Inés Gómez e Alfonso Varela: «Pacientes con insuficiencia cardíaca viven agora 2,5 anos máis de media»

JOEL GÓMEZ SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO CIUDAD

Jessyca Ocampo

A campaña internacional sobre a doenza chegou onte ao hospital e á cidade

12 may 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Compostela notou onte por vez primeira a campaña internacional de concienciación da insuficiencia cardíaca, declarada polas sociedades europea e española de cardioloxía. A cidade viu como se iluminaban de vermello pola noite o pazo de Raxoi, no Obradoiro, e as torres Hejduk, no Gaiás; e o Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS) reforzou a información sobre esta grave doenza crónica do corazón. Diagnostica uns 350 novos casos ao ano; máis de 3.000 na última década, desde que implantou un proceso de atención específico liderado por cardioloxía, afirman Inés Gómez e Alfonso Varela, especialistas deste servizo.

«Nos últimos anos houbo boas noticias: esta organización asistencial e os novos tratamentos incrementaron a supervivencia media de pacientes con insuficiencia cardíaca; pasou de 5 a 7,5 anos, viven agora 2,5 anos máis de media. É unha doenza que pode debutar entre os 40 e os 80 anos. Aumenta coa idade e afecta a máis dun 10 % das persoas de 75 e máis anos», indica Inés Gómez.

O corazón das persoas afectadas é incapaz de bombear adecuadamente. É por iso que o sangue se acumula nos pulmóns ou noutras partes do organismo e dá lugar a problemas como dificultades para respirar ou inchazón nas pernas, o que limita a calidade de vida e a supervivencia: «Nos estados máis avanzados, o doente non se vale por si mesmo nin pode facer vida independente, precisa axuda para actividades básicas da vida diaria, e unha porcentaxe elevada teñen que acudir a urxencias e ingresar no hospital, porque notan moita fatiga, con pouca forza, senten que se afogan. No CHUS hai uns mil ingresos anuais con este diagnóstico, é a primeira causa de hospitalización de maiores de 65 anos», esclarece Alfonso Varela.

Para resaltar a dimensión deste problema de saúde, Alfonso salienta que «un 2 % do gasto sanitario total está condicionado pola insuficiencia cardíaca. No CHUS, iso supón entre 6 e 12 millóns de euros ao ano; e, desa cantidade, as hospitalizacións consomen dous terzos dos recursos».

O proceso asistencial organizado no Clínico hai dez anos está pensado «para que en cardioloxía actuemos sobre todo ao principio da doenza, de maneira que se diagnostique correctamente e se optimice o tratamento. Na fase de seguimento, moitas veces as persoas afectadas van requirir asistencia en urxencias, ingresar e mesmo reingresar, e aí ten unha función moi relevante a especialidade de medicina interna. E tamén atención primaria e a enfermaría. Se ten un tratamento axeitado, unha persoa afectada de insuficiencia cardíaca pode vivir moitos anos ben, mellorar moito, ter boa calidade de vida e non precisar de ingresar», acrecenta este especialista.

Inés Gómez destaca a importancia de xornadas de concienciación como a de onte: «A Semana Europea da Insuficiencia Cardíaca foi este ano do 7 ao 11 de maio, e en España o día principal é hoxe [por onte]. Entre os obxectivos das actividades que se organizan están o de chamar a atención para que se aprendan a recoñecer os síntomas da insuficiencia cardíaca, como acontece cun infarto ou con outras doenzas, porque non todas as persoas afectadas están diagnosticadas».

A fatiga, e o cansazo por causa da diminución da forza cando se realiza algún esforzo, están entre os síntomas que vale a pena consultar, di Inés: «É moi importante insistir na prevención de factores de risco, como a diabete, a hipertensión arterial e outros, para que non afecte unha insuficiencia cardíaca. Porque unha vez diagnosticada esta doenza, o prognóstico é moi malo, tende á cronificación, e aínda que hai casos que se estabilizan e melloran, hai que ter en conta que a mortalidade media ao cabo dun ano é dun 15-20 %», refire esta especialista.