García Lorca e Maside, no Bar Viño

Quique alvarellos

SANTIAGO CIUDAD

cedida

O pintor debuxou neste lugar en 1932 o célebre retrato do poeta

27 may 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Quixemos dedicar esta fotohistoria, que fai exactamente a número 100 das publicadas por nós ata hoxe (serie que comezamos nestas páxinas dominicais o 13 de marzo de 2016), a un dos nosos poetas e a un dos nosos pintores favoritos: Federico García Lorca e Carlos Maside, respectivamente. Está moi preto o 120 aniversario do nacemento de Lorca -será o 5 de xuño e celebrarémolo como merece ás 19 horas dese martes na Praza da Quintana- e resulta, por outra banda, que o Bar Viño vén de reabrir as súas portas hai pouco máis dun mes, na praza de Mazarelos.

Se a semana pasada falabamos do anuncio da futura apertura do mítico restaurante Asesino, na praza da Universidade, un pouco máis abaixo, e ao pé do arco último da vella muralla, non ten menos historia o Bar Viño.

Viaxemos ata maio de 1932. Para ilustrar esta crónica temos unha imaxe de 1931. Como podemos apreciar, trátase dun anuncio das excelencias da casa de comidas naqueles días, publicado dentro do programa das Festas do Apóstolo do ano 1931. O libriño chámase Fiestas Patronales Santiaguesas. Año de 1931, elaborado por Jesús Rey Alvite e con deseño de portada de Camilo Díaz Baliño. Agradecemos a copia a Juan Conde, do Consorcio de Santiago.

Cea íntima o 10 de maio

Pois ben, no Bar Viño de Mazarelos, varios integrantes do chamado Comité de Cooperación Intelectual organizaron unha homenaxe a Federico García Lorca, a quen convidaran a pronunciar varias conferencias aquela primavera por Galicia. Foi un 10 de maio, nunha cea para uns cantos escollidos. Este Comité estaba integrado por Arturo Cuadrado -de quen falaremos nunha próxima fotohistoria-, Carlos Martínez Barbeito, Fernando Barros Pumariño, Lois Manteiga, García-Sabell, Paco del Riego, Luís Seoane, Xosé Eiroa... e, entre outros, alí estaba esa noite, fronte a Lorca, o pintor Carlos Maside.

Foi no primeiro andar do Bar Viño, onde daquela figuraba o comedor, onde Maside debuxou, en catro certeiros trazos, o célebre retrato de Federico que tamén reproducimos hoxe -extraído do recente libro da Editora Guiverny e do Consorcio de Santiago que reúne ata 190 retratos do pintor-. «A forma de facer os retratos de Maside era así, ao natural, diante do retratado», explica a historiadora María Esther Rodríguez Losada.

Estes primeiros anos 30 foron ouro na vida cultural e social de Compostela. Entre Lorca e Maside estableceuse axiña unha empatía enorme. Os dous inspirábanse no popular. «As mulleres de Maside e os poemas do Cante Jondo teñen a mesma orixe, no pobo», aclara Rodríguez Losada.

Moito tempo despois, a finais dos anos sesenta, o Bar Viño, como se quixera gardar nel a memoria daqueles días de antes da guerra (in)civil, sería de novo protagonista como unha das «sedes» dos estudantes nas revoltas arredor do 68... Todo isto pode gardar na súa memoria e paredes unha vella taberna. Por moi poucos metros que hoxe teña. Son as voces e os nomes que nela nos falan.

editor@alvarellos.info