O Banquete de Conxo, en Buenos Aires

Quique alvarellos

SANTIAGO CIUDAD

Cedid por A. Iglesias Amorín

O primeiro Congreso da Emigración lembrou este acto en 1956

15 abr 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

A vindeira fin de semana, a cidade de Santiago celebrará a gran festa do Banquete de Conxo, que se vai desenvolver por fin no bosque orixinario (xa aberto ao público) que acolleu aquel acto en marzo de 1856. Hoxe quixemos traer aquí, para ir celebrando a data, unha imaxe moi especial.

Buenos Aires, 28 de xullo de 1956. Na capital arxentina reúnense, por vez primeira, representantes de todas as colectividades galegas emigradas e sobre todo exiliadas, espalladas por América, e destacados intelectuais. Celébrase o Primeiro Congreso da Emigración Galega. Un banquete para 1.500 persoas! organizado no Centro Lucense de Olivos, ás aforas de Buenos Aires.

Este evento fora (seis anos antes) un desexo último de Castelao, xa no leito de morte, acordado polo Consello de Galiza (o goberno galego no exilio, que el presidía).

Pois ben, este congreso levaba un lema moi claro: quíxose que fose, directamente, unha homenaxe ao Banquete de Conxo de 1856. Así, lemos, destacado, na portada do programa: «1856. Centenario do Banquete de Conxo. Histórica expresión democrática do pobo galego».

A repercusión daquel acto foi enorme e é unha sorte ter atopado esta imaxe que, se ben xa coñeciamos, non a tiñamos con calidade suficiente para ser publicada aquí. (Esta copia debémoslla agradecer ao historiador Alfonso Iglesias Amorín).

Na foto está representada a emigración e o exilio galegos. É a mesa presidencial do Banquete. Á esquerda, con lentes e en primeiro plano, un Xosé Neira Vilas de 27 anos, acompañado da súa noiva (casarían ao ano seguinte), a cubana de orixes galegos Anisia Miranda, que viste traxe rexional. Neira, pertencente ás Mocidades Galeguistas, fora o secretario do Congreso e na súa intervención fixera unha recreación do propio brinde de Aurelio Aguirre de cen anos antes, cando exclamou: «Brindo, irmaos, baixo o sol da liberdade / que nos ofrece esta nazón vibrante; / brindo a nome da nosa mocedade / da mocedade galega que anda errante / por vieiros de brétema e saudade».

Fronte a eles están Pepe Velo (con bigote), aquel mestre republicano de Celanova que, cinco anos despois, chegaría a organizar o famoso secuestro dun navío portugués, o Santa María, para tentar «afundir» os réximes de Salazar e Franco.

E tamén aparecen na imaxe, entre outros, dous potentes empresarios galegos (galegos... e galeguistas, cómpre precisar nos tempos de hoxe) que ao parecer financiaron aquel banquete: Manuel Puente González (cremos que é o que, con lentes, está ao fondo, coa cabeza inclinada) e, a carón del, Xesús Canabal.

Así pois, cando baixemos desde hoxe ao bosque do Banquete de Conxo, e celebremos a festa a vindeira fin de semana, escoitemos tamén estas voces todas que, dende Buenos Aires en 1956, se lembraron de nós, cruzando eses «vieiros de brétema e saudade» dos que falou Neira Vilas.

editor@alvarellos.info