Adeus á alma de Voces Ceibes

Falece en Compostela aos 71 anos Benedicto, figura fundamental na canción reivindicativa, o compromiso coa cultura galega e o activismo sindical e político

Benedicto García Villar, nunha imaxe de archivo tomada no ano 2001.
Benedicto García Villar, nunha imaxe de archivo tomada no ano 2001.

Redacción / La Voz

«Un home bo e xeneroso, amigo dos seus amigos». Fale quen fale remata deste xeito as súas lembranzas de Benedicto García (Santiago, 1947), fundador do colectivo Voces Ceibes hai 50 anos, que faleceu onte aos 71 anos acompañado pola súa muller Maite e a súa filla Minia. Levaba algún tempo retirado pola enfermidade de Huntington que padecía. Queda a súa herdanza musical, que, máis aló de gravacións e composicións, ten que ver co seu compromiso coa lingua e a cultura galegas «nunha época en que a ausencia de liberdades condicionaba a vida definitivamente», como subliña o profesor Ricardo Gurriarán, amigo e colega nos escenarios na Orchestra Valdeorras.

Ao mellor agora non se percibe, pero «abriu un suco que aventuraba o que podía ser a canción protesta e reivindicativa». No tardofranquismo vivíanse momentos de represión, non é conto de vellas, como anota Gurriarán, que explica que era habitual que chegase a Brigada Político Social (policía política da ditadura) e prohibise cantar cancións, que se celebrara un recital, que se emitira un programa radiofónico musical... «Recibías denuncias, claro, e moitas veces había que axeitar as cancións utilizando metáforas para sortear a censura». En todo caso, para Gurriarán, o compromiso de Benedicto ía máis aló dunhas letras, «porque sempre combateu as iniquidades», e é por iso que «forma parte da historia viva de Compostela e de Galicia». Alomenos, di, nos últimos anos puido comprobar, en varias homenaxes, xa moi enfermo, que «ser un home bondadoso tiña o seu froito, que conservaba moitos amigos e que a xente lle quería moito».

A cantante Uxía considera que Benedicto foi un referente da canción de autor galega, da música de intervención, un pioneiro, pero «non só ensinou moito do oficio de cantar, senón que tamén queda o seu exemplo como mestre, como sindicalista, como home de cultura vastísima e de compromiso co seu tempo histórico, como militante no antifascismo e no antifranquismo; foi un exemplo de resistencia». Por iso, di, «hoxe estamos todos un pouco orfos da súa alma rebelde». 

Nese sentido, admite que quizais non se teña agora presente, tanto como debera, a súa loita e o seu legado. «Ao mellor, os mozos, e mesmo nós, non son conscientes do papel que xogou esta xeración. Benedicto é un faro, temos que estar moi agradecidos pola afouteza que mostrou no seu labor, batallando pola liberdade», afirma. A cantante concede que a xente nova ten outra lectura e outra visión do mundo, incluso, insiste, outros modelos estéticos, -«hai outros xeitos de facer, os tempos foron mudando, e ata pesa sobre a canción comprometida tradicional un certo deosto»-, pero o importante é que a música segue vinculada a esa onda de denuncia, aínda que aquela maneira de interpretar a canción de autor xa non se practique. «A actitude combativa pervive nos artistas máis novos, e iso é o que urxe, esa posición vital, estar fronte á inxustiza social, como estivo Benedicto», exhorta. Outro piar fundamental do legado do músico, que merece destacarse, incide Uxía, é o seu traballo pioneiro de conexión co veciño Portugal. E, en particular, a súa amizade con José Afonso, que fixo posible que Zeca cantara no compostelán Burgo das Nacións e abrira os camiños da lusofonía musical e cultural.O escritor Alfredo Conde recorda como coñeceu a Benedicto nun recital no Ateneo de Pontevedra en 1968. Evoca aqueles paseos pola Ferradura xa en Santiago e as reunións nos baixos do hotel Compostela, onde naceu Voces Ceibes, inspirado nos cataláns Els Setze Jutges e coa idea de ser un movemento que excedera o musical e que abranguese un amplo espectro ideolóxico. Aquilo non callou, pero aínda así a experiencia foi enriquecedora. «Os personalismos e a prevalenza de certos partidos complicaban, coas súas tensións -anota-, que o movemento consolidase». Daquela escena, emerxe na memoria un Benedicto, di Conde, que sempre foi o máis forte conceptualmente, o menos divo, o máis consciente do que había que facer, o máis leal. «Só lle gardo amizade, respecto e admiración. Era o máis entregado -enxalza-, e comprobouse despois co seu compromiso vital coas vías sindicalista e política, sempre preto dos movementos sociais».O exlíder de CC.OO. Ignacio Fernández Toxo despedíao en Twitter: «Adeus a un símbolo da canción protesta. Cantautor, sindicalista e sobre todo amigo. Hasta sempre, que a terra te sexa leve».

 

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
36 votos
Comentarios

Adeus á alma de Voces Ceibes