Antón Labranha: «A arte é un bo estímulo para a mellor aprendizaxe das matemáticas na aula»

Joel gómez SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO CIUDAD

O profesor do IES San Clemente Inicia unha experiencia de fotografía con participación de docentes e alumnado

26 jun 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

«Na natureza, e máis aínda nas construcións humanas, encontramos facilmente analoxías con multitude de conceptos matemáticos, de por si teóricos e abstractos»: este é o punto de partida da exposición MatematicARTE. A harmonía matemática das formas, que permanece desde principios deste mes no IES San Clemente. Consta de 42 fotografías: 31 de profesorado galego, de Navarra, Andalucía e mesmo dúas achegas de Brasil; e 11 de escolares do colexio de infantil e primaria de Sestelo-Baión (Vilanova de Arousa). A mostra alicerza unha serie de actividades que «teñen unha intencionalidade de inclusión social», e é por iso que se acompañan dun lema co que se intenta «transmitir unha mensaxe solidaria ou emocional, de maneira que transcenda o contido estritamente matemático, contribuíndo desa maneira á socialización desta disciplina, tan necesitada de esforzos contextualizadores».

Así o explica Antom Labranha, director do departamento de matemáticas e pertencente ao equipo de dinamización lingüística. É o comisario desta actividade, unha máis das que organizou os últimos anos con finalidade semellante. Todas as concibe como axuda para o seu alumnado, aínda que outras dúas tamén transcenderon o centro onde ensina: unha sobre o estudo da muralla de Compostela, e outra centrada na poesía, partindo dos haiku, unha estrutura breve xaponesa que se impuxo como modelo literario internacional.

«A arte é un bo estímulo para a mellor aprendizaxe das matemáticas na aula e en calquera parte, e estas son demostracións diso. Algunhas destas fotografías son de clara intencionalidade artística, ou de estudo; outras máis espontáneas».

Todas permiten identificar triángulos, paralelas, números, círculos, cilindros, prismas, simetrías, elipses, circunferencias, poliedros, a espiral logarítmica e outras figuras matemáticas. «A exposición fai parte do proxecto internacional Enredadas 2018, para a sétima semana de educación artística promovida pola Unesco, coordinada pola artista e profesora italiana Katia Pangrazi. Por iso cada fotografía vai acompañada dun lema, para favorecer a participación do alumnado, que ten que ir adiviñando o significado do que ve», acrecenta.

Hai imaxes de Compostela, como Santa Clara, o CGAC, unha das entradas na praza da Quintana, o estacionamento do IES san Clemente ou San Martiño Pinario. Comparten protagonismo con outros espazos de moi diversos países: Brasil, Arxentina, Estados Unidos, Austria, Irlanda do Norte ou Irán; alén de diferentes localidades galegas e de comunidades de España. Un dente de león e outros elementos vexetais e da natureza; alén da cantiga «Ai, Santiago» de Paio Gomes Charinho, son outros exemplos utilizados, que serven igualmente para a finalidade didáctico-cultural e científica que se propón. Todo consta nun belo programa, de 50 páxinas, deseñado por Marcos Vence de Pablo Argüeso.

Antom avanza que o próximo curso van continuar: «Houbo interese nesta exposición mesmo de algún centro de fóra de Santiago, e por iso queremos enriquecer aínda máis os materiais. O asunto é que, a través dunha especie de xogo, o alumnado vexa o sentido social ou emocional do obxecto matemático», manifesta.

Ou como ele propio defende nun texto que asina no programa-catálogo: atinxir «unha dimensión verbal reflexiva que, literalmente, poderiamos expresar como unha especie de chamamento escolar: matematícate coa arte»; e contribuír así a potenciar, coa aprendizaxe da matemática, o desenvolvemento das capacidades do alumnado, insiste.

Docente. Labranha é xefe do departamento de matemáticas e está no equipo de dinamización lingüística do IES San Clemente

Exposición. Colabora en MatematicARTE cun colexio de Vilanova de Arousa e con profesorado galego, doutras comunidades e de Brasil.