Agustín Hernández: «Teño escoitado moita decepción na rúa»

ROSA Martínez SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO CIUDAD

Xoán A. Soler

Di que ligar os problemas da cidade a un alcalde que só estivo un ano é un xeito tramposo de abordar as eleccións

09 sep 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

O seu primeiro contacto coa xestión municipal levouno directamente á alcaldía no 2014, para rematar un mandato ata entón turbulento. Foi un ano «trepidante» no que «fomos quen de iniciar unha senda de normalidade». Na oposición dende o 2015, Agustín Hernández (Madrid, 1961) tivo tempo de «coñecer mellor a cidade» para «poder presentar agora un proxecto que mire ao futuro». A súa vea deportiva asegúralle un contacto constante co territorio. O habitual é que ande arredor de 300 quilómetros mensuais. En agosto foron 400.

-Iso dá moito tempo para pensar.

-Si, e para coñecer, e quizais debería ir máis amodo. E creo que teño unha virtude que tamén é un defecto, e en política iso é complicado: teño un sentido da orientación moi acentuado, pero non teño esa capacidade para quedarme coas caras. E tamén se dás imaxe de ir con présa pode xerar un certo reparo da xente para falar contigo.

-Pois agora é tempo de traballar máis coa xente... Está disposto a que o paren?

-Sempre digo que estou disposto a escoitar. A obriga dun político de ámbito local é escoitar a todo o mundo e asumir as responsabilidades, incluso as que non tocan; e interiorizar os problemas dos veciños, porque ao final entenden ao alcalde como a primeira liña da Administración e é inevitable que pensen que é culpable de todo o que pasa na cidade, poida ser competencia municipal ou non.

-De que é culpable Noriega?

-Preferiría non falar de Noriega. El é o alcalde por dereito e porque acadou o maior número de votos, e gobernou, creo que con notable comodidade, para o número de concelleiros que ten. E agora Agustín Hernández non ten que falar do alcalde, senón do que considera ao respecto da situación da cidade e do que cremos que debe ser Santiago. As eleccións deben ser para presentar unha idea do que queremos para Compostela.

-E esa idea é...?

-Santiago ten que recuperar o orgullo de capitalidade.

-O alcalde veo xa recuperado.

-Discrepo. Se algo non recuperou Santiago neste mandato foi o orgullo. Falo con moita xente e a sensación é de decepción, tristura, preocupación respecto da deriva e da falla de proxecto de futuro. Un proxecto que permita loitar para que Santiago estea onde estivo e onde teña que estar. O alcalde utiliza iso moito no seu discurso, pero o traslado á realidade non se corresponde con esa manifestación.

-Co mandato na recta final, faga balance da xestión do goberno.

-Habería que preguntarlle aos veciños se Santiago está mellor ou peor e se recoñecen e identifican algún proxecto estrela, novidoso, algún modelo de cidade por parte deste goberno. Eu, polo menos, teño escoitado moita decepción na rúa, e esa é a reflexión que temos que facer.

-Vostede arrancou este último tramo pedindo unha rebaixa fiscal.

-Non só creo que é posible, senón que temos feito un traballo importante, intenso e realista para trasladar esa proposta a cifras concretas, que estarán na presentación do programa xunto coas propostas en materia de infraestrutura, vida cultural (...), transparencia e xestión municipal, onde cremos que hai moitísimo que traballar. E niso non ten a culpa o PP. O Concello ten unha estrutura administrativa moi mellorable cara ao cidadán e iso é unha herdanza nefasta de gobernos que non miraron por esa cuestión.

-Non hai programa electoral que non queira modernizar a Administración. Que falla?

-Historicamente esa foi unha cuestión que non preocupou nos gobernos municipais, non me refiro só a este, que non fixo nada novidoso niso tampouco, senón aos gobernos históricos, porque esta cidade historicamente foi gobernada polo PSOE, só ou en coalición co BNG. E é curioso que agora todos os problemas foron ocasionados por un alcalde que estivo escasamente un ano! Esa é unha forma bastante tramposa de abordar este reto electoral.

-Onde está a trampa?

