Zósimo López: «As transformacións do Camiño levan a novas realidades que sorprenden»

Salienta o uso «dun xeito que descoñeciamos» de simboloxía xacobea no exterior


SaNtIaGO / la voz

Da experiencia dos últimos anos como docente e investigador universitario Zósimo López conclúe que «o mito do propio Camiño de Santiago viaxa, evoluciona e vai mudando ao longo do tempo e do espazo», e deriva en propostas e usos da súa simboloxía «dun xeito que descoñeciamos». E como «as transformación do Camiño levan a novas realidades que sorprenden. Por exemplo: despois de ver The Way, o director de arte da xira de Madonna veu a Santiago, tivo un forte impacto ao ver o botafumeiro e, sen reparar no seu significado, mandou facer un igual nos Estados Unidos, que incorporou ao concerto de inicio da xira desa artista, en Tel Aviv. Así, un símbolo exportado de aquí foi utilizado cun significado ben diferente».

Zósimo comprobou a produtividade do Camiño nun curso que ofreceu, como profesor visitante, na Università degli Studi di Verona (Italia). Traballou de febreiro a xullo de 2017 con estudantes de lingua especializada para o comercio e o turismo. Utilizou nesas aulas «diferentes formas do discurso, baseado no Camiño de Santiago, que permite falar de realidades xeográficas diferentes e dar unha visión que diverxe da de turismo de sol e praia; e tamén pola vertente relixiosa, de atractivo en Italia».

Con ese alumnado aplicou a metodoloxía da aprendizaxe alicerzada en proxectos, «que favorece facer un produto final como obxectivo, saber propor un proxecto para vender. Iso resultaba valioso para o seu futuro profesional ao finalizar os estudos». Para que coñecesen tamén o español de América acrecentou a opción de escoller, así mesmo, unha romaría de Loja (Ecuador).

Comprobou como o Camiño de Santiago foi moito máis produtivo: «Ese alumnado tiña que buscar, con traballo en grupo, ideas de negocio, de desenvolvemento turístico. Así, una estudante de Boloña propuxo a posibilidade de organizar o Camiño en moto, porque nesa cidade está a fábrica da Ducati, unha ben coñecida marca de motocicletas, e deseñou unha iniciativa que me pareceu moi valiosa; outra idea era de importar comida italiana, ou pór postos de pasta en zonas do Camiño, orientados para persoas de Italia que peregrinasen, e que podían interesar a outras moitas. Tamén elaboraron un proxecto para atraer a Verona a persoas que peregrinasen a Compostela, polo interese relixioso. Eran traballos que podían impulsar negocios».

No proceso de documentación, eses grupos de Italia «deron con algunha iniciativa que se pode considerar estraña e que lles fixo pensar para o seu futuro; como a dunha muller de California, que aprendeu unhas receitas gastronómicas cando fixo o Camiño de Santiago, coas que tivo éxito nos Estados Unidos, e das que mesmo publicou un libro, sen tradución ao español nin ao italiano».

Aínda que a súa dedicación profesional é na Universidad Internacional de La Rioja, Zósimo mantén o contacto coa USC, onde se formou e investigou sobre a cultura galega, e en especial na música. Agora, co grupo de investigación Galabra, de Filoloxía, tamén se ocupa do Camiño: «En colaboración con persoas do grupo, como Irene Pichel, que utiliza o programa informático Iramuteq, estamos a analizar asuntos como as imaxes e as accións publicitarias que se promoven sobre o Camiño de Santiago desde as institucións. Queremos avaliar o seu impacto real, se son investimentos de interese, ou se as expectativas que pretenden nos consumidores se adaptan ás realidade do clima ou da paisaxe do país e resultan efectivas. Porque unha praia con fondo de neboeira, ou un verde de fraga, como os que aquí predominan, máis que os característicos doutras xeografías, tamén teñen posibilidades turísticas».

Formación. Zósimo López é de Santiago. Realizou a súa formación na USC, nas facultades de Filoloxía e Ciencias da Comunicación.

Docente e investigador. Exerce como docente da Universidad Internacional de La Rioja, e como investigador nese centro e no Grupo Galabra da USC.

Vive Camino

Toda la información sobre el Camino de Santiago en Vive Camino

Votación
2 votos
Comentarios

Zósimo López: «As transformacións do Camiño levan a novas realidades que sorprenden»