Valle-Inclán, camiño dos touros

Unha imaxe pouco divulgada do escritor en Madrid en 1914


Unha imaxe moi pouco divulgada de don Ramón del Valle-Inclán. Viaxemos con el ata decembro de 1914. Por aqueles días nacía no gran escritor a afección polo mundo dos touros. Ten estudado a fondo esta faceta do seu avó, o profesor e investigador Xaquín del Valle-Inclán, a quen debemos tamén a cesión desta imaxe. Identifiquemos primeiro aos tres homes do asento de atrás:

Á dereita, Ramón Pérez de Ayala (Oviedo, 1880-Madrid, 1962), brillante intelectual e ensaísta. Sería un dos guías espirituais da II República, na que exercería como embaixador en Londres. Logo, distanciaríase dela. El era, en palabras do seu neto -o diplomático Juan Pérez de Ayala- «republicano e progresista, pero non marxista».

No medio, Sebastián Miranda, escultor asturiano (Oviedo, 1885-Madrid 1975). Formado por toda Europa, nese 1914 regresaba precisamente a España dende París por mor da primeira Guerra Mundial. Moitos dos seus traballos reflicten o mundo das touradas.

Á esquerda, un Valle-Inclán (Vilanova de Arousa, 1866-Santiago de Compostela 1936) de 49 anos, barbas aínda moi negras, pero xa sen o brazo esquerdo (que perdera 15 anos antes). Unha idade (aproximándose aos 50) que o levaba, por aqueles días, a facer balance vital e achegarse ao mundo do ocultismo e do quietismo estético como camiño da perfección e da beleza, reflexión que culminaría pouco despois na publicación dese libro único que se chama La lámpara maravillosa (1916), onde define precisamente Compostela como «rosa mística de piedra».

Estamos, como dicimos, en 1914, no asento de atrás dun vehículo que leva a Valle, a Pérez de Ayala e a Sebastián Miranda a unha capea. Eran os tres xa bos amigos de tertulia en Madrid e todos eles grandes afeccionados á tauromaquia. Valle faríase fondo admirador do toureiro sevillano Juan Belmonte. É Sebastián Miranda quen relata este diálogo entre os dous, Valle e Belmonte:

-¡Juanito, Juanito, estás en plena gloria, ya no te falta más que morir en la plaza!

-Se hará lo que se pueda, don Ramón -contestou o toureiro-.

Belmonte, considerado por certo polos afeccionados o maior toureiro da historia, levaría á praza ese mesmo quietismo estético que tan ben teorizara Valle por aqueles días na súa Lámpara....

A imaxe recolle o día que foron de excursión ao Quemadillo, no Escorial, en Madrid, onde se celebraría unha capea. Segundo conta o biógrafo de Juan Belmonte, Antonio de la Villa (recollo esta información de Xaquín del Valle-Inclán na revista Cuadrante de 2012), «el maestro Valle, con más denuedo y bizarría que nunca, montó a caballo y enseñó a los atónitos concurrentes cómo se echa el lazo en las tierras de México a los toros». (Lembremos que Valle só tiña un brazo).

En fin. En Valle-Inclán hai sempre arte por riba da vida. Por certo, en 1915 preguntáballe un xornalista:

-Don Ramón ¿cree usted que hay arte en los toros?

-Naturalmente que sí. Y mucho. La mayor manifestación del arte es la tragedia.

Conoce nuestra newsletter con toda la actualidad de Santiago

Hemos creado para ti una selección de noticias de la ciudad y su área metropolitana para que las recibas en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
3 votos
Comentarios

Valle-Inclán, camiño dos touros