Adriana Calcanhotto: «A música é a porta de entrada da poesía para moitos, como foi comigo»

Montse García Iglesias
Montse garcía SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO CIUDAD

Leo Aversa

A cantora e compositora brasileira ofrecerá o día 27 en Santiago un concerto co seu último espectáculo, que ata agora só deu en Portugal

24 abr 2018 . Actualizado a las 02:29 h.

Adriana Calcanhotto (Porto Alegre, 1965) é unha das compositoras brasileiras máis recoñecidas. Foi nomeada Embaixadora da Lingua Portuguesa pola Universidade de Coimbra en 2015, onde realizou unha longa estadía académica. O día 27 de abril ofrecerá un concerto en Santiago (20.30 horas, Auditorio de Galicia) onde mostrará o novo espectáculo que estreou en Lisboa o 10 de marzo. Na xornada anterior impartirá unha conferencia no Paraninfo da Universidade compostelá titulada Canção de amor cantar eu vim.

-Presentará en Santiago o espectáculo «A mulher do Pau-Brasil», baseado no proxecto didáctico que desenvolveu na Universidade de Coimbra. Defíneo como concerto-tese, en que consiste?

-Chámolle concerto-tese porque está baseado nas cousas que pensei durante a miña residencia na Universidade de Coimbra o ano pasado, nesa tradición académica ollando para o Brasil dende fóra do Brasil. O resultado da miña estadía podería ter sido un libro, un disco..., pero eu pensei nun espectáculo.

-Pero non será un concerto didáctico, de profesor-alumno.

-Non, non... [ri]. Son as cancións dunha muller fóra do Brasil que mira para o Brasil de agora. Hai cancións que nunca cantei que non son miñas, cancións miñas coñecidas que o público quere escoitar en todos os concertos e cancións que eu escribín en Coimbra durante a residencia. Hai un pouco de cada cousa.

-Santiago é a primeira parada do espectáculo despois da estrea en Portugal, ten que ver con ese territorio da lusofonía?

-Exactamente, con esa orixe da lingua, coas cantigas de Santa María que están no comezo e tamén estou moi vinculada aos trobadores galegos.

-Séntese vostede tamén dalgún xeito unha trobadora?

-Penso que si. O meu espectáculo anterior que fixen para falar da orixe da lingua portuguesa cantaba cousas de Don Dinís, de Martín Codax.

-Dixo varias veces que un dos obxectivos é que a poesía soe na radio comercial.

-Consómese poesía a través da música, esa é a porta de entrada da poesía para moita xente, como foi comigo.

-Nese sentido, como valora o Premio Nobel a Bob Dylan?

-Iso axuda. A poesía naceu antes da escrita. Horacio ou Homero eran uns cantores. Todo aquilo era transmitido oralmente. A obra de Homero na Ilíada e na Odisea é probable que non fose un único Homero o que a escribiu, é unha reprodución de moito tempo. Entón, a min gústame dicir que non foi o Bob Dylan o que gañou o Premio Nobel, foi o Nobel o que gañou o Bob Dylan. Isto axuda no debate de se un poema que é lanzado nun libro é superior a unha canción. Cando se pensa isto estanse a esquecer de Grecia e dos trobadores.

-Está vinculada á poesía e á canción, que xorde antes cando compón?

-Cada canción, como lles digo aos meus alumnos, vai dicir o que ela necesita. A maioría das cancións que son só miñas, eu comezaba máis ou menos todo xunto. En xeral, empezaba a escribir as cancións cando estaba coa guitarra. Hoxe en día procuro iniciar as cancións sen a guitarra, moitas veces o meu vocabulario musical pódeme deter e podo non crear melodías tan soltas pola miña limitación harmónica no instrumento. Pero de calquera maneira, cada canción que eu fixen foi da maneira que ela quixo. Iso é para min, pero non é unha regra, porque eu non son unha persoa -e moitos menos unha compositora- metódica.

-Onde se sente máis cómoda: musicando poemas doutros ou compoñendo os seus propios?

-Depende moito do poema. Cando escollo musicar un poema de alguén é porque me impactou dunha maneira que os meus propios poemas non teñen a capacidade de impactar. Cando interpreto unha canción doutro autor é máis ben coma se me gustase ter escrito esa canción se puidese. Eu, entón, aprópiome dela como intérprete -porque son compositora pero tamén intérprete-. Iso non é musicar un poema, senón reproducir un poema que me gustaría ter feito.

-Recoñécese suficientemente fóra a música brasileira ou aínda considera que teñen moito camiño por andar?

-Vexo que a música brasileira, mesmo para quen non entende a lingua, é unha música que comunica moito. No Xapón son grandes fans da música brasileira pese a que a maioría non a comprenden. A cousa máis bonita que eu vin é as persoas que veñen falar comigo para dicirme que están aprendendo a lingua portuguesa para comprender as letras, non só as miñas, senón dos compositores do Brasil.