Antón Pombo: «No Camiño hai demasiados negocios e mercantilismo, sobre todo en Galicia»

joel gómez SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO CIUDAD

PACO RODRÍGUEZ

Historiador, ator de varias guías de rutas xacobeas, eivindica «rigor e documentación da tradición»

19 ago 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Antón Pombo (1964), doutor en Historia Contemporánea pola USC, di que é «un profesional do Camiño», pois leva publicadas máis de 20 guías sobre rutas de peregrinación. Da do Camiño Francés, a de máis éxito, prepara a edición número 14. Fixo tamén as dos camiños do Norte primitivo, Inglés, e Portugués, deste último este verán editou unha nova versión, en portugués: «dos grandes itinerarios históricos só me falta a Vía da Prata, que son moitos quilómetros, aínda que quizá a farei algún día».

-¿Está moito nos Camiños?

-Estou sempre; e cando non camiño, estou a escribir sobre o Camiño na miña casa, en Corcubión, que tamén está no Camiño.

-¿É un traballo moi reiterativo?

-É un traballo que esixe moito esforzo. Para actualizar unha edición fago de novo ese Camiño, porque se dan moitas mudanzas en pouco tempo, hai moita efervescencia: varían os prezos e os negocios; aumenta a oferta de aloxamentos, agora mesmo é o bum dos apartamentos, cada vez máis demandados; tamén vexo as novidades na restauración; e detalles que hai que coidar para certos públicos.

-¿Que detalles?

-Por exemplo, os peregrinos estranxeiros teñen especial interese en información sobre petiscos, e como os libros se venden tamén noutros países, hai que ter ben en conta informacións así.

-¿Como valora tanto dinamismo?

-Como son historiador, defendo rigor e documentación da tradición, porque algúns excesos que se están a dar fan que perda seriedade e iso pode prexudicar.

-¿A que excesos se refire?

-Por exemplo, a que están a aparecer camiños por toda a parte, hai moitos inventos, sen documentar unha tradición do paso de peregrinos ao longo dos séculos. Acontece, poñamos por caso, co que dan en chamar Camiño de Torres Villarroel, de Salamanca a Compostela pasando por Portugal: é unha ruta desa persoa, non se pode comparar coas máis coñecidas e tradicionais.

-¿Como se soluciona iso?

-Deben intervir as Administracións, evitar as propostas disparatadas. O Camiño debe estar en relación coa tradición histórica.

-¿Non interveñen o suficiente?

-Para recuperar un Camiño, nunha primeira fase é necesario o impulso público, para que se consolide. Despois, cando comeza a funcionar ben, a iniciativa privada aproveita para facer negocios. E hai unha terceira fase, cando a iniciativa privada ve a presenza pública como competencia. Iso é recorrente. Se é un itinerario cultural estratéxico, como así se considera, as Administracións deben saber intervir.

-¿Nota ausencias nos camiños?

-Sería bo potenciar os albergues de donativo, con hospitaleiros voluntarios, que non se perda ese espírito tradicional do Camiño.

-¿Pensa que se está a perder?

-Hoxe no Camiño hai demasiados negocios e mercantilismo, sobre todo en Galicia. Nos albergues de donativo hai convivencia, máis vida comunitaria e outras alternativas de actividades, buscando que a xente se realice, que participe, que se presente e conte a súa vida. O Camiño é moi rico, atrae xente de todo o mundo e eses intercambios son moi enriquecedores. Os negocios son máis fríos: tes o teu número, uns horarios, e non hai tanta convivencia; cando moita xente fai o Camiño na procura precisamente de convivencia.

-Fixo moitas guías, ¿como evolucionou neste traballo?

-A primeira que fixen, publicada en Xerais, está máis pensada para persoas viaxeiras que veñan con vagar, dispostas a reparar nos atractivos culturais, gastronómicos ou etnográficos e gozar deles. Do Camiño Francés fixen un formato completo, outro de peto e unha axenda.

-¿Ten novos proxectos?

-Alén da nova edición sobre o Camiño Francés, traballo nunha guía para Internet do Camiño de Arles (Francia) a Santiago, que fixen esta primavera, en 38 días a pé. De cara ao próximo ano santo tamén teño proxectos para Internet e quizá algunha nova guía. Cada vez estou máis afeito ao mundo das persoas peregrinas.

«A ruta portuguesa é ideal para o turismo internacional»

Antón Pombo publicou recentemente Guia do Caminho Português a Santiago. Trata do Caminho Central (Lisboa-Compostela), de variantes do da Costa (Porto-Redondela) e do de Braga (Porto-Ponte de Lima). «Editar noutros países e idiomas non é fácil. Antes só o conseguín en coreano, unha guía do Camiño do Norte, con axuda dun profesional para a tradución; tentei tamén en inglés, e en Italia, sen éxito».

-¿Como é esta nova guía?

-Como a publica Através, unha editora de Compostela, insiste moito nas relacións de Galicia e Portugal. Describe as etapas, ten informacións prácticas para peregrinos, e tamén fala de reis e raíñas de Portugal que viñeron a Santiago desde a Idade Media; e outros asuntos de cultura, historia, idioma, ou da idiosincrasia e de formas de entender a vida en Galicia e en Portugal.

-¿Interesa en Portugal o Camiño?

-Ultimamente interesa moito, asumen as posibilidades do Camiño, en especial as culturais, económicas e para o desenvolvemento das zonas por onde pasa. Porén, hai poucos libros en Portugal sobre o Camiño e son máis ben diarios ou experiencias persoais, non guías. É unha diferenza con Brasil, onde hai gran cantidade de publicacións.

-¿A que atribúe esa diferenza?

-En Portugal interesa menos a peregrinación longa, prefiren dúas semanas de camiño como moito. Fixen esa ruta varias veces; mesmo axudei á recuperación e á sinalización de varios traxectos, é non se ven moitas persoas portuguesas que peregrinen soas; camiñan máis en grupo, ou por parroquias.

-¿Como é o Camiño Portugués?

-Funciona moi ben sobre todo para estranxeiros, moi favorecido polas 79 conexións do aeroporto do Porto e por ser un itinerario de media distancia perfecto para facer en dúas semana. Por iso a ruta portuguesa é ideal para o turismo internacional.

-¿Por que fala de tres itinerarios?

-Son os máis coñecidos e os de maior tradición. O da costa medra máis, ten moitos atractivos en Vila do Conde, Póvoa do Varzim, Caminha, Esposende, Viana do Castelo sobre todo, e o que todos coñecemos de Galicia. Braga está a recuperar moito o seu camiño antigo, co interese da cidade ou dos santuarios do Bom Jesus e de Sameiro.

-¿Compiten Santiago e Fátima?

-Non, son diferentes. Fátima é un santuario de fins exclusivamente relixiosos, onde se cumpre con ritos católicos; o Camiño de Santiago é outra cousa, máis aberto a outras experiencias e non só relixiosas, calquera persoa se pode sentir ben camiñando para Compostela.