Yara Frateschi: «O roteiro virtual da lírica medieval vai divulgar unha Compostela atractiva»

Joel gómez SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO CIUDAD

PACO RODRÍGUEZ

A docente e investigadora brasileira colabora coa USC para un novo proxecto divulgativo, que ten apoio do Concello

22 jun 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

No final deste ano un Roteiro virtual da lírica medieval galego-portuguesa contribuirá para a promoción de Compostela. Neste proxecto, que se presenta esta semana nun congreso internacional en Santarém (Portugal), traballa a investigadora brasileira Yara Frateschi Vieira, con María Isabel Morán Cabanas e José A. Souto Cabo, da Facultade de Filoloxía, e Janaína Marques Rocha, tamén brasileira que se está a doutorar na USC. «Este traballo, pensado para un público amplo, e tamén para especialistas, está inicialmente centrado en Santiago e conta con apoio da Concellaría de Acción Cultural do Concello de Compostela», afirma Yara Frateschi Vieira.

Nese produto informarán de Bernal de Bonaval, Airas Nunes, Joán Airas de Santiago, Pero da Ponte, Sancho Sánchez, Rui Fernández de Santiago, Afonso Eanes do Cotón, Pai da Cana, Pero Meogo, Fernando Esquío, Pero Amigo de Sevilha e outros autores medievais que mencionan Santiago nas súas cantigas ou están ligados á cidade por documentación. Referirán espazos relacionados con eses poetas, difundirán os seus textos, datos de interese histórico, mesmo interpretacións musicais, avanza Yara Frateschi Vieira: «O roteiro virtual da lírica medieval vai divulgar e redescubrir unha Compostela atractiva e será unha oportunidade para que a coñezan persoas de todo o mundo que non teñan a posibilidade de vir aquí para facer ese itinerario de forma presencial», acrecenta.

Este é un novo resultado de moitos anos de traballo. Yara veu en 1997 como docente da USC. Finalizou en 2004 aquela etapa. Xa coñecía de antes a cidade e Galicia, e en 1996 publicou no seu país, na Universidade de Campinas (São Paulo), unha ben coñecida antoloxía da poesía galega. Sempre se interesou en colaborar con docentes de Compostela, sobre todo na Facultade de Filoloxía, e regresou en reiteradas ocasións. A última, a semana pasada, para dinamizar un itinerario presencial da lírica medieval na cidade, organizado polo centro de formación de profesorado da Consellería de Educación.

Yara está satisfeita desta última experiencia, na que colaborou con outros especialistas: «Asistiron máis de 60 docentes, de galego e de outras materias, que evidenciaron enorme interese. Visitamos moitos espazos de Santiago, como a Catedral, a rúa da Moeda Vella, Mazarelos, Bonaval, Sar, A Rocha. Fomos mesmo a Lampai, en Teo, e non finalizamos en Ons [tamén en Teo] porque non houbo tempo, durou das 10.00 ás 21.00 horas».

Con Isabel Morán e José A. Souto, Yara publicou dous libros, considerados de referencia sobre o tema: A amor que eu levei de Santiago. Roteiro da lírica medieval galego-portuguesa, no ano 2011; e O Caminho Poético de Santiago, en 2015: o primeiro en Galicia e o segundo en Brasil; ambos deron continuidade a numerosas publicacións especializadas previas sobre o tema.

Yara indica que, no seu país «Santiago é hoxe unha cidade ben coñecida, polo aspecto turístico do Camiño de Santiago, e sobre todo a partir da obra de Paulo Coelho. A lírica medieval tamén interesa, a diversos grupos dun ámbito académico especializado ou que se dedican aos estudos literarios e á poesía».

Este novo Roteiro contribuirá aínda máis para o coñecemento internacional de Santiago, ao aproveitar a potencialidade da Internet. Para final de ano estará en galego e portugués, e despois terá versións para outras linguas, indica Yara Frateschi Vieira.

En Santiago. Yara Frateschi Vieira exerceu en Santiago entre 1997 e 2004. Antes veu para investigar. E continúa a colaborar, sobre todo, na Facultade de Filoloxía.

Novo proxecto. No Roteiro virtual da lírica medieval galego-portuguesa colabora con Isabel Morán, José A. Souto Cabo e coa brasileira Janaína Marques Rocha.