Delfina Bañobre: «O alumnado fixo propostas para a mellora do patio que se van realizar»

Mañá presentan no Gaiás os primeiros resultados da integración no proxecto Piteas


SaNtIaGO / LA VOZ

Dar contido real ás actividades do currículo escolar: ese é obxectivo do proxecto pedagóxico Piteas, promovido pola Fundación Barrié, coa colaboración da Consellería de Educación e coa participación da Unidade de Altas Capacidades da USC. Este ano comezou con éxito no colexio Apóstolo Santiago, afirma Delfina Bañobre, docente e secretaria do centro. Mañá pola parte presentarán, nunha feira de proxectos que se celebra no Gaiás, as maquetas e outros materiais con resultados desta primeira experiencia, que confían continuar o próximo curso, di esta profesora.

«Os grupo de escolares que comezaron primeiro de primaria este ano levaban traballando por proxectos ou por tarefas xa nos tres cursos anteriores, de infantil. Iso consiste en partir dunha situación de interese para o alumnado, que escollen na aula, ou que sexa valiosa para solucionar algún problema do centro. A partir de aí, e do que saiban dese tema, hai que promover que investiguen e que resulte algún produto que teña relación con iso. Desa maneira traballan diferentes áreas do currículo sen a axuda dun libro de texto», manifesta.

Esa experiencia previa facilita o desenvolvemento de Piteas, que se alicerza no traballo por proxectos ou por tarefas, insiste Delfina: «O resultado final do Piteas no noso centro este primeiro ano vai ser a mellora do patio do centro. Os 8 grupos de escolares que participan analizaron o seu estado e cada un fixo propostas, que se van realizar. Algunha, como a de instalar unha piscina climatizada, era difícil. Por iso chamamos a unha nai, que é arquitecta e explicou como non había viabilidade, por non existir espazo e condicións para o que querían. Porén, iso permitiu traballar na aula con ese grupo as escalas, medidas, vocabulario e outros contidos de interese do currículo. Despois escolleron outra opción, que se desenvolveu. Desde finais deste mes esperamos que se vexan os resultados, coa materialización das diversas ideas do alumnado», acrecenta Delfina Bañobre.

Todas as opcións, que inclúen diversos xogos, facer cabanas vivas ou colocar elementos de son, entre outras, están desde hai uns días nunha exposición, en maqueta, no centro. O grupo de sexto de primaria, que abandona o colexio en xuño, escolleu facer unha senda de escalada: «Estamos á espera de que respondan a Consellería de Educación e o Concello, que a deben autorizar. Os escritos para facer esa petición foron elaborados polo propio alumnado, despois de traballar nas aulas de lingua sobre como escribir unha carta, como se rexistra, e outras situacións reais que favorecen a aprendizaxe. Iso é o que pretende o modelo de enriquecemento curricular de Piteas: ensinar dun modo práctico na sala de aula a resolver problema da vida real, ver na práctica o obxectivo do que se fai», resalta esta docente.

Para o profesorado «supón unha forma de traballo do currículo diferente, que leva máis tempo que seguir un libro do texto; é máis próximo do que acontece na vida real, para favorecer que o alumnado aprenda tamén cos erros, sabendo rectificar».

Oito docentes do centro secundan esta iniciativa pedagóxica. Tamén colaboraron as familias do alumnado, que contribuíron con materiais para elaborar algúns dos proxectos. «É dar utilidade e contido real ao que se fai relacionado co currículo. Porque hai unha parte de integración de todo iso no currículo, que temos que facer dentro do plan de formación que vai asociado ao programa», manifesta Delfina.

Implantar o Piteas contribuíu a que este fose un curso «moi movido», di; porque continúan tamén co proxecto pedagóxico Elisa, da USC, iniciado o curso pasado; integraron as aulas de quinto e sexto de primaria no libro dixital, participaron no plan de mellora de bibliotecas, e comezaron a ampliar espazos na zona que lles deixou a Escola Municipal de Música.

Experiencia. Este é o segundo ano de Delfina Bañobre no Apóstolo Santiago. Antes dirixiu moitos anos o colexio de Valdoviño.

Piteas. A iniciativa pedagóxica que promoven a Fundación Barrié, a USC e a Consellería de Educación expón proxectos mañá pola tarde no Gaiás.

Conoce nuestra newsletter con toda la actualidad de Santiago

Hemos creado para ti una selección de noticias de la ciudad y su área metropolitana para que las recibas en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
3 votos
Comentarios

Delfina Bañobre: «O alumnado fixo propostas para a mellora do patio que se van realizar»