O barranco da morte de Rodríguez Cadarso

quique alvarellos

SANTIAGO CIUDAD

CEDIDA

Así quedou o coche no que morreu o reitor da Universidade de Santiago en decembro de 1933

06 may 2018 . Actualizado a las 05:05 h.

É a fría estampa dunha traxedia. A inesperada morte que conmocionaría a toda a sociedade compostelá e galega nun mes de decembro de hai 85 anos. No medio desta fotografía, un automóbil desfeito. Enriba, a neve. É o fatal accidente que acabaría coa vida, o 15 de decembro de 1933, do reitor da Universidade de Santiago, Alexandre Rodríguez Cadarso, e do seu compañeiro, o neurólogo e profesor de Medicina Francisco Bacariza Varela. Ían camiño de Madrid a pronunciar unha conferencia e atoparían a morte nun barranco preto de Lubián, en terras zamoranas. Unha mala curva, un despiste quizais...

Esta imaxe, moi descoñecida, foinos facilitada polo historiador Ricardo Gurriarán e procede dos fondos do Archivo General de la Administración. Gurriarán é coautor do libro Rodríguez Cadarso. Un reitor para un país, que publicou a USC co gallo do 75 aniversario da morte de quen é considerado o artífice da modernización da Universidade compostelá. Un período sen precedentes desenvolto en apenas catro anos con el á fronte do Reitorado (1930-1934) fatalmente mutilado, primeiro, coa súa morte física, e pouco despois coa «morte» xa colectiva que impuxo a ditadura franquista.

O enterro de Cadarso, cos dous cadaleitos saíndo do Paraninfo da USC o domingo 17 de decembro, é unha páxina tristísima da historia recente desta cidade. Sucedía ademais que unha semana antes daquel fatídico 15D, morría Roberto Nóvoa Santos, considerado hoxe o médico máis relevante da historia da medicina no noso país. Era moita dor acumulada.

Rodríguez Cadarso foi, en palabras de Gurriarán, o democratizador da Universidade naqueles anos 30, quen continuara o legado da Institución Libre de Enseñanza, quen promovera a aterraxe de profesorado mozo e innovador, o que iniciou contactos científicos coas mellores escolas europeas... e quen ideou e impulsou, por certo, a creación da Residencia de Estudantes no actual Campus Sur, exemplo aínda hoxe de impecable desenvolvemento urbanístico.

Pero todo morrería axiña. Nesa dobre morte física e logo colectiva da que falabamos. A súa figura ficou ocultada tralo 36. A súa viúva e os seus fillos quedaron desposuídos da paga perpetua que lle outorgara o Congreso dos Deputados, pois Cadarso fora tamén deputado na II República. Terían que pasar doce anos para que, despois de moitas loitas contra as institucións, puidesen recuperala.

Aquí queda pois, neste barranco da historia, o seu coche inerte. A súa memoria e os seus actos non os debemos deixar morrer.