Os candidatos a reitor debate en La Voz as súas ideas para a USC

susana luaña / tamara montero SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO CIUDAD

PACO RODRÍGUEZ

O reitor en funcións defende catro anos de xestión marcada polos axustes económicos e o candidato di que non é crible confiar «en quen di que vai facer o contrario do que fixo»

20 abr 2018 . Actualizado a las 22:28 h.

Juan Viaño defende catro anos de xestión. Antonio López pide un cambio para unha universidade «comprimida». La Voz reúne aos candidatos a reitor da USC para debater as súas propostas cara ás eleccións do próximo luns.

financiación

¿É abondo o novo plan de financiamento?

Juan Viaño. Cando chegamos á Universidade había unha débeda acumulada de 50 millóns de euros e un déficit de 17 millóns. Foi necesario actuar de maneira drástica, cirúrxica. Coa axuda do plan de financiamento renegociado no 2016 e coa negociación da débeda puidemos reducir a débeda a 30 millóns e o déficit a nove, e así manter a actividade e os compromisos cos nosos traballadores. Agora podemos afrontar unha axenda de crecemento e recompoñer eses sacrificios. Grazas ao esforzo de toda a comunidade podemos seguir exercendo o noso labor, mantendo os compromisos e mesmo acadando fitos como a nova Facultade de Medicina.

Antonio López. Botamos de menos que se adoptaran posturas de universidade. Fronte a iso leváronse a cabo unhas negociacións que deron lugar a un plan de financiamento insuficiente. Que financia, sobre todo na súa parte estrutural, igual ás tres universidades en función do crédito matriculado, cando a USC ten unha situación distinta porque o noso cadro de persoal é máis caro e as infraestruturas teñen requerimentos superiores. Sobre a débeda, dicir que se renegociou e eu sigo dicindo que se debera refinanciar.

J.V. Agora é posible refinanciar e mesmo aumentar a nosa tesourería. Iso temos pensado facelo. O plan de financiamento foi un acordo onde a nosa Universidade conseguiu resituarse acadando o 43 % do financiamento a repartir, e se falamos de resultados, o 46 %.

A.L. Mágoa que non se refinanciara hai catro anos. Podiamos ter aproveitado moitos recursos para outras cousas. Por moito que resituemos, participamos cun plan que nos converte en moitos aspectos na irmá pobre do sistema.

J.V. O que non quero é que se traslade que non se renegociou a débeda, que si se renegociou.

A.L. Renegociar non é refinanciar. Renegociar é pactar cos acreedores, trasladar o que non se amortizou nos dous primeiros anos e amortizar máis no seguinte. Refinanciar é financiar a amortización da débeda con outra débeda.

J.V. Pero nós renegociamos a débeda, e polo tanto aprazamos a devolución, fomos capaces de transitar a unha situación moito máis cómoda, devolvemos 4,5 millóns anualmente e reducimos as nosas obrigas.

A.L. Debérase refinanciar neste período especialmente difícil.

persoal

¿Como ten que evolucionar nestes intres a contratación?

A.L. A situación requiría facer axustes. O problema é que se fixeron substancialmente sobre persoal e investimentos. En catro anos temos 135 funcionarios docentes menos e 48 prazas de PAS menos. Estas prazas de PDI non se substituíron ou substituíronse por prazas interinas e en condicións precarias. Non podemos seguir por esta liña. O cambio pasa por un plan a catro anos no que se garanta estabilidade e promoción, incluíndo liñas para un plan de renovación do PDI a medio longo prazo e buscando o reequilibrio entre áreas.

J.V. A crise impuxo durante moito tempo unha taxa de reposición do 10 % e o plan de equilibrio económico obrigou a restrinxir os gastos. Con todo, estabilizamos a todo o persoal e mesmo iniciamos a do persoal interino de longa duración. A este ritmo, pode rematarse no 2021. Atendemos as necesidades urxentes, estabilizamos todos os investigadores, 21 prazas de Ramón e Cajal, 148 prazas de funcionarios e de contratados doutores. Contemplamos tamén a promoción. Respectámolo escrupulosamente, convocamos 29 prazas de cátedra e promoción. Ese plan pódese estender a 2022.

A.L. As limitacións de taxa de reposición suavizáronse a partir de 2016, ou sexa que este cambio que agora se quere prometer xa se puido ter levado a cabo. Este era un plan do equipo reitoral, nunca se converteu non plan da USC porque non se quixo levar a discutir no órganos de goberno.

