Xosé Manuel Durán: «Montero Ríos é un exemplo de como se pode dar máis espazo ás persoas»

Raquel C. Pérez SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO CIUDAD

LUCÍA JUNQUERA

O novo presidente da asociación de veciños do Ensanche afirma que «os edificios teñen corenta anos, iso significa uns setenta en anos humanos, necesitan arranxos»

22 jul 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Dende principios deste ano Xosé Manuel Durán é o presidente da Asociación de Veciños Raigame, do Ensanche, que quere fornecer as relacións veciñais e poñer en valor as raíces do barrio.

-Reivindican a memoria do barrio coas festas «Máis de 55 anos no Ensanche». Cal é o balance?

-Estaban pensadas para dinamizar o barrio. A acollida sempre foi positiva, pero o que queriamos, que era crear espírito de barrio, vai levar bastante máis de tres anos.

-Organizaron reunións en xuño e xullo para trazar un plan para o barrio. Participa o comercio?

-Participan con nós. O primeiro encontro organízase a raíz do desánimo do comercio local pola situación económica do Ensanche. Pola banda dos hostaleiros as rendas dos baixos son altas e algúns teñen que trasladarse ou mudar de profesión.

-Para a folla de ruta puxeron en marcha varias enquisas, en torno ao urbanismo, a hostalaría, as relacións veciñais e o comercio.

-Queremos que a xente poda opinar, e recoller as opinións de todos. Polo de agora gustaríanos dar valor á praza de Vigo, onde estaba a casa na que naceu Rosalía, ou devolver a cruz de Ramírez orixinal ao seu lugar.

-Entre as cuestións destaca, por exemplo, a proposta de usos para o solar do Peleteiro.

-Agora mesmo o único espazo aberto que temos para convivir é a praza Roxa, a de Vigo e a de Galicia teñen moito tráfico. O solar sería de gran utilidade para realizar actividades, festas como o san Xoán ou mesmo obradoiros ou exposicións.

-O tráfico semella outra das problemáticas do barrio.

-Sobre todo o tráfico de paso, aquel que non busca os servizos. Comprobamos que canto máis tráfico hai, menos xente quere pasar pola rúa.

-En canto aos servizos municipais, perciben algunha carencia?

-Enterámonos de que o centro sociocultural do Ensanche pode pechar, e que no lugar abrirá un centro de día privado. Esperamos que se destinen outras dependencias municipais para ese uso.

-En decembro de 2017 reuníronse co goberno local.

-Están abertos ás demandas, e adoitan responder, antes ou despois.

-Como valoran as actuacións de humanización do Ensanche?

-Montero Ríos é un exemplo de como se pode dar espazo ás persoas sen prexudicar ao tráfico.

-Considera necesaria a intervención da Administración, local ou autonómica, para dar resposta aos baixos baleiros?

-É moi importante. Os prezos subiron e os donos non se decatan da perda de rendibilidade que supón un baixo baleiro. Ademais, moitos están sucios, o cal aumenta a sensación de abandono das rúas.

-E para incentivar o aluguer dos pisos baleiros?

-Hai axudas para rehabilitación. Os edificios do Ensanche teñen corenta anos, o que significa uns setenta en anos humanos, necesitan arranxos nas fachadas, nos tellados. Para as Casas de Ramírez foi moi caro instalar ascensores. O que pasa é que non sempre é fácil chegar a esas axudas.

«Levo no Ensanche dezanove anos»

«Cheguei a Santiago no ano 85, instalado coa miña familia levo no Ensanche dezanove anos», explica Durán. Ademais de atender o seu local, a tenda de produtos ecolóxicos A Cesta da Saúde, é apicultor. Mentres atende a entrevista numerosos paseantes do barrio achéganse a saudar. Comezou a involucrarse máis na asociación veciñal para liberar ao anterior presidente, Xoaquín Mato, da súa carga de traballo. «Ao final a carga de traballo non diminuíu, senón que foi a máis, pero eu estou contento».

«Que o Concello aprobe propostas é un recoñecemento»

Ademais das festas do barrio, a asociación veciñal Raigame colabora na organización do mercado Eco&Art, que se celebrou cada dous sábados durante xuño e xullo. Nel participaban artesáns e produtores ecolóxicos. Este ano presentouse ao programa de dinamización comercial do Concello «Con B de Barrio».

-Presentaron dúas propostas a «Con B de Barrio» que foron aceptadas.

-Que o Concello aprobe as nosas propostas é un recoñecemento. Ao traballo que levamos feito e tamén ás necesidades que plantexamos.

-Podería explicar en que consisten?

-O primeiro proxecto, que se vai levar a cabo na área de Ramón Cabanillas, Fernando III O Santo e Casas de Ramírez, quere interrelacionar a veciñanza, o comercio e a hostalaría. Queremos facelos máis visibles, e que se convertan nun punto de encontro. Gustaríanos que as ofertas dos comerciantes, por exemplo, tivesen cabida nos locais da hostalaría da zona. Aínda estamos definindo exactamente o noso plan de actuación.

-E o segundo proxecto?

-É un pouco máis amplo, abarca todo o concello. Hai unha primeira fase de alimentación, que busca incentivar a que no rural compostelán se cultiven produtos locais. Tamén poñer en valor aos restaurantes, tendas e consumidores que vendan estes produtos. Por outra banda queremos destacar aqueles negocios que representen algún valor para o medio. Os que non usan bolsas de plástico, por exemplo, os que venden roupa de comercio xusto. En definitiva, os actores que participan a construír unha economía circular.

-Nesta liña, tamén puxeron en marcha o mercado Eco&Art, cal foi o balance deste ano?

-É positivo. Dá vida a unha zona que doutro xeito tal vez non a tería. É verdade que en verán é máis complicado, porque os composteláns teñen moi arraigada a tradición de marchar á praia durante as fins de semana. Tal vez o despracemos aos venres. Tamén nos gustaría organizar un mercado máis permanente, e para iso é importante conseguir abaratar os custos, para cubrir o espazo sería importante porque é bastante caro. Logo pensamos en aumentar as actividades, traer á Banda Municipal unha mes ao mes, organizar obradoiros ou xogos populares.

-Como recibiron esta actividade comercio e hostalaría?

-O mercado non choca co comercio, non houbo protestas por parte dos comercios locais, máis ben acollen positivamente a proposta.