Carmen Villarino: «Os estudos sobre o Brasil son unha ponte entre o pasado e a vangarda»

joel gómez SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO CIUDAD

PACO RODRÍGUEZ

Celebran cunha web especializada os 20 anos do lectorado brasileiro en Compostela

28 abr 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

O lanzamento, esta semana, do sitio de Internet Literatura e Cultura Brasileiras na USC (https://brasilgaliza.wixsite.com/brasilgaliza) «está a ter unha moi boa acollida, aquí, no Brasil e en Portugal», afirma Carmen Villarino Pardo, profesora titular de literatura brasileira na USC. Esta foi unha das actividades con que culmina a conmemoración do vixésimo aniversario do lectorado brasileiro na Facultade de Filoloxía, iniciadas no mes de novembro. Villarino promove esa web especializada, xunto con Vivian Rangel, a actual lectora; Márlio Barcelos, quen a precedeu nese posto; e Janaína Marques, doutoranda brasileira que realiza una estada en Compostela, indica. As celebracións dos últimos días contaron tamén cun concerto, ou coa intervención de Adriana Calcanhotto.

A relación de Filoloxía con universidades brasileiras é moi intensa xa desde finais do século pasado: «Temos colaboracións moi fortes nos niveis de graduación, do mestrado e do doutoramento. Atendemos aquí a bolseiros de posgraduación brasileiros, a quen se codirixe o seu traballo varios meses; e participamos en proxectos de investigación conxuntos. Para o lectorado, colaboramos coa Universidade de São Paulo desde o ano 2008; e insistiremos nas xestións perante a Embaixada do Brasil en Madrid para conseguir o apoio do Goberno brasileiro», acrecenta Villarino.

Este interese polo Brasil non é exclusivo da Facultade de Filoloxía, recoñece: «No ano 2008, grupos de varias áreas da USC traballamos para promover un Centro de Estudos Brasileiros en Santiago. Non prosperou, porque coincidiu con mudanzas importantes na USC, e sobre todo na Embaixada do Brasil en Madrid, cuxo apoio era prioritario, e a crise tamén contribuíu para impedir o desenvolvemento da iniciativa», lembra Villarino.

Moitas das persoas que defendían a constitución dese centro continúan a traballar e a apoiar estudos sobre o Brasil. «Está practicamente todo o núcleo de profesorado de portugués da Facultade de Filoloxía, e tamén en Xeografía e Historia, en Ciencias da Educación, en Dereito e noutros centros hai proxectos nesa liña. En Filoloxía tentamos potenciar a relación con Brasil a través da lingua, da literatura e da cultura. Iso favoreceu, e favorece, abrir portas que poderán aproveitar colegas doutras facultades», indica.

Ese interese que hai en Compostela ten reciprocidade, asegura Villarino: «os estudos sobre o Brasil son unha ponte entre o pasado e a vangarda, e así os entenden colegas que colaboran coa USC en universidades brasileiras, que din deparar aquí con ecos que teñen que ver co pasado e co presente. E iso alicerza contactos directos entre ambas as partes, facendo seminarios, codirixindo teses de doutoramento, organizando coloquios conxuntamente, e aproveitando outras posibilidades», manifesta.

Villarino resalta o enorme interese de que na Facultade de Filoloxía da USC exista hai 20 anos un lectorado brasileiro, que reforza moi especialmente as disciplinas relacionadas con lingua, literatura e cultura do Brasil. «O lectorado foi asumido desde os inicios, no ano académico 1997-1998, pola USC, que é a universidade que máis decididamente apoiou e apoia en España os estudos sobre o Brasil. Por iso quixemos conmemorar este vixésimo aniversario, para destacar tamén como se reforzou a especialización nestes anos. Hai un convenio para ese lectorado, que ten como coordinador actual ao profesor José Antonio Souto. E a actual lectora é Vivian Rangel», sinala. Parte do dinamismo do lectorado desde o ano 2011 está nese sitio de Internet especializado que lanzaron esta semana, que teñen a intención de renovar con periodicidade, con novidades sobre máis acontecementos de interese neses ámbitos.

Docente e investigadora. Carmen Villarino é profesora titular de literatura brasileira na Facultade de Filoloxía da USC.

Lectorado. O lectorado brasileiro na USC comezou no ano académico 1997-1998. Ten colaboración coa Universidade de São Paulo. A actual lectora é Vivian Rangel.