J.V. Non foi posible facelo antes polas limitacións do noso plan de equilibrio e a limitación salarial. Atendéronse as necesidades urxentes e agora o plan pódese completar cunha oferta de cen prazas de titulares e cen de catedráticos, rematar a estabilización e propoñer como mínimo 60 prazas novas con posibilidade de reestruturar nos centros e departamentos con profesorado non permanente.

oferta académica

¿Que títulos debe ofertar a USC?

J.V. Implantamos Biotecnoloxía, Criminoloxía e Paisaxe para o curso 2018-2019. Propugnamos tamén catro títulos para o curso 2019-2020: Emprendemento, Robótica, Bioquímica e Xestión do Patrimonio. É unha reconfiguración do mapa xestionada cos centros e coa Xunta e propoñendo unha viabilidade que ten que ser aprobada nos órganos correspondentes. E xestionamos mestrados importantes: de drons, en xenómica e xenética e traballamos na posibilidade de títulos do futuro en campos tan novos como a nanotecnoloxía. Apostamos tamén polos dobres graos, demostráronse moi exitosos, e por consolidar o doutoramento. Fixemos unha reorganización integral con catro escolas de doutoramento aliñadas na especialización e nos grandes ámbitos da universidade.

A.L. Renegociaría o mapa o equipo de goberno, a universidade non formulou unha proposta salvo uns graos que se implantaron este ano. Haberá que recompoñer a situación tramitando internamente agora o que non se fixo no seu momento. Hai que formular unha proposta atractiva e ademais dinámica de mestrados. Aquí vemos como ese sistema de financiamento insatisfactorio do que falabamos permite a outras universidades facer o que nós non podemos facer. Respecto á estrutura do doutoramento, discrepo da necesidade de crear catro escolas. O que había era a necesidade de dotar de recursos e de apoio técnico a escola anterior.

J.V. A tramitación e a xestión das novas titulacións é exactamente a mesma que se ten seguido para todas as outras, é dicir, detectar a necesidade, consultar con expertos, cos centros implicados, ver se hai viabilidade, negociar coa Xunta e seguir a tramitación prevista no noso ordenamento.

A.L. Para Criminoloxía presentáronse dúas propostas de dous títulos, díxosenos que non, despois presentouse unha de un e se nos dixo que si. Aquí alguén decidiu por nós dicindo «estes son os títulos que nós aprobamos, e agora imos facer as memorias». Iso non é respectuoso nin cos estatutos nin coa autonomía da Universidade.

investigación

¿Como se debe financiar?

A.L. A Universidade que temos é profundamente investigadora e temos que apostar por manter ese perfil e reforzalo. O financiamento estase levando a cabo con fondos externos captados a través de entes públicos por concorrencia competitiva ou a través da interacción con axentes privados, e nós entendemos que, ademais de apostar por estas fórmulas de éxito, temos que facelo para darlle solución a todo o noso persoal, para dar saída tamén a outras fórmulas de investigación máis modestas, por iso propoñemos recuperar liñas de axuda da Universidade para promover a participación de todos estes colectivos na investigación.

J.V. A nosa Universidade é referente nacional e internacional en investigación, ocupamos posicións de privilexio nos ránkings e apostamos por manter ese nivel. Apostamos pola excelencia e pola especialización nos tres eixos do Campus Vida, Campus Terra e Campus da Cidadanía e polas agrupacións estratéxicas xa que os fondos van moi directamente vinculados a estes grupos. Tamén ofrecendo estabilización e tratando de manter o talento, e con convocatorias propias para apoiar grupos que poidan ter dificultades de financiamento.

A.L. Nas convocatorias Ramón y Cajal do último mandato non había compromiso de estabilización, cousa que criticamos. Apostamos por unha planificación estratéxica que comprometa estabilización.

J.V. Queremos mellorar os criterios de selección facéndoos máis internacionais, cunha difusión trilingüe, se acaso, e reforzamos a oficina de proxectos europeos.

transferencia

¿Hai unha brecha social?

J.V. A Universidade de Santiago é referente nacional e internacional en emprendemento e transferencia de resultados coa creación de empresas de base tecnolóxica. Temos unha área de valorización e apostamos por redimensionala con máis efectivos e colaborando co ámbito empresarial a través do acelerador de transferencia e agardamos desenvolver unha incubadora de alta tecnoloxía en biotecnoloxía. Xa apostabamos no mandato pasado cun adxunto a reitor dedicado a estas funcións e temos recibido premios de empresas.

A.L. É un tema importante, pero non é o único. Fai falla dar pasos para abrirnos máis á sociedade. Chegan aqueles que xa nos coñecen pero tiñamos que ter unha porta de benvida para os que queiran buscar coñecemento na Universidade. E temos que gañar a batalla do traslado da información á sociedade. Costa crer que moitos temas debatidos nos órganos de goberno non teñen transcendencia social; se gañamos esa batalla, cando haxa que renegociar o plan de financiamento vai ser máis fácil defender os nosos argumentos. Propoñemos tamén xuntanzas máis periódicas dos órganos de goberno.

