Manolo Maneiro, adeus a un home singular

Santiago Prol

SANTIAGO CIUDAD

cedida

O docente do CEIP A Ramallosa faleceu dun infarto

29 jun 2018 . Actualizado a las 21:47 h.

Coñecín a Manolo Maneiro vai agora para 10 anos, cando coincidimos como docentes no mesmo centro de ensino. Fomos amigos. Logo distanciámonos. Porén, nesta nova xeira volvemos cultivar a amizade. Nos últimos días mesmo comemos xuntos un par de veces. Falamos de vagar de todo, mesmo de cambiar o “mundo oficial” que non se movía ren. Manolo era un soñador. Un heterodoxo. Un inconformista. Un tío singular cun gran “corazón”. Navegou a contracorrente en boa parte da súa traxectoria profesional. Paralelamente apaixonáballe a arqueoloxía e a natureza. Ao seu Barbanza e á súa Arousa amados fomos de excursión de fin de curso varias veces. Sempre facía de guía na procura de vestixios castrexos que el mesmo axudara a exhumar (Neixón, Castro da Cidá, Baroña...). Falaba con erudición e teimosía; máis para ilustrarnos aos profesores que aos propios alumnos... Sempre o fixo cunha ilusión enorme fornecéndonos previamente con mapas, dípticos, folletos, vídeos, bibliografía e charlas. A vida estaba a darlle outra oportunidade que el comezaba a encarar cun ánimo enorme. Truncoulla de vez -á primeira hora da mañá do mércores pasado- nun taxi polas rúas de Compostela, cando ía camiño do que el definía como unha nova experiencia (un tribunal de oposicións docentes do que formaba parte). Remata o poeta uruguaio Mario Benedetti nun desacougante texto: “... pero sobre todo llegaste temprano / demasiado temprano / a una muerte que no era la tuya / y que a esta altura no sabrá qué hacer / con tanta vida”. ¡Que che sexa leve a terra compañeiro!