Fran Núñez: «Coñecer o impacto global dun encontro cultural permite programar mellor»

joel gómez SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO CIUDAD

PACO RODRÍGUEZ

Elaborou e promove unha nova metodoloxía de avaliación, que investigou na USC

09 may 2018 . Actualizado a las 10:54 h.

Coñecer o retorno que cada euro investido nun festival ou noutro acontecemento cultural supón para a sociedade onde se organiza: ese é un dos obxectivos da investigación realizada por Francisco Javier Núñez Alonso, máis coñecido como Fran Núñez, para o seu doutoramento na Facultade de Económicas da USC, orientado polo profesor Francisco Javier Sanjiao, do departamento de Economía Aplicada. Ese traballo está recollido no libro Da medición do impacto á mellora. Metodoloxía de avaliación de eventos culturais. O caso do festival de Cans, publicado pola Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) da Consellería de Cultura e Educación.

Fran Núñez fixo unha nova presentación do volume onte, na Facultade de Políticas da USC. Insistiu no valor dos datos económicos, sociais e comunicativos «que permiten coñecen a razón das cousas». Insistiu no interese de «medir ben todos os datos; facer unha boa contextualización, para evitar facer só clasificacións illadas; e saber valorar e interpretar o seu significado».

Este é «un traballo da avaliación de impacto, que aplica unha metodoloxía de 360 graos: non só mide o obxecto de estudo desde un punto de vista económico, ou social, senón que se ocupa de varios puntos, que se complementan, para obter un dato global, non unha visión parcial. Iso axuda moito a que os datos que se teñen sobre un evento cultural permitan posicionar diferentes produtos e non xerar unha clasificación. Un acontecemento cultural non ten por que ser necesariamente mellor que outro, poden ter intereses diferentes en función do tipo de medición que se faga», esclarece.

Así, «un festival de música que conte cun grupo moi coñecido pode ter un arrastre mediático moi grande, e ao mellor tamén un impacto económico moi grande; porén, pode non xerar arraigo local. Entre tanto, outro festival que aposte por grupos diferentes, quizais menos coñecidos, que sexan locais por exemplo, pode xerar un arraigo local e un tipo de impacto máis social. Non é un mellor que outro, aínda que teñan un posicionamento no mercado diferente, que se ten que recoller nas estratexias de medición. Por iso a novidade desta metodoloxía é que permite coñecer resultados máis globais».

Con esta metodoloxía pretende, pois, «obter unha imaxe máis completa, porque coñecer o impacto global dun encontro cultural permite programar mellor».

Fran Núñez pretendía analizar os festivais de teatro, para facer unha análise comparada. Porén, non conseguiu toda a información que precisaba. Foi por iso que centrou o seu estudo no festival de Cans (O Porriño) e analizou os datos do ano 2016, que ofrece con pormenor segundo o modelo que propón. Conclúe que «é un modelo de interese para programar; para conseguir vías de mellora; para primeiro medir e despois mellorar o que hai. É fundamental saber o que se fai, con bos datos, que tipo de actividades e que repercusión teñen para ver camiños de mellora. Non actuar só por intuición. Os datos axudan a ser máis precisos, para que os recursos públicos, e mesmo os privados, se apliquen máis eficientemente», manifesta.

Agora traballa con diferentes acontecementos «realizando labores de apoio, de consultaría, de avaliación; esta é unha vía de traballo que medra a medida que se desenvolve a metodoloxía e se aplica a novos casos», indica.

Onte estivo acompañado do profesor Sanjiao, e de Jacobo Sutil, presidente da Agadic, quen salientou que Núñez elaborou «unha metodoloxía con todo o rigor», que vale para Galicia e que mesmo se pode exportar.

Traxectoria. Fran Núñez fundou Limiar Teatro. Exerceu de produtor, director teatral, dramaturgo, escenógrafo, iluminador ou actor.

Investigador. É licenciado en Publicidade pola Universidade de Vigo; e doutor en Económicas pola USC, cun estudo que publica a Agadic.