Antón Costa, fundador da Nova Escola Galega, recibe o Caxato de Pousa Antelo

emma araújo SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO CIUDAD

SANDRA ALONSO

Teo acolleu a homenaxe ao ilustre galeguista que da nome ao simbólico premio

21 ago 2018 . Actualizado a las 05:10 h.

Teo lembrou onte a Avelino Pousa Antelo do mesmo xeito que nos últimos sete anos, facendo entrega dunha réplica do seu caxato a un persoeiro vencellado a este fillo predilecto de Teo, finado hai sete anos. A persoa homenaxeada nesta ocasión foi Antón Costa Rico, catedrático da USC, exdecano da Facultade de Ciencias da Educación e un dos fundadores da Nova Escola Galega, que mantivo unha longa amizade con Lucho do peto.

Pilar Faxil, concelleira teense de Cultura, referiuse a Pousa Antelo como un home «sinxelo, digno, moi digno, entregado á causa de todos», mentres que Alfonso Blanco Torrado, presidente da irmandade que leva o seu nome e que decidiu homenaxear a Costa Rico, aludiu á súa «fidelidade galeguista». Antes de que Antón Costa tomase a palabra, Xosé Lastra fixo unha laudatio do novo dono do Caxato e Xoán X. Abella aportou cun recitado poético.

Antón Costa lembrou no seu discurso a amizade con Pousa Antelo, ao que coñeceu pola labor educativa que os dous compartiron e destacou o seu traballo como galeguista e educador.

Co Caxato xa entregado, o acto continuou no paseo Avelino Pousa Antelo, na urbanización Os Verxeis. Alí houbo a tradicional ofrenda floral e unha nova intervención da familia de Pousa, que no acto previo agradeceu que as diferentes persoas que recibiron o Caxato de Lucho lles aportasen historias que ate o momento descoñecían.