J.V. Xa hai un mapa de capacidades dos grupos de investigación que pode ser consultado; pode ser mellorable, pero as empresas poden atopar as especializacións e investigacións da que dispón a Universidade para atender aos seus problemas. Temos titulacións nas que participan consellos empresariais e no noso programa falamos tamén de publicidade e de ter unha participación máis directa das empresas.

A.L. Temos que facer fincapé noutra liña estratéxica que é incorporar prácticas nos nosos graos e nos nosos másteres para conectar aos estudantes co mercado laboral, o que facilitaría a súa empregabilidade. E hai que remodelar a nosa páxina web.

patrimonio

¿Chegou o tempo das infraestruturas?

A.L. Os proxecto de Medicina e de Ciencias da Educación é imposible financialos con recursos propios. Logo están as obras de reparación, ampliación e mellora do patrimonio construído. Pensar que con 2,1 millóns se poden facer as tres cousas cando máis da metade o levan as obras que se están a acometer en Farmacia... No Campus Vida, a parte das estradas e xardíns foi cedida ao concello e hai que implicar a administración local no mantemento porque hai un convenio do 2005 para investir un millón de euros que non se levou a cabo.

J.V. Durante este período, polas limitacións, tivemos que facer fronte as obras máis acuciantes, as que afectaban á seguridade, pero os noso orzamentos foron mellorando e este ano temos reservados 1,2 millóns e un máis para o ano que vén. No período 2019-22, se renegociamos a débeda, podemos destinar 16 millóns de euros a infraestruturas.

A.L. Levamos tempo pedindo un documento que recolla as necesidades de infraestruturas que ten a Universidade. Se se tivera feito a refinanciación da débeda tal e como pediamos, ao mellor por vez de destinar o que se obtivo da venta de Galeras a amortizar a débeda podería destinarse a obras de reparación, ampliación e mellora, que son moitas as necesidades dos nosos centros.

J.V. A venta de Galeras aplicouse, como era lóxico, á devolución da débeda, e vai ser aplicada tamén ás obras de Medicina. As obras de reforma e ampliación recóllense nos orzamentos, onde figuran obras, prioridades e custes. Respecto do Campus Vida, é certo que hai un convenio co concello que non se cumpriu. Hai vontade de facelo e estivemos negociando para que ese convenio se respecte e se actualice.

dixitalización

¿Está a USC ao día en novas tecnoloxías?

J.V. Temos a obriga de incorporar a dixitalización, outras universidades nos levan vantaxe. Propoñemos a creación da vicerreitoría de transformación dixital e do centro de recursos de produción dixital que axude coa docencia en liña, semipresencial e virtual, e, ao mesmo tempo, na reestruturación da nosa Universidade, levando a administración electrónica a toda a nosa organización administrativa.

A.L. A dixitalización é importante pero non é a gran transformación que precisa a Universidade. A introdución da tecnoloxía dixital xa leva tempo e podería ter mellorado algunhas cousas. Temos uns procedementos aínda moi farragosos e nos costa liberarnos do papel. Non só temos que mellorar as ferramentas informáticas senón tamén facer unha formación dixital complementaria á presencial, que é a esencia da nosa Universidade.

J.V. Vostede me dá a razón, é moi importante mellorar as ferramentas de dixitalización para que todo funcione doutra maneira e nós propoñemos solucións concretas, unha vicerreitoría que se ocupe especificamente desa transformación.

A.L. Comunicámonos con xente nova e temos que poñer ferramentas como unha app para os nosos estudantes que lles permita comunicarse directamente coa USC desde os seus teléfonos intelixentes.

«É necesario un cambio de rumbo»

«Hai que votar un cambio na universidade, é imprescindible un cambio de rumbo xa, e está claro que para pilotar ese cambio hai que ser crible e non pode ser crible quen agora di que vai facer o contrario do que fixo nos catro anos anteriores. Nós presentamos un proxecto con ideas novas e un cambio de actitude na relación cos profesionais, que é un tema clave neste momento, e tamén noutras cuestións como a investigación e a docencia. E como temos que facer políticas novas cun cambio de rumbo precisamos un equipo novo, e por iso deben votar pola nosa candidatura».

o día despois

Unha nova gobernanza. «Apostamos por unha nova gobernanza no funcionamento da Universidade e na organización dos seus órganos de goberno: claustro e consello de goberno. O órgano de goberno ordinario é o consello de goberno e hai que dotalo de reunións periódicas».