Manuela Fraguela: «Temos dereito a defender o poder adquisitivo que perdemos estes anos»

joel GÓMEZ SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO CIUDAD

PACO RODRÍGUEZ

Manteñen as concentracións para mellorar o sistema público de pensións, afirma

08 may 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

«Temos que estar máis unidos que nunca e cos ollos ben abertos», afirmou onte Manuela Fraguela, portavoz da Plataforma Pensionistas Compostela, perante un cento de persoas que se concentraron no Obradoiro, nos baixos de Raxoi, como os primeiros luns dos últimos meses. Reivindican «unha pensión mínima de 1.080 euros, como indica a Carta Social Europea; a actualización das pensións conforme o IPC, coa devolución do importe perdido; recoller o dereito a unha pensión digna e suficiente na Constitución; superar a brecha de xénero nas pensións; non ligar o futuro destas prestación á maior esperanza de vida; ou eliminar o copago farmacéutico», entre as principais reclamacións.

«Estamos moi satisfeitos da resposta que temos. Cada vez hai máis xente, e moi variada, que se achega a nós; tamén xente nova, que non está xubilada e que vive o tema con visión de futuro. Nós estamos dispostos a seguir con concentracións até que se contemplen as reivindicacións que defendemos na súa totalidade», afirma Manuela.

Cualifica de «desafortunados determinados comentarios, como o que fixo onte [polo domingo] a secretaria de comunicación, que dixo que nos merecemos un corte de mangas; ou o portavoz do PP, que di que temos que saír dar as grazas. É escandaloso que este goberno teña tan pouca empatía e sensibilidade por unha demanda que cada vez é máis multitudinaria».

Manuela insiste en que non piden nada que sexa imposible, que é viable atender as demandas que fan: «Non é que non se poda, é que non se queren facer estas concesións. Por iso pedimos que o digan claramente e que se ateñan ás consecuencias cando haxa que ir votar. Estar disfrazando a problemática parece unha falta total de respecto».

Non está satisfeita coas recentes melloras anunciadas desde o Goberno: «O que se conseguiu é provisorio, mesmo o incremento do 1,6 % está supeditado a este ano e a que se aproben os orzamentos estatais; ao mellor nin para o próximo ano vale xa, pois vai depender de que para entón o Pacto de Toledo teña unha alternativa. Non é unha situación que nos tranquilice. Na rúa non estamos porque sexa divertido: queremos que dunha vez este tema teña unha resposta contundente e seria», acrecenta.

Na Plataforma de Compostela hai moito peso de profesionais entre as persoas que acoden ás mobilizacións. Manuela Fraguela indica que queren responder á realidade laboral, e que entre as sete persoas que integran a coordinadora «están representadas actividades como o ensino, comerciantes ou a banca; é variada», di.

Valora que «todas as persoas que perciben unha pensión teñen argumentos para protestar, tanto as que cobran axudas máis baixas como as máis elevadas. A xente que ten a pensión máxima tamén os ten. Eu, por exemplo, teño a máxima, porque coticei moitos anos e sempre o máximo, e desde o ano 2000, cando me xubilei, non ma volveron subir acorde co incremento dos prezos. Temos dereito a defender o poder adquisitivo, que levamos perdendo estes últimos anos; e tamén nos preocupa o que lles poda pasar aos nosos fillos coas pensións que se aveciñan, pois de se aplicar o factor de sustentabilidade, a pensión de partida vai ser máis baixa que as actuais; e se o incremento non vai pasar do 0,25 % é para estarmos todos preocupados e saír á rúa, non para permanecermos na casa», manifesta.

A próxima concentración en Compostela será o 4 de xuño, de novo nos baixos de Raxoi: «Seguiremos na rúa para facer realidade un sistema público, sostible, viable e universal», esclarece.

Manuela Fraguela. Xubilada no ano 2000. Exerceu na USC, na Xunta, nos concellos de Narón e Negreira, e foi edila en Compostela.

A Plataforma. O primeiro luns de cada mes convoca unha concentración no Obradoiro, nos baixos de Raxoi, para reivindicar «un sistema público, sostible, viable e universal» de pensións.