Pablo Culebras: «Galicia foi unha das vías de entrada do xogo de xadrez en Europa»

Tamara Montero
tamara montero SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO CIUDAD

MARTINA MISER

Hoxe presenta un libro e un xogo temático sobre as invasións viquingas en Galicia

24 may 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Os galegos sabían que se polo norte se achegaba unha nao con bandeiras cadradas o mellor era poñerse a refuxio. Tanto tiña se levaba unha cruz cristiá ou non. Os normandos convertéranse ao cristianismo, pero non deixaran de ser viquingos. Levábano no sangue. Fixérano durante séculos. Ao final, sempre saqueaban. Aínda que marcharan ás Cruzadas.

Nin é ficción nin é unha escena dunha superprodución estadounidense. É historia. A nosa. O riquísimo acervo dun país que ás veces toma consciencia do que atesoura no momento no que alguén de fóra vén contarllo. Esa historia recompilouna Pablo Culebras en Xaque a Jakobusland. Un exercicio de divulgación que hoxe, ás 19.30, se presenta na libraría Couceiro. Boas historias da nosa Historia mesturadas con referencias á cultura pop. Un libro que das 80 páxinas que ía ter inicialmente medrou moito, vizoso, a medida que avanzaba a investigación. Un xogo de xadrez temático que conformaría un capítulo de Xogo de Tronos ben chusco.

  

«Sempre vira as Torres de Oeste no aspecto que teñen actualmente e preguntábame como serían antigamente. Empecei a investigalo». Pablo Culebras quedou abraiado. O que alí había era unha fortaleza de sete torres, amurallada, nunha illa no medio do río Ulla. O cadeado do reino de Galicia. O seu libro ten a primeira ilustración na que se representa a fortaleza completa e ademais no medio dunha illa. «Iso é un exemplo da importancia que tiña Galicia na alta Idade Media, cando pola súa situación entre o Al-Andalus ao sur e o Imperio Franco ao norte era un paso estratéxico». Pensou no xadrez «porque era un xeito de colocar unha serie de pezas que están relacionadas entre si». E porque «Galicia foi unha das vías de entrada do xogo de xadrez en Europa».

Orixinario da India, entrou na Península por Al-Andalus. Os mozárabes trouxérono aquí, ao norte. O xogo máis antigo da Europa Occidental está no Bierzo. É pouco máis vello que o que se garda en Celanova, atribuído ao bispo San Rosendo -que loitou contra os viquingos-, tallado en cristal de rocha, orixinario de Exipto, datado no século X, e moi semellante a outro que se exhibe no museo exipcio de Berlín. Probablemente fose o regalo dun dignitario musulmán, «o que tamén é unha proba de que as relacións entre as dúas culturas non sempre eran violentas».

O de Pablo Culebras non é tan luxoso como o de San Rosendo. O taboleiro aseméllase a un antigo pergamiño e nas marxes ten pequenas explicacións de quen é cada unha das pezas do combate. As negras, os normandos. As brancas, os galegos. Con formas de antigas moedas medievais, van avanzando pola mesa a raíña Lupa, o Apóstolo, Sisnando, San Rosendo, Bjorn Costado de Ferro -si, un dos protagonistas da serie Vikingos-, Ulf o galego, Odín e Brunilda, a valquiria... Un xeito ameno de coñecer un pouco máis a historia de Galicia que tamén achega coñecementos sobre arte. Os deseños das pezas están baseados nas correntes artísticas da época. E «a arte medieval tiña moito de banda deseñada», porque contaba historias e tamén porque tendía á caricatura.

A súa viaxe polas fontes históricas levouno a descubrir, por exemplo, que no xadrez ruso tradicional -os viquingos espalláronse polos ríos do leste de Europa- as torres son barcos. En moitos países do leste e do norte de Europa, os bispos -os alfís en castelán- son caudillos ou xefes guerreiros. «Iso fíxome descubrir que as pezas do xadrez non sempre foron como agora, senón que foron interpretadas segundo a época e o lugar». Reflicten unha visión do mundo.

O protagonista. Aínda que Pablo Culebras se dedica ao deseño gráfico, sempre estivo moi interesado pola historia.

O proxecto. Hoxe, ás 19.30, a libraría Couceiro acolle a presentación do libro e do xogo de xadrez temático «Xaque a Jakobusland» sobre as invasións viquingas