A festa da palabra quenta motores na véspera das Letras Galegas

SANTIAGO CIUDAD

CEDIDA

Un paseo polas rúas de Santiago e polos autores distinguidos, presentacións literarias e outras actividades acenden a mecha do festexo

15 may 2018 . Actualizado a las 21:46 h.

A festa da palabra quenta motores na véspera da celebración con actividades a pé de rúa, charlas, presentacións literarias, exposicións, recitais e todo tipo de iniciativas para a promoción da lingua.

Entre os actos programados para o día, está o primeiro dos paseos por Compostela nos que se repasarán a historia e persoas homenaxeadas polas Letras Galegas dende os seu primeiro ano (1963) ata agora, prestando especial atención á súa vinculación coa cidade. A actividade é de balde e terá continuidade ata o venres. Tanto a ruta desta tarde como a do día 18 partirán ás 20.00 horas da porta do Museo do Pobo Galego e durarán unha hora e media. A de mañá sairá do mesmo lugar ás 19.00, e inclúe un breve recital e unha actuación musical en homenaxe á autora protagonista este ano da celebración, María Victoria Moreno. Para asistir a calquera delas, hai que inscribirse por wasap no 694 474 166.

A USC tamén adianta un día a celebración e presentará ás 12.00 en Fonseca un volume elaborado polo departamento de Filoloxía Galega e dedicado a María Victoria Moreno. O acto completarase cunha conferencia sobre a súa «proeza cívica e literaria» do académico da RAG Xesús Alonso Montero.

Ademais, a Fundación Torrente Ballester acollerá outra presentación esta tarde, ás 19.30, a dun libro publicado polo Consorcio de Santiago e a Editorial Galaxia que recolle un artigo da autora homenaxeada sobre os Seis poemas galegos de García Lorca.

Gabriel Muleiro levará a cabo unha lectura dos seus textos ás 19.00 acompañado polo músico Iago Verde dentro das actividades do Museo do Pobo Galego na semana das Letras. El Corte Inglés propón, á mesma hora na entrada principal, un recital de poesía para nenos e a firma dos libros Canta a lúa coas estrelas e Nas rúas de Compostela de Rosalía Morlán. E a libraría Couceiro, dentro da Semana das Letras, volverá a sacar a literatura á rúa con Xaque a Jakobusland, cuxo autor dará unha charla práctica sobre o xadrez dos viquingos en Galicia, en Cervantes ás 20.00.

Nos centros educativos

A festa da palabra tamén ocupará hoxe un capítulo especial en moitos centros educativos da comarca. Entre os distintos actos programados, o IES Rosalía de Castro de Santiago celebrará un maratón de lectura da obra de María Victoria Moreno e inaugurará a exposición sobre a escritora e o seu legado. No colexio compostelán Monte dos Postes terá lugar a Festa das Letras, aberta ás familias, xunto coa celebración dos Maios (elaborados polos propios alumnos), que inaugurará o artista Emilio Cao.

Ames

Acto literario-musical

Hoxe?•?Casa da cultura do Milladoiro?•?20.00 horas •?O Concello organiza unha gala co alumnado de canto da Escola de Música e co grupo local de folk Ascuas para festexar as Letras. Nela entregaranse os premios dos dous certames literarios municipais.

Touro

Conto en familia

Hoxe?•?Casa da cultura?•?16.30 horas?•?Cun conto interactivo en familia, obra de Antonio García Teijerino e aberto a todos os públicos, arranca esta tarde o programa das Letras do Concello de Touro.

Teo

Amor polo galego

O goberno de Teo impulsou unha acción nas escolas para facer visible a relación de María Victoria Moreno coa lingua e repartirá entre os alumnos 2.500 corazóns cunha das súas frases: «O meu co galego é unha historia de amor».

Ordes

Mostra bibliográfica

A biblioteca de Ordes abriu ao público unha mostra bibliográfica sobre María Victoria Moreno e o venres os nenos que visiten as instalacións recibirán un conto como agasallo (ata esgotar existencias).

Melide

Monicreques e música

O espectáculo de narración oral e monicreques María e os ollos alabarados chega aos tres colexios dentro da programación municipal das Letras, que tamén ofrecerá esta tarde, a partir das 19.00, un percorrido musical pola vila a cargo de Castrexos dos Érvedos.

Boqueixón

Andaina das Letras

O Concello de Boqueixón reuniu o domingo a medio cento de persoas nun safari literario e fotográfico pola Ruta dos Pescadores en torno ás Letras.

Frades

Concertos no colexio

O Concello conmemorará a data con dous concertos no CPI Ponte Carreira: o de Pakolas o día 21, e o do Son que me arroupa o 1 e xuño.