María Dolores Portela: «O pensamento libre ensina a compartir ideas, sentimentos, valores e os soños»

joel gómez SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO CIUDAD

PACO RODRÍGUEZ

Promoven un proxecto para persoas con discapacidade intelectual de oito entidades

01 jul 2018 . Actualizado a las 10:28 h.

Existe a posibilidade dunha escola onde se pense con liberdade e onde quen ensine sexan persoas con discapacidade intelectual. Con esa idea de partida, Fademga Plena Inclusión Galicia, a federación de asociacións que apoian este colectivo de persoas, promove desde o ano pasado o Proxecto Pensamento Libre. «Temos encontros e aulas en oito entidades e celebramos unha reunión conxunta dunha tarde cada mes, na Casa das Asociacións de Benestar Social de Salgueiriños. A de xuño foi unha xornada de convivencia diferente, na área recreativa de Chaián. Retomamos as actividades despois do verán, temos programación até final de ano», esclarece María Dolores Portela, técnica de acción social de Fademga, que coordina este encontro.

En Chaián estaba tamén Manuel Seoane, outro técnico de Fademga, e Jesús Merino, da Asociación Filosofía para Nenos, quen tamén intervén. «Nas sesións están a participar 28 persoas; 17 delas con discapacidade intelectual ou do desenvolvemento, 10 de apoio e un familiar. Están envolvidas oito entidades: Aspas de Santiago, Xoán XXIII de Pontevedra, Aspanaex de Vigo, Chamorro de Narón, San Xerome da Guarda, Aspronaga da Coruña, Fundación Eu Son de Burela e Aceesca do Porriño».

É un programa que se financia con fondos procedentes do IRPF. «O pensamento libre ensina a compartir ideas, sentimentos, valores e os soños; considera que soñar debería ser un dos dereitos humanos fundamentais», indica.

Esta iniciativa principiou en Valencia. O ano pasado foi asumida por Fademga en Galicia e comezaron a organizar nesas asociacións aulas e sesións de diálogo: «O primeiro gran obxectivo xeral deste proxecto é romper a cadea do estigma aínda persistente en moitos ámbitos coas persoas con discapacidade intelectual. Despois, as sesións insisten en ensinar a pensar por un mesmo, sentir e expresar o que sentimos, dialogar e compartir, recoñecer os valores da persoa, e tamén filosofar sobre cuestións que se valoran como esenciais para calquera ser humano, de aí a presenza de Merino», manifesta.

Son, acrecenta, «escolas de pensamento libre, entendidas como escolas de diálogo e de cidadanía compartida. Nestas escolas non hai fracaso escolar e facilitan o desenvolvemento das potencialidades do alumnado, con sistemas pedagóxicos humanistas, democráticos e inclusivos».

Facer preguntas, saber escoitar, saber dialogar, coñecer as emocións e aprender unha boa xestión das mesmas, practicar técnicas de equilibrio e de benestar emocional ou desenrolar a empatía, son algúns dos contidos que se tratan. A maiores abordan dilemas morais, traballan coa Declaración Universal dos Dereitos Humanos ou a Constitución, debaten temas de interese social «e tamén se tenta promover unha actitude filosófica que cuestiona, analiza conceptos, descobre supostos e presuposicións ou investiga as implicacións e as consecuencias de defender unha idea».

O método que utilizan «contempla cuestións que interesan ás persoas que participan, para as que procuran respostas de forma conxunta e cooperativa a través do diálogo», matiza. Tamén se alicerzan na filosofía do americano Mathew Lipman, quen formulou a filosofía do desenvolvemento «e o equipo docente é só facilitador da aprendizaxe e do descubrimento das potencialidades», salienta Dolores.

Facilitadora. María Dolores Portela é unha das persoas que facilitan a aprendizaxe nas escolas de pensamento libre de Fademga Plena Inclusión Galicia.

O Proxecto. Oito entidades asociadas en Fademga asumen esta iniciativa, que comparten persoas con e sen discapacidade.