Sara García: «Cando cheguei, San Martiño era máis pequeno, a xente era doutra maneira»

Tras 50 anos ao fronte da pensión Polo Norte, esta muller á que moitos rapaces do barrio chaman avoa garda centos de historias

.

Santiago / la voz

Non hai nena ou neno do barrio de San Martiño Pinario que non coñeza a Sara García. Para todos é «a avoa Sara», a que lles dá galletas e coa que falan cando volven do colexio. Durante máis de cincuenta anos Sara rexentou xunto ao seu marido, José Romero, a pensión O Polo Norte, situada a carón da igrexa de San Miguel dos Agros. Ten 85 anos que apenas se lle notan. Aínda que deixou os fogóns de xeito profesional, Sara continúa a preparar xantares para a súa familia. Oito membros de cada sentada. Ademais participa das actividades da asociación cultural do barrio, vai ás aulas de coro e de pandeireta. Ela mesma é unha excelente tocadora. Aprendeu de pequena, na súa aldea do Val do Dubra, que deixou no ano 1959 para instalarse en Compostela tras casar.

José Romero mercou o bar cos cartos aforrados de traballar en Venezuela. Antes diso funcionaba como unha tasca. Sara e Jose foron renovando aos poucos o baixo. Daquela, lembra Sara, «San Martiño era máis pequeno, a xente era doutra maneira». «Tiñas que humillarte un pouco, porque ti eras da aldea, non eras unha rapaza estudada, que era o que valía daquela». Con todo, fíxose un oco no barrio, e os veciños pronto pasaron a converterse en amigos. «Dicíanme que falara o castelán, e eu respondía “non podo, que non o sei!”», ri.

Pouco a pouco, grazas á cociña de Sara, o bar foi acadando certa sona. Gustáballe experimentar. Este ano participou, xunto a dúas cociñeiras retiradas, da iniciativa Cociñando coas avoas, na que o alumnado aprendeu distintas receitas na praza de abastos.

Ao Polo Norte acudía unha clientela variada. Curas, policías; tamén estudantes das facultades de Medicina ou Económicas. Entre eles o expresidente Emilio Pérez Touriño cando militaba na Organización Comunista de España-Bandera Roja. No baixo de San Miguel dos Agros reuníanse membros do Frente Popular de Liberación (o Felipe) ou do Partido Comunista Galego, como Dolores Villarino, a que foi a primeira muller presidenta do Parlamento de Galicia no bipartito.

Nos finais dos sesenta, os membros destas organizacións movíanse na clandestinidade, atentos ás figuras dos policías que en calquera momento podían entrar pola porta. Sara lembra unha ocasión na que un membro da policía, apelidado Fraga, chegou ao local: «Pensaba que se acabarían pegando, pero ao final non aconteceu nada».

Ademais de casa de comidas o Polo Norte funcionou durante máis de cincuenta anos como pensión. «Viñan moitos estudantes estranxeiros para estudar Medicina, sobre todo árabes». Algúns destes alumnos, agora doutores xa, pasan de cando en vez visitala.

«Todos a lembran con moito cariño, iso di moito de miña nai», explica Mari Carmen. A San Martiño Pinario tamén chegaban rapaces da contorna de Compostela. «Viñan con doce, trece anos, ás veces poñíanse enfermos e ela coidábaos, era como unha nai». Sara interrompe a súa filla para explicar que, sobre todo, aqueles mozos estudantes adoecían de soidade. «Botaban de menos á súa madriña, á súa familia». Por iso nas festas de Nadal ela preocupábase de cociñar algo especial, e de agasallalos cun detalle en Reis.

Dez anos despois de pechar, quince tal vez,- Sara e a súa filla non se poñen de acordo- no Polo Norte só quedan boas lembranzas. «Iso si, traballei moito».

Estudantes. Na pensión de Sara García e José Romero viviron numerosos estudantes de Medicina

Mestra de cociña. Sara ensinou receitas este ano na praza de abastos xunto a outras cociñeiras retiradas

Pandereteira. Volveu tocar despois de xubilarse

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
8 votos
Comentarios

Sara García: «Cando cheguei, San Martiño era máis pequeno, a xente era doutra maneira»