-Cando Compostela Aberta esgota os seus argumentos para tentar xustificar a súa inacción, xa sexa coa depuradora, os comedores escolares ou a escola de música, tira de argumentario e retrotrae o momento político ao primeiro ano do PP. E nós xa temos recoñecido que foi un mandato complexo, que tivemos equivocacións, e temos pedido desculpas. E pasamos por un proceso electoral no que, dalgún xeito, pagamos a factura dese mandato. E a cidade necesita mirar ao futuro, dicir o que se quere facer da vida cultural, do mantemento, cos servizos municipais máis aló dunha teórica municipalización dun servizo, cando o resto están sen contrato ou nun absoluto limbo legal.

«Saímos ao partido para gañar e gobernar»

Coas eleccións á vista, só o BNG dispón xa de candidato. Mentres CA agarda a que Noriega se decida e o PSOE apunta a primarias, Hernández resístese a confirmar que porá cara ao cartel do PP, un partido «previsible, disciplinado e xerárquico» que «administrará os tempos sen présa e con prudencia»: «Antes de mediados de outubro estarán determinados os candidatos das cidades».

-Se é previsible, o previsible é que vostede sexa o candidato.

-Demostrei o meu compromiso coa xestión nas responsabilidades autonómicas, nos 11 meses que estiven na alcaldía e traballando na oposición para tentar acadar a confianza dos veciños para poder xestionar a cidade.

-Manterase todo o mandato de non acadar a alcaldía?

-Facemos unha proposta para gañar e gobernar. De non ser así haberá que analizalo nese momento, pero esa non é unha alternativa que estea na nosa cabeza, nin na miña.

-Inqueda no PP unha posible volta de Bugallo?

-Non traballamos mirando ao resto das formacións, senón coa idea de conformar unha candidatura na que se poidan ver reflectidos os cidadáns que consideren que o ritmo e o rumbo da cidade non é o axeitado, e nós saímos ao partido para gañar e gobernar. Creo que amosei o meu compromiso coa cidade, a miña capacidade de asumir un reto complexo nun momento máis complexo e complicado, e ofreceremos transversalidade, unidade, ilusión e un proxecto claro.

-Algún consello para os conselleiros que serán candidatos na Coruña e Ferrol, as outras dúas cidades con goberno das mareas?

-Non, porque cada cidade é diferente e os perfís de Rey Varela e de Beatriz Mato tamén o son.

«Hai que sentar coa USC e recuperar o esplendor do campus»

O proxecto para incorporar a intermodalide no transporte á estación de tren está xa en marcha coas obras da terminal de autobuses que executa a Xunta. Pero a Hernández preocúpalle o nivel de «improvisación e falta de concreción do goberno local sobre as razóns da filosofía que tenta introducir en Clara Campoamor».

-Non comparte o perfil que lle quere dar Compostela Aberta?

-Obviamente prefiro unha vía humanizada, pero cando estou facendo unha vía para acceder á estación de buses o responsable é dicir cantos van entrar e saír, como van acceder ao periférico... E logo, se é posible facer un deseño máis humano que acolla outros usos, ben, pero facer o deseño antes que a diagnose é, cando menos, atrevido. O que digo é que o obxectivo dunha vía de acceso a unha estación é permitir o acceso de coches, buses e taxis.

-E comparte a visión de Beatriz Mato de que o acordo que trouxo Noriega de Madrid para a depuradora é desleal coa Xunta?

-O Sar é competencia no ámbito hidráulico da Xunta, que cofinancia a nova depuradora, e parece razoable que se vas negociar unha proposta diferente á que estaba na mesa fales con todos os actores implicados, e o Concello só falou co ministerio. O resumo do mandato de Noriega coa depuradora é 3 anos en branco e un de lea, pois en maio non teremos unha depuradora en construción que si podería estar coa que tiñamos aprobada. Logo pode gustar máis ou menos, pero levamos catro anos de mandato perdidos.

-A situación do mantemento do campus xa se coa no discurso de apertura de curso do reitor.

-Ese é un dos grandes retos que ten o Concello: sentar coa USC e buscar a forma de colaboración que permita recuperar o esplendor do campus, unha xoia do urbanismo de Santiago, como parte integrante da cidade; pero tamén interiorizar no pensamento colectivo que a USC non é un mundo alleo á nosa realidade. Santiago é punteira en investigación.