Santiago festexa as Letras Galegas

Montse García Iglesias
Montse García SANTIAGO

SANTIAGO CIUDAD

A Romaría dos Libros tomou a praza de Mazarelos e un roteiro guiado repasou oitocentos anos da literatura galega

18 may 2018 . Actualizado a las 14:03 h.

O Día das Letras Galegas deixouse sentir onte nas rúas. Dende as once da mañá a actividade tomou Mazarelos, que acolleu a cuarta edición da Romaría dos Libros de Primavera, ata o momento a máis numerosa cunha quincena de postos, que levaron as súas publicacións e propostas. Xa antes das dúas da tarde terminaran os moletes de pan que tiñan preparados para os que realizasen compras superiores a 15 euros e Edicións Positivas tamén esgotara un milleiro de plantas de tomate negro de Santiago que entregou aos asistentes.

«É un proxecto que se consolida e que medra», destacou Francisco Macías, un dos membros do colectivo organizador, Compostela Literaria, que engadiu que xa están pensando na próxima cita, que se celebrará o 25 de xullo. Os momentos de maior afluencia foron en torno ás 14 horas e despois ás 19 horas. Porque pola romaría ?na que tamén houbo un homenaxe a María Victoria e unha animada ximcana literaria, entre outras propostas?, ademais de composteláns, achegouse moito público de fóra. De aí que un dos momentos de maior participación coincidise pouco despois do remate da manifestación organizada pola plataforma Queremos Galego en defensa da lingua, que reuniu a milleiros de persoas en Santiago.

Nesta festa das letras non faltou a música. Puxérona a Banda Municipal de Santiago e o coro Cantorum Compostellana Coniunctio, baixo a dirección de Casiano Mouriño e Anxo Abel Souto, respectivamente. No programa estiveron pezas como Foliada de Santiago, Balada gallega ?con letra de Rosalía de Castro? ou A rianxeira. Para rematar, no Teatro Principal, que se encheu para o concerto do Día das Letras Galegas, soou o himno galego.

Un roteiro polas rúas de Santiago, que partiu do Museo do Pobo Galego, tamén serviu para celebrar o 17 de Maio. Os participantes recorreron diferentes espazos da cidade durante máis de hora e media ligados dalgún xeito ás persoas que foron homenaxeadas polo Día das Letras Galegas e, ao mesmo tempo, facendo un recorrido por oitocentos anos de historia da literatura galega. Esta noite, ás 20 horas, repetirase. Pero onte era xornada especial, xa que incluíu un recital breve a cargo da escritora Celia Parra e, para finalizar, unha actuación musical de Alba María.

A Cidade da Cultura tamén se sumou á festividade cunha lectura de textos de María Victoria Moreno.