Jesús Requena: «A investigación en saúde de Santiago é competitiva internacionalmente»

joel gómez SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO CIUDAD

SANDRA ALONSO

Na súa formación en Estados Unidos colaborou con Stanley Prusiner, o Premio Nobel de Medicina de 1997

27 may 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

«Investigar sobre os prions é, desde unha perspectiva da bioloxía, fascinante, porque os últimos avances evidencian como se poden abrir portas para doenzas dexenerativas, como o alzhéimer ou o párkinson, que comparten mecanismos patolóxicos coas priónicas. Stanley Prusiner, no congreso celebrado esta semana en Santiago, insistiu niso», di Jesús Requena, docente de Medicina e director dun grupo de investigación do Cimus e do IDIS. Organizou ese encontro, que reuniu a 350 especialistas de varios países.

-¿Por que investiga sobre prions?

-Ao finalizar o doutoramento na USC realicei unha formación no Instituto Nacional da Saúde de Washington. O grupo en que me integrei mantiña colaboración científica co laboratorio de Stanley Prusiner, que está en California, e quen foi por este tema Premio Nobel de Medicina en 1997. Traballei nun proxecto sobre prions, pola miña especialización. Vin que era un asunto moi interesante e por iso orientei a miña carreira para ese tema.

-¿E como veu para Compostela?

-Porque, naquela altura, apareceron os casos das dúas primeiras vacas tolas detectadas na cabana de vacún galega. O tema dos prions interesaba moito, pola propagación da doenza a persoas, aínda que aquí non se dese ningún caso. Iso favoreceu o meu regreso a Compostela e o poder formar un grupo de investigación de doenzas priónicas.

-¿En que situación está ese seu grupo?

-Aínda que vai mudar proximamente, agora mesmo están comigo unha técnica de laboratorio, unha doutoranda, e tres investigadores máis: un vasco, unha grega e outro do Canadá; somos especialistas en bioquímica, bioloxía e farmacia, porque este é un campo de traballo moi interdisciplinar.

-¿Conta con boas posibilidades para investigar en Santiago?

-Si; a investigación en saúde que se fai en Santiago é competitiva internacionalmente, hai persoas e grupos con gran impacto e recoñecemento aquí e no exterior. Existe o problema, crónico, da falta de financiamento suficiente, que non é exclusivo de aquí, pois é moi común.

-¿Non se sente moi só, polo ámbito do seu obxecto de estudo?

-Non, colaboro con varios grupos, como o de proteómica de Ángel García; ou co de Mabel Loza, na procura de novos fármacos, no Cimus. E tamén con grupos do Cactus; ou co de Víctor Sánchez, de química orgánica, do Ciqus.

-É natural de Navarra, ¿de que maneira chegou a Galicia?

-A miña formación, antes de na USC, foi en Zaragoza e en Valencia. En Zaragoza coñecín unha muller, Concha, que é galega, e decidimos vir para aquí, aproveitando unha oportunidade laboral. Foi así como fixen o doutoramento co profesor José Cabezas Cerrato, sobre proteínas.

-Fala moi ben galego...

-Nunca sentín presión para aprender galego. Pensei que era bo, para conseguir unha integración total e absorber mellor o moito que ofrece Galicia.

«Non se deben dar falsas esperanzas, aínda que haxa ideas que poden chegar a funcionar»

«O que aprendemos durante anos investigando sobre prions pode ser útil para buscar algunha terapia. Neste congreso de Santiago coñecemos como no Reino Unido prevén comezar dentro de pouco un ensaio clínico cun anticorpo, que se presenta moi prometedor. Porén, non se deben dar falsas esperanzas, aínda que haxa ideas que poden chegar a funcionar», afirma Jesús Requena. O próximo congreso de prions será en maio de 2019 en Edmonton (Canadá) onde hai un centro monográfico sobre prions de referencia mundial.

-¿Preocupan moito as doenzas priónicas?

-Si, porque aínda que afectan a poucas persoas teñen unha evolución fatal en pouco tempo, e moi dura para doentes e familiares; e de momento non hai nada para axudar a quen as padecen. E tamén se descoñece que consecuencias poden ter os novos casos detectados en cervos no norte de Europa, ou en camelos en África.

-¿Onde está a conexión desas doenzas co alzhéimer?

-En que hai procesos no cerebro das persoas afectadas de doenzas priónicas que se pensa que son semellantes a outros que acontecen no cerebro de doentes de alzhéimer, de párkinson, e outras. Aínda que iso non significa que estas doenzas dexenerativas como o alzhéimer sexan infecciosas ou se podan propagar como fan as priónicas.

-¿Hai novos riscos para a alimentación ou a saúde das persoas, como foron as vacas tolas?

-Non parece, non se coñecen.