar e planificar a difusión da riqueza natural e patrimonial de Conxo.