A ollada feminina vertebrará a Mostra de Cinema Etnográfico

La Voz

SANTIAGO CIUDAD

Cedida

A iniciativa impulsada polo Museo do Pobo desenvolverase do 4 ao 10 deste mes

01 jun 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

As mulleres gañan peso na nova edición da Mostra Internacional de Cinema Etnográfico (MICE) impulsada polo Museo do Pobo Galego, que se celebrará dende o 4 ao 10 deste mes. A metade dos doce filmes que participan na sección oficial están dirixidas por realizadoras, un enfoque que tamén está presente noutras seccións e, ademais, unha estará centrada especificamente no seu traballo, Etnografía, muller e cinema. «A presenza da muller quere ser marca da casa», explicou onte a directora da mostra, Ana Estévez. Outro dos aspectos destacados desta edición será a ligazón entre a etnografía e a arte contemporánea.

En total, durante a próxima semana serán proxectados 28 filmes no Museo do Pobo, o Salón Teatro, o Teatro Principal e Numax. Os doce filmes da sección oficial son de dez nacionalidades diferentes. Chegan de puntos como Bélxica, Alemaña, Francia, Perú, Venezuela, Arxentina e Brasil. Ademais, competirán tres galegas, que non só optarán ao Premio á Mellor Película Etnográfica -dotado con 900 euros-, senón tamén ao de Mellor Película Galega -700 euros-.

As actividades foron presentadas onte no pazo de Raxoi nun acto no que, ademais da directora da Mostra, Ana Estévez, participaron a concelleira de Acción Cultural, Branca Novoneyra; a vicepresidenta do Padroado do Museo do Pobo, Concha Losada; o director da Agadic, Jacobo Sutil; e a vicepresidenta da Deputación da Coruña e responsable da súa área de Cultura, Goretti Sanmartín.

«Esta mostra ten por obxectivo difundir mediante o cinema a nosa cultura», destacou a vicepresidenta do Museo do Pobo, ademais de recordar a figura de Carlos García Martínez, xa que foi un dos impulsores desta iniciativa.

Pola súa banda, a concelleira Branca Novoneyra fixo fincapé na notoria presenza de traballos galegos, ademais da aposta pola igualdade das mulleres. Un aspecto este último que tamén resaltou a vicepresidenta da Deputación, Goretti Sanmartín, que tamén puxo en valor que a MICE «está a construír país cun discurso propio». O director da Agadic, Jacobo Sutil, destacou o papel da mostra na formación de novos públicos e destacou a importancia do cine etnográfico: «Son historias que contan vivencias locais pero con repercusión internacional».

Ademais das proxeccións de filmes, que serán de balde, a MICE inclúe una exposición, varias xornadas de debate e talleres.