Reivindican a figura de Antonio Fraguas, do local ao universal

Elisa Álvarez González
E. Álvarez SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO CIUDAD

Xoán A. Soler

O Museo do Pobo acolleu o primeiro acto dunha serie de actividades que rematarán no 2019

25 abr 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Morreu a finais do ano 1999, pero os actos de homenaxe polo vinte aniversario do pasamento de Antonio Fraguas xa comezaron. Fixérono no Museo do Pobo Galego e prolongaranse durante ano e medio, nunha iniciativa impulsada polo Concello de Cerdedo-Cotobade co que quere destacarse o valor universal deste autor. Para iso, nas próximas semanas repartirase entre os escolares deste concello unha ficha didáctica sobre a figura e a obra do intelectual, e un díptico reivindicando a súa traxectoria entre os rapaces máis maiores.

O Museo acolleu un acto no que se destacaron as distintas facetas deste historiador e intelectual. Víctor Freixanes, presidente da Real Academia Galega, fixo un repaso pola súa vida e o seu ingreso nesta institución, significativo porque Fraguas substituíu a Castelao no ano 1951. Clodio González, biógrafo do escritor, lembrou a vida e a traxectoria académica deste autor de Cotobade íntimamente ligado a Compostela, un aspecto no que afondou González, incidindo na ligazón do intelectual coa capital galega. No acto que serve como pistoletazo de saída a máis un ano de promoción e homenaxe tamén participaron Xusto Beramendi, presidente da Fundación Antonio Fraguas; Valentín González, secretario xeral de Política Lingüística; e Jorge Cubela, o alcalde de Cerdedo-Cotobade.

Con esta primeira semblanza comezan unha serie de actividades de divulgación do intelectual galeguista coas que os organizadores queren destacar o carácter universal deste autor que, se cadra, podería ser non moi tarde un dos homenaxeados do Día das Letras Galegas.