Óscar Aldonza: «A Praza de Abastos estará este verán engalanada dun xeito moi orixinal»

joel gómez SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO CIUDAD

JESSYCA OCAMPO

Mañá inauguran no mercado unha exposición de alumnado do ciclo de escultura

31 may 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

A Praza de Abastos inaugura mañá, ás 12.00 horas, unha mostra dunha vintena de estudantes dos últimos cursos do ciclo superior de artes aplicadas á escultura da Escola de Arte e Superior de Deseño Mestre Mateo. Parte das obras foron elaboradas especificamente para este proxecto, coas diferentes posibilidades de técnicas artísticas ensinadas no centro, como talla, modelado e outras. «A Praza de Abastos de Santiago estará este verán engalanada dun xeito moi orixinal con este traballo colectivo. Participa alumnado que está a finalizar os estudos, e tamén das últimas promocións», indica Óscar Aldonza, docente deste ciclo e coordinador da actividade.

«Na Praza de Abastos existiu un proxecto, moi antigo, cando se construíu o edificio, para colocar esculturas. Existen elementos arquitectónicos para situar esas esculturas, que non se chegaron a facer. Parte das pezas do noso alumnado van estar colocadas neses espazos», acrecenta.

Son traballos dun estilo moi diferente ao que se pensaba cando se ideou aquel proxecto: «Como nese mercado se venden alimentos, decidimos traballar sobre elementos icónicos da gastronomía de aquí para preparar esa mostra, sempre coa perspectiva de estudantes que andan por volta dos 20 anos ou pouco máis. É a maneira de como ven a praza. E así unha escultura é dun polbo, unha cabeza de porco, cogomelos, unha cebola xigante, unha cabeza con coliflores, laranxas, peras e outros. Combinan a alimentación con carne e a vexetariana. A maiores, outras pezas non son tan específicas, aínda que si significativas do alumnado do noso ciclo de escultura», destaca o profesor.

Entre estas cita, por exemplo, tres cabezas de Diego Vidal, «un estudante que fixo o bacharelato artístico, despois estudou aquí escultura e gañou un premio académico autonómico, e agora continúa os estudos de Belas Artes. Utilizamos a exposición para facer promoción do centro. Como a Praza de Abastos é un espazo amplo, permite levar traballos de entidade», esclarece Óscar.

Parte das obras estiveron na mostra permanente de alumnado, no centro. Foron elaboradas aproveitando as posibilidades dos obradoiros de forxa, de restauración, de ebanistería, cantería e outras instalacións da Escola Mestre Mateo. «Este ciclo está moi orientado para as técnicas da escultura. E cando dominan o procedemento, adquiren capacidade para diferentes aplicacións. O ciclo proporciona ferramentas para que cada estudante as desenvolva segundo os seus intereses persoais», apunta Óscar.

A escultura abre moitas portas: desde unha orientación máis clásica, que lembra o Mestre Mateo que dá nome a este centro educativo da cidade, a outras relacionados cos mundos do audiovisual e a animación. «Alumnado formado aquí participou en audiovisuais de éxito, mesmo chegaron a ter contacto co equipo dun especialista tan recoñecido internacionalmente como o do norteamericano Tim Burton», lembra.

As vinte e cinco obras que se poderán ver na Praza de Abastos até setembro son dunha feitura máis ben clásica. No centro teñen o convencemento de que «vai ser unha mostra moi vista, porque ao mercado vai moita xente, de aquí e visitantes; despois xa veremos a transcendencia que poda ter. Unha das pezas máis vistosas convidará á xente para que se faga unha fotografía. Así queremos que tamén se contribúa para identificar de onde procede ese traballo, que se repare na Escola de Arte Mestre Mateo como un centro público que leva moitos anos formando artesáns e deseñadores, trasladando a cultura das ensinanzas artísticas e do deseño ao conxunto da sociedade, formando profesionais e colaborando con entidades e organismos, como agora acontece coa praza», di Óscar Aldonza.

Docente. Óscar Aldonza é docente do ciclo superior de Artes Aplicadas á Escultura na Escola de Arte e Superior de Deseño Mestre Mateo.

A mostra. Mañá comeza a exposición de 25 obras de estudantes dese ciclo, na Praza de Abastos, onde permanecerán este verán.