Del Riego e Calero, de paseo pola Alameda

quique alvarellos

SANTIAGO CIUDAD

cedida

Retratados no verán de 1932 cando estudaban na cidade

23 sep 2018 . Actualizado a las 09:36 h.

Xa temos falado en varias das nosas Fotohistorias dese ano dourado na vida de Compostela como foi o de 1932. Uns tempos nos que Santiago fervía cultural, social e politicamente. Intres tan intensos coma efémeros. Por iso, ver agora de paseo pola Alameda a Francisco Fernández del Riego e a Ricardo Carballo Calero, en xullo de 1932, case que é un capítulo gráfico máis, totalmente normal, naqueles días áureos.

Quizais, moi preto, no mercado de Santa Susana andaba Arturo Cuadrado, maquinando baixo os carballos a súa Barraca Resol onde espallar letras e arte entre o pobo campesiño, ou arranxando convites do Comité de Cooperación Intelectual. E un pouco máis arriba imaxinamos a Carlos Maside (acabado de retornar á cidade), no seu encontro con Federico García Lorca, a quen retrataría a lapis no Bar Viño de Mazarelos; mentres que abaixo, no Vilar, Ánxel Casal daba forma á primeira editora moderna da nosa historia...

Regresemos á fotografía. Recollémola do libro de Antón Mascato Paco del Riego. Unha historia da restauración política e cultural (Edicións do Cumio, 2002). Naqueles días de 1932, un elegante Paco del Riego, de tan só 19 anos, pasea ataviado con paxariña e pano que sobresae da americana; estuda Dereito na USC e realiza xa unha intensísima labor cultural, centrada na galeguización da nosa sociedade. El simboliza, dende aqueles intres ata o final da súa vida (faleceu en 2010 con 97 anos), o traballo constante, útil, verdadeiro, a prol da nosa cultura.

Ao seu carón, Ricardo Carballo Calero. Estudante ferrolán de 21 anos que se trasladara a Compostela para cursar Dereito e Filosofía e Letras, e cumprir o servizo militar, e así o vemos aquí vestido, co traxe castrense. Xa licenciado en Dereito, agora estudaba Letras e iniciaba unha fonda militancia política no movemento nacionalista. O ano anterior participara na creación do Partido Galeguista e poucos meses despois da nosa fotografía volverá a Ferrol, onde gaña a praza de administrativo no Concello. Pero o seu futuro profesional, en modo algún se desenvolverá aquí. En 1931 iniciaba a súa aventura na escrita en galego co libro de poemas Vieiros e as nosas Letras serán o seu cerne, nunha abraiante carreira docente e literaria...

Xa como Ricardo Carvalho Calero, falece en Compostela en 1990 e, na actualidade, un impoñente busto en bronce, obra de José Molares, olla cara esa Alameda na que hoxe os vemos retratados.

O camiño andado por estes dous homes dende aquel verán de 1932 é ben duro e coñecido. En Vieiros escribía Calero, como unha premonición, que «as nosas vidas cairán no serán». En modo algún caeron, pero si estiveron a piques, trala guerra.

Ou dous ollan agora á cámara dun fotógrafo anónimo, e ollan tamén para nós, pois, dalgún xeito, están a interpelarnos no tempo...