Aurora Marco: «Un inxusto manto de invisibilidade escureceu a Concha Castroviejo»

A investigadora reivindica á ilustre autora santiaguesa nun traballo premiado polo Concello e a USC


santiago / la voz

A recuperación da historia de Concha Castroviejo (Compostela, 1910-Madrid, 1995), unha figura interesante do exilio, do xornalismo e da literatura, é o obxectivo de Concha Castroviejo. Arelas de liberdade, traballo co que Aurora Marco e Pablo Ces gañaron o segundo premio Xohana Torres, convocado polo Concello e pola USC. En breve sairá a edición deste produto audiovisual, de 30 minutos, onde se unen a investigación da profesora e as fortes imaxes filmadas por Ces para «repasar os episodios de maior interese dunha traxectoria que vale a pena recuperar. Porque aínda que faleceu hai relativamente poucos anos, un inxusto manto de invisibilidade escureceu a Concha Castroviejo, quen foi unha muller moi interesante», afirma Aurora.

A historia contempla catro partes. A primeira, de 1910 a 1931, «é o tempo de infancia e a mocidade. Estuda en Santiago, no colexio da Ensinanza, que supuxo para ela unha pegada de liberdade, segundo recoñece, e despois no colexio pontevedrés Placeres. Ten importancia a aldea de Paizás, no val do Ulla, que ela cualifica como o paraíso da infancia», indica Aurora.

Despois estuda o período da República e do levantamento militar, de 1931 a 1939: «Cando fai o bacharelato por libre, en dous anos, o que favorece o seu contacto por exemplo con Carlos Maside; e en 1934 comezou Filosofía e Letras na USC, cun expediente brillante. Contactou con Carvalho Calero, Fernández del Riego, Borobó e outros escritores, pintores e intelectuais que destacaban en Compostela naquela altura; e con Joaquín Seijo, quen será o seu compañeiro. Seijo estudou Dereito, Filosofía e Letras e Matemáticas, e foi sorprendido polo levantamento militar cando opositaba para a carreira profesional en Madrid. Concha permaneceu en Compostela, e en decembro de 1936 testemuñou a favor de Francisco Comesaña Rendo. Iso, e o querer estar con Seijo, levou a Concha a cruzar a fronteira e ir a Bordeos e despois a Valencia, onde casaron».

Da terceira etapa, 1939-1949, existe menos información: «Embarca con Seijo no buque Normandía en Bordeos, o 26 de maio de 1939, e van para o exilio, en México, onde desempeñou diversos traballos, como o de docente ou nunha salchichonería».

E regresa. En Compostela traballa para La Noche. Estuda xornalismo e, en 1953, vai para Madrid e traballa até 1966 no xornal Informaciones. Aurora destaca as novelas Los que se fueron e En espera del odio: «Alén da contribución que fixo á literatura infantil e á crítica literaria, esta era unha función rara para un muller e ela fixo un traballo destacado, difundindo a Castelao e outros autores galegos. Tamén ficou inmortalizada en Pelerinaxe pola ruta rosaliana, un produto audiovisual de 1951».

Aurora e Pablo resaltan a colaboración da familia de Concha Castroviejo, que contribuíu con numerosos materiais, ou co testemuño de Nanina Santos; o poder entrevistar a unha compañeira dos primeiros estudos que a pesar dos seus 107 anos lembraba ben e tiña materiais valiosos sobre Concha; ou documentación e imaxes da prensa, do Museo do Pobo Galego, da USC ou da Finca de Vista Alegre, que era da familia Blanco Cicerón, a da nai -o pai de Concha foi Amando Castroviejo, catedrático da USC; e o tamén escritor e xornalista José María Castroviejo foi un dos seus irmáns- para facer o audiovisual premiado. O Concello de Santiago xa o ofrece na rede, no enderezo https://www.youtube.com/watch?v=DuAAgtFDFqM desde hai uns días.

Pablo Ces salienta que o seu traballo «foi simple, pola moi completa e valiosa investigación de Aurora, que o facilitou». Destaca así mesmo «a intervención da actriz Lena María Fernández, quen tamén é de Santiago e que fai de narradora».

Investigadora. Aurora Marco é docente e investigadora da USC, agora xubilada. Continúa a traballar, en especial sobre a historia das mulleres galegas.

Colaboración. Aurora Marco e Pablo Ces colaboraron en varios produtos audiovisuais os últimos anos, cos que conseguiron recoñecementos e un importante impacto.

Conoce nuestra newsletter con toda la actualidad de Santiago

Hemos creado para ti una selección de noticias de la ciudad y su área metropolitana para que las recibas en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
1 votos
Comentarios

Aurora Marco: «Un inxusto manto de invisibilidade escureceu a Concha Castroviejo»