O regreso do Asesino

Un empresario local quere reabrir o centenario e mítico restaurante

.

Caldo, ameixas, carne asada, espaguettis de Lola... Velaquí algúns dos pratos máis recoñecidos do histórico restaurante Asesino. Un local que estes días volveu estar de actualidade, pois un empresario de Compostela tivo a coraxe de mercar o edificio coa intención de resucitar o emblemático establecemento. A casa de comidas que nacera como almacén de viños do Ribeiro en 1873 e que mantivo as súas portas abertas, na praza da Universidade, ata hai case unha década.

As imaxes que hoxe ilustran a nosa fotohistoria son precisamente dos últimos anos do Asesino. Cedéunolas Antonio Cancela e foron obtidas na súa visita ao comedor o 26 de xuño do 2002. Maruja Neira, a veterana propietaria, tiña nesta fotografía xa 82 anos (falecería unha década despois, con 93, no 2012). Tras ela, paredes penduradas de grandes anacos de historia...

Pasou por moitas épocas, e ben distintas, o Asesino. O nome procede, seica, dunha anécdota verosímil: foi bautizado así polos estudantes, cando un mediodía viron a un dos empregados da cociña perseguindo, coitelo en man, a un galo que fuxira ata a entrada da propia Universidade. «Non o mates, asasino!», berrábanlle. E logo, cada vez que pasaban por diante da porta, ceibaban cara dentro: «Asasino, asasino! Non o mates!».

En 1929, o Asesino é o primeiro restaurante de Galicia recomendado pola Guía Michelín, xunto ao Alfonso XIII da Coruña, segundo nos confirma Antonio Cancela, experto e coleccionista nas guías vermellas. Foi entón esa década dos trinta un tempo dourado que vía entrar no local, por exemplo, a un don Ramón del Valle-Inclán nos seus días derradeiros na cidade.

Precisamente falamos estes días cun dos seus netos, o profesor e escritor Xaquín del Valle-Inclán, pois el foi, dende 1971 e durante dúas décadas, un dos habituais do Asesino. Era máis, tiña lugar e prato fixos no restaurante, comida e cea, diarios: «Os célebres espaguettis de Lola (irmá de Maruja) -coméntanos-, feitos con aceitunas e salchichas, impresionaban ata a algún italiano que se deixaba caer polo local. Os fixos pagabamos unha cantidade mensual ou trimestral, sempre a mesma aínda que pasasen anos... Nos 70, na miña época, era un restaurante de prezos moi populares, económico, pero con moi boa cociña. E sucedía algo moi singular aos ollos de hoxe: aos que eramos fixos, cando estabamos enfermos, Maruja levábanos a comida a casa».

Lola, Isaura, Concha e Maruja. Catro irmás que foron os piares do último século do Asesino, un lugar que fixo cidade e que agora, se todo flúe como debera, volverá a abrir as portas, nunha época ben distinta, pero na que fan moita falla referencias históricas e gastronómicas coma esta.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
29 votos
Comentarios

O regreso do Asesino