Anik Nandi: «Non houbo nin implementación nin avaliación das políticas lingüísticas»

Raquel C. Pérez SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO CIUDAD

LUCÍA JUNQUERA

O sociolingüista bengalí, especializado en Filoloxía Galega, é colaborador da RAG e do Instituto da Lingua Galega

22 jul 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

O sociólogo bengalí Anik Nandi aprendeu a falar castelán en Calcuta. Na procura de mellorar o seu nivel, no 2007 e con 25 anos, instálase en Ourense para axudar como alumno de apoio nas aulas de fotografía da escola de Antonio Faílde. Decatouse entón de que os seus compañeiros non falaban galego, a pesar de ter nacido en Galicia. Movido pola curiosidade comezou a investigar. Daquela non imaxinaba que a transmisión interxeneracional da lingua sería o eixo central da súa tese.

«Comecei a tomar notas, a facer traballo de campo. Dende o punto de vista antropolóxico, etnográfico, pareceume moi interesante». A través dun compañeiro tivo aceso a un profesor da Universidade de Santiago. Era hispanista, pero a proposta de Nandi parecíalle interesante. Escribiu unha carta de recomendación, que o bengalí empregou para presentarse como candidato a unha bolsa do Ministerio de Asuntos Exteriores, a MAEC-AECID. «Era unha colaboración coa India, e penso que fun o único que obtivo a bolsa co obxectivo de vir estudar o galego». Entre 2008 e 2010 obtivo o diploma de Estudos Avanzados en galego, baixo a dirección de Henrique Monteagudo.

Nandi accedeu a unha praza como estudante de doutoramento na Heriot-Watt University, en Edimburgo. Incluso en chan escocés continuou a investigar sobre o galego.

«En 2014 o goberno sinala que a responsabilidade da educación nunha lingua ou noutra é das familias». Nandi quixo comprobar como funcionaban as políticas lingüísticas á marxe do sistema educativo. «Busquei familias de pais nacidos despois de 1975, que viviron as primeiras políticas lingüísticas da autonomía».

Nandi contactou e seleccionou familias de Bertamiráns, Compostela, Esteiro, Vigo e Narón. Levou a cabo dezaoito entrevistas e dous grupos de discusión. Ademais, «para comprobar como actuaban as familias no seu día a día pedinlles que se gravasen en distintos momentos». Deste xeito achegábase á súa rutina lingüística. Sete familias deron este paso, e os propios pais e nais convertéronse en investigadores. Os estudos micros coma este son fundamentais para Nandi, xa que «cada persoa ten a súa propia historia lingüística».

Entre as que colaboraron co sociolingüista están unha familia neofalante, que trata de educar aos seus fillos en galego, ou outra onde o pai e a nai son galegofalantes e, por moito que termen porque as súas fillas falen galego, non o conseguen. «Nas familias percibín unha negociación continua. Tralas entrevistas algunhas mudaron a educación dos seus fillos, incluíron máis actividades e ocio en galego». Os prexuízos seguen aí, e o propio Nandi os experimentou nas entrevistas ou na súa pel. Tamén hai quen non fala por medo a errar. Pero para el «non existe falar ben ou mal, existe falar galego».

«A política lingüística actual céntrase no sistema educativo. Houbo etapas nas que nin houbo implementación nin avaliación crítica das políticas lingüísticas», explica. As escolas e o núcleo familiar non o son todo. «Hai que ir máis alá. É importante o prestixio do idioma, na nosa mente existen xerarquías, hai unha diglosia». O mundo dixital, por exemplo, está fortemente castelanizado, e fai falta visibilizar e facer accesibles máis referentes culturais en galego. Hai persoas de entre 25 e 35 anos que viron o Xabarín Club e conservan unha tarxeta de membro. O idioma é máis que a lingua».

O sociolingüista sorrí cando explica que moitas veces lle preguntan por unha solución á perda de falantes: «A solución máis directa é falar galego».

O galego é un mundo. Levou esta actividade normalizadora, na que fala do seu país de orixe en galego, por doce centros escolares.

Investigacións. Continúa colaborando coa Real Academia Galega e co Instituto da Lingua Galega, foi poñente nos cursos de verán.