Yolanda López: «Despois dun ano na India volvín porque aquí non atopaba traballo»

Raquel C. Pérez SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO CIUDAD

XOAN A. SOLER

No 2016 deixou Galicia para impartir aulas de español a nenas e nenos en Gurugram

15 jun 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Yolanda López naceu en Santiago de Compostela en 1993 e medrou en Vedra. Estudou o Grao en Lingua e Literatura Españolas, porque lle encanta ler dende nena, e o mestrado de Profesorado na USC. Hai dous anos tomou a decisión de marchar á India para impartir aulas de español.

-Cando toma a decisión de marchar?

-Mentres estaba rematando o mestrado empecei a buscar traballo noutros países. Non quería sacar as oposicións. Contactei cunha asociación de estudantes que se chama Aiesec. Buscaba culturas distintas. Mirei en China, en Tailandia e na India.

-Onde vive e como foi a súa chegada alí?

-Vivo preto de Nova Delhi, en Gurugram. Xusto ao lado. Os de Aiesec axudáronme a conseguir un piso e un teléfono móbil. No piso vivo con sete rapazas indias e unha serbia, chegou o mesmo día que eu e non parabamos de falar do que nos parecía todo. A comida ao principio sentábame fatal, perdín coma sete quilos. O tráfico é incrible e facía moita, moita calor.

-Que máis lle impresionou?

-A nivel de xénero chocoume moito. É unha sociedade moi machista. Tamén é habitual que as mulleres e os homes casen moi novos. Na entrevista de traballo preguntáronme cando ía casar.

-Como foi a experiencia na escola?

-Aquilo tiña que ser como unhas prácticas. Pero en realidade non había outro profesor de idiomas e eu tiven que ensinar en todos os cursos. Ao principio non sabía que ensinar. Non tiña libro, non tiña nada. No primeiro colexio traballei moito. Daba sete, oito clases ao día. Era titora tamén. Almorzaba e xantaba coa miña clase. Levaba as correccións a casa… O segundo ano mudei de colexio e agora estou un pouco mellor, son menos horas e rapaces de máis idade.

-En que lingua fala co seu alumnado?

-En inglés ou en español. Os nenos falan hindi tamén. Estudan todo en inglés, sobre todo nos colexios privados. É unha situación similar á nosa co galego, pero peor. A xente aprende a falar en hindi, pero quere que os nenos falen inglés. A que non o fala é porque de pequena a súa familia non puido pagar unha boa educación.

-Notaba moitas diferenzas coa súa experiencia en Galicia?

-Buscan moito máis a disciplina. Nunha clase de idiomas pode ser un problema, porque tes entre dez e quince nenos que non falan aínda que lle pidas que o fagan. Logo si que se foron soltando un pouco máis. Están aí sentados e esperan que ti fales. Co tempo acostúmanse e logo xa empezan a falar, sóltanse máis.

-Decideu volver á India.

-Inicialmente ía pasar un ano na India, pero aquí non atopaba traballo e decidín quedar alí. Vin nas vacacións de verán e volvín alí. Boto de menos á familia, ás miñas amizades, o meu club de lectura e tamén a comida, pero teño que traballar.

-Como era a vida fora da escola?

-Viaxei, pero entre semana non facía moito porque se fai de noite ás seis e non é seguro ir soa pola rúa. Ao mellor vía unha película na casa coas compañeiras de piso. Fun ao Taj-Mahal, a Goa, a Mumba... o seguinte é o Himalaya. É un país moi bonito, cando vas de turista ten sitios moi interesantes.

-Recibeu visitas de casa?

-Miña nai foime visitar dúas veces. Cando fun, ela estaba nerviosa, pero agora xa nada. Coñece máis que eu na India. Sabe a onde quere ir e o que hai que ver.

-Que lle gustaría facer despois?

-Volvo o 21 de xuño para alá. Vou seguir neste colexio un ano, logo espero atopar algo por Europa ou Canadá, nun país cunha cultura máis parecida á nosa. Gustaríame levar outro tipo de vida.

Choque cultural. Cando volve a Galicia sorpréndese, «todo é moi tranquilo».

Con recursos. Yolanda tira de imaxinación para redactar textos e buscar recursos que empregar nas súas aulas.

Comida. Na India case todos os pratos son vexetarianos, e bota de menos a da casa.