Perforando na liña Santiago-A Coruña en 1929

As obras de construción para o tren durarían dezaseis anos


«¡Coruña-Santiago!. La capitalidad de Galicia se unirá con la Roma española». Así se describe a nova liña de ferrocarril que en 1929 se estaba a construír entre Santiago de Compostela e A Coruña. Publicamos un documento gráfico moi descoñecido, pois a imaxe que hoxe ilustra esta Fotohistoria apareceu recollida na revista coruñesa Galicia gráfica, publicación que é toda unha rareza, cuxos números son moi difíciles de atopar. Cédenos o exemplar número 113, correspondente ao 25 de febreiro, o bibliófilo Julio Estrada, a quen moito estimamos o agasallo. Trátase dunha reportaxe de dúas páxinas con catro fotografías, firmada polo director da publicación, o enxeñeiro e xornalista coruñés Fernando Montero de Doiztua, onde describe o estado das obras de construción da agardada conexión por tren entre Santiago e A Coruña.

Así o conta Doiztua: «El viaje, hoy pesado y molesto, pronto se efectuará sin el menor quebranto, lleno de emotividad, entre paisajes y perspectivas de luz, por llanuras de espléndido verdor».

Efectivamente, a viaxe entre Santiago e A Coruña supoñía unha tortura -e unha aventura- ata finais do século XIX. Duraba... ¡sete horas! Facíase en carruaxe, en dilixencia, tirada por cabalos, a famosa Ferrocarrilana que se movía a menos de 10 km/h. Descríbea así Pérez Lugín en La casa de la Troya (1915): «Y la Carrilana arrancó violentamente con estrépito de herrajes viejos, rotundidez de tacos y sonora y alegre cascabelería». Co cambio de século introdúcense modernos ómnibus a vapor que reducen o tempo da viaxe a unhas catro horas. A primeira compañía sería La Regional, fundada polo gran inventor Antonio Sanjurjo Badía, que desbancaría á Ferrocarrilana. E nos anos 20, Evaristo Castromil, o seu sucesor, cubrirá o treito xa nunhas dúas horas e media.

Un viaxeiro ilustre, o futuro poeta Federico García Lorca, deixou para a historiografía compostelá e coruñesa esta descrición tan agarimosa da nosa paisaxe dende o ómnibus a vapor que o trasladaba dende Santiago. Estamos en outubro de 1916: «El descenso de las cuestas es agradabilísimo, es algo así como sumergirse en el vacío. El valle es delicioso (...). Todo es blando, suave...».

Pois ben, situémonos de novo neste 1929, coa construción dunha liña de ferrocarril que vivirá unha longa peripecia. Fora iniciada en 1927 en tempos da ditadura de Primo de Rivera, paralizada en 1932 durante a República e reiniciadas as obras poucos meses despois. Quedarían varadas de novo durante toda a Guerra Civil. Sería Franco, en abril de 1943, quen finalmente inaugurase a liña, xunto coa estación de Santiago de Compostela e a de San Cristovo na Coruña.

Por certo, naquel tempo, o autor desta reportaxe, Montero Doiztua, xa fora detido polos golpistas e condenado «por rebelión» cunha sentenza de prisión de doce anos e un día. Deixemos finalmente, ollando esta fotografía, que os operarios continúen furando na pedra do tempo coa sonda e ese mazo pneumático triturador.

editor@alvarellos.info

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
3 votos
Comentarios

Perforando na liña Santiago-A Coruña en 1929