Nove poemas de García Lorca para alumear a noite compostelá

Raquel C. Pérez / s. l.

SANTIAGO CIUDAD

CEDIDA

A banda Liridade Noctámbula será a primeira en actuar nun ciclo de música na praza do Toural

20 jul 2018 . Actualizado a las 04:45 h.

Liridade Noctámbula, a banda liderada por Ramón Rey, abre este venres, ás 23.00 horas, no Toural o ciclo Compostela É Música!, enmarcado nas Festas do Apóstolo.

Rey vive da avogacía, pero tamén é músico profesional. Estudou en Santiago, Granada e Madrid, especializándose en dereitos de autor. Na cidade granadina montou o proxecto Liridade Noctámbula, nome co que homenaxea a outro poeta: Manuel Antonio. En Madrid, xunto ao baixista e arranxista Fabbio Alonso, preparou as pezas do que sería o primeiro disco do grupo, gravado entre o 2016 e o 2017. «Como é o primeiro leva por título o nome da banda», explica.

Cando volta a Compostela o traballo de Rey recibe un pulo en forma do premio Música Xove. Rey sinala que no disco «inicialmente iamos musicar os seis poemas galegos de Lorca, pero despois de escoitar un disco de Largartija Nick, no que colle textos de Un poeta en Nueva York, decidimos incluír dous textos dese libro tamén».

Aínda que tocar a Lorca poda impoñer, Rey admite que se sentiu cómodo grazas ao seu contacto e participación na escena musical granadina. «Sempre toquei folclore latino. En Lorca buscabamos música de raíz, blues, soul, funk. Ante todo queriamos xerar vangarda», relata. «E abordar a Lorca dende un punto de vista emocional, das paisaxes que xera coas palabras. Tamén apartarnos un pouco da música de cantautor». Ademais, recalca Rey, os músicos que compoñen a banda teñen unha gran calidade.

Non é a primeira vez que Liridade Noctámbula participa nas Festas do Apóstolo. «Xa tocamos no Toural, na Alameda ou no Campus Sur». Gustaríalles, nun futuro, «tocar tamén na praza da Quintana». A banda está composta polo propio Ramón Rey, Fabbio Alonso, Alejandro Daniel Casquero, Carlos Arévalo, Javier Cedrón, Rodolfo Amaral, Sara de Sousa, Cristina Castro e Laura Villanueva.