Sandra Golpe: «A prevención do consumo de drogas debería comezar antes dos 13 anos» 

JOEL GÓMEZ SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO CIUDAD

RAFA MILLARES

Esta psicóloga defende que se asocie ao uso problemático de Internet, pois comparten parte das causas

01 may 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

«Os adolescentes que chegan pola noite máis tarde á casa e que cando saen levan máis diñeiro para gastar, teñen maior probabilidade dun consumo de risco de alcohol e outras drogas, e son os que máis consomen», afirma a psicóloga Sandra Golpe. Esta é unha das conclusións dos estudos que realizou os últimos anos na Facultade de Psicoloxía para a súa tese de doutoramento, orientada polos profesores Jesús Varela Mallou e Antonio Rial Boubeta. Estudou o consumo de drogas e o uso problemático de Internet en adolescentes e como facer prevención, pois «hai evidencia de que son dous dos principais problemas sociosanitarios de Europa», afirma.

Sandra participou en 13 publicacións da Unidade de Psicoloxía do Consumidor e Usuario os últimos cinco anos. «A parte principal do meu traballo foi sobre o consumo de alcohol e outras drogas. Verificamos como cada vez comeza antes. O recente relatorio Estudes, do Ministerio de Sanidad, centrado nos dous últimos anos, sitúa as idades de inicio entre os 14 e os 15 anos. Nós investigamos con máis de 3.000 adolescentes galegos, entre 12 e 18 anos, e comprobamos que son inferiores, normalmente comezan co consumo de alcohol por volta dos 13 anos e medio, inmediatamente despois o de tabaco, e a partir dos 14 noutras substancias, en especial o cannabis, que coincide coa primeira bebedeira excesiva de alcohol», indica.

Por iso «a prevención do consumo debería comezar antes dos 13 anos; ao final da educación primaria. Iso é importante, pois detectamos adolescentes que fan un consumo moi intensivo e abusivo de alcohol e outras drogas, que pode desembocar nunha dependencia ou nun trastorno».

Sandra traballou cunha ferramenta para verificar o consumo de risco de alcohol en persoas adultas, que adaptou para identificar de maneira precoz ese consumo en adolescentes: «é unha ferramenta da OMS, que agora se pode utilizar con garantías con poboación adolescente española», manifesta.

Outro resultado dos seus estudos foi que «vimos a existencia de relación entre uso problemático de Internet e consumo de risco de alcohol e outras substancias. Iso interesa para a prevención: debe ser máis integral e incidir sobre as causas compartidas para evitar ambas as problemáticas; iso é máis eficaz que actuar sobre elas independentemente, e aínda non se traballa demasiado así».

Sandra valora positivamente a lei estatal, aprobada hai uns días, que regula o consumo de alcohol e outras substancias: «había unha lei galega de hai xa uns anos, que en parte non tiña éxito por falta dunha referencia estatal. Para temas de saúde pública como estes penso que é bo que haxa normas que regulen usos e consumos».

Esa nova lei estatal axudará para a prevención, di. Considera que «a prevención ten que contemplar moitos ámbitos. Primeiro, as institucións, con leis e normativas que regularicen esas cuestións, ou a publicidade, e outras que non dependen da cidadanía. Teñen moito que facer tamén os centros educativos, onde se debe integrar dunha maneira transversal a prevención. E os pais e as nais, que na súa responsabilidade de educar teñen que impor normas e límites, e ser bos modelos, pois se consomen drogas hai máis probabilidade de que o fagan os fillos».

Salienta así mesmo «os irmáns e o grupo de iguais, pois se consomen alcohol ou outras substancias favorecen que se consuma». E ve básico «traballar as variábeis persoais do adolescente, contar cos seus gustos, actitudes, hábitos, opinións, autoestima e habilidades sociais; e son moi importantes as expectativas que se fan sobre o consumo de drogas, sobre todo pola publicidade. Porque vimos que coñecen os riscos do consumo; porén, pensan que os poden asumir, porque lles compensa; por iso hai que incidir ben neles, para que muden».

Investigadora. Sandra Golpe Ferreiro é licenciada en Psicoloxía pola USC. Desde finais do 2013 investigou na Unidade de Psicoloxía do Consumidor e o Usuario.

Estudo. Defendeu como tese de doutoramento o estudo «Consumo de drogas y uso problemático de Internet en adolescentes».