«Operamos unha muller de 105 anos e iso hai uns anos nin se pensaba»

JOEL GÓMEZ SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO CIUDAD

PACO RODRÍGUEZ

Destaca que o último verán se habilitasen os quirófanos de Conxo para rebaixar doentes que estaban en lista de espera

08 abr 2018 . Actualizado a las 11:13 h.

«O CHUS é un centro moi cirúrxico. Fai intervencións de referencia para toda España, como a cirurxía da epilepsia, do párkinson, de tumores oculares e da superficie ocular complexa. Tamén o hospital de Ribeira destaca, a pesar de ter un menor tamaño e atender unha menor complexidade», afirma Susana Cerqueiro, directora de procesos con ingreso da área sanitaria de Santiago desde o 10 de marzo de 2017. A área cirúrxica está entre as súas responsabilidades.

-¿As 30.641 intervencións do 2017 no CHUS, ou 35.009 de se acrecentaren as de Ribeira, son as cifras máis elevadas nun ano?

-É a máis elevada desde que funciona a Xerencia de Xestión Integrada [comezou no 2011]. Esa actividade estivo favorecida porque se habilitaron quirófanos no verán en Conxo, que tiveron un impacto positivo para reducir as listas de espera.

-¿Que servizos destacan máis?

-Sobre todo traumatoloxía, oftalmoloxía, uroloxía, dermatoloxía e vascular, que foron os que máis medraron. Iso repercutiu na lista de espera. Así, traumatoloxía reduciu a demora media en máis de 23 días respecto ao ano anterior, é un dato moi relevante.

-¿Que opera máis ese servizo?

-Ten unha actividade moi ampla. Fai moita cirurxía ambulatoria e outra máis complexa con hospitalización. Por exemplo hallux valgus [juanetes], túnel carpiano, artroscopias de xeonllo, ombro, raquis, próteses, tumores óseos, tamén intervencións pediátricas, entre outras.

-¿Que se ten máis en conta para reducir a lista de espera?

-A cirurxía ambulatoria, que aumentou un 4 % o último ano, e a programada, que se incrementou un 14 %. Tamén aumentaron un 4 % as intervencións urxentes, aínda que estas non dependen de nós, temos que asumir o que se precise. O CHUS camiña cara a unha maior ambulatorización dos procesos, e máis que teremos que incidir niso, nas salas de hemodinámica cardíaca, de radioloxía intervencionista, e outras. E iso é bo, porque os doentes non ingresan.

-¿Canta cirurxía urxente se fixo?

-Unhas 4.500 intervencións ao ano, entre Santiago e Barbanza. É unha cifra que se mantén bastante estable. Hai moita cirurxía xeral urxente, e tamén salienta en traumatoloxía, xinecoloxía, neurocirurxía, cardíaca ou otorrino.

-¿Aumentarán as intervencións este ano?

-É difícil superar a actividade cirúrxica do último ano, pois o rendemento dos quirófanos foi de case o 80 %, superior ao dato de calidade que pide o Sergas, que é do 75 %. Nesta área do hospital cada vez hai unha maior complexidade e solucións para complicacións de doentes crónicos e de idades máis avanzadas.

-¿Como é iso?

- Por exemplo, hai uns días operamos unha muller de 105 anos, e iso hai uns anos nin se pensaba.

«Asumimos ben os casos complexos que veñen aquí das áreas de Pontevedra e do Salnés»

«É difícil superar a actividade cirúrxica do último ano, o rendemento foi case do 80 %»

«A ampliación do CHUS prevé dous quirófanos híbridos»

 

 

Susana Cerqueiro ocupou outros cargos directivos na área sanitaria de Santiago, con tres xerentes entre os anos 2002 e 2009; foi directora médica do Hospital do Salnés; e estivo catro anos na Consellería de Sanidade como subdirectora xeral de Avaliación asistencial e garantías.

-A pesar das melloras a que se refire, a final do ano 2017 había 6.600 intervencións pendentes na área sanitaria. ¿Non son moitas?

-Traballamos para mellorar iso, aínda que penso que é mellor indicador de boa xestión e calidade reducir a demora para pasar por quirófano, e houbo avances niso nos últimos anos e agora hai unha menor espera.

-Hai moito tempo que non se baixa das 6.000 intervencións cirúrxicas en espera na área sanitaria. ¿A que se debe iso?

-A lista de espera é dinámica, inflúen diferentes causas, como que coincidan períodos de descanso. E depende tamén da dispoñibilidade de profesionais e da complexidade dos doentes. Aquí non se suspenden moitas intervencións, hai pouca reprogramación. Algúns días hai transplantes e non se suspende nada

-¿Hai suficiente capacidade para asumir a cirurxía complexa que se deriva ao CHUS das zonas de Pontevedra e do Salnés?

-Si, asumimos ben os casos complexos que veñen aquí desas zonas e para os que o CHUS é de referencia, e os datos así o evidencian. O cadro de persoal de cirurxía tamén aumentou os últimos anos e a colaboración dos profesionais é o principal valor.

-Hai queixas porque en Santiago non se están a incorporar avances, como por exemplo quirófanos híbridos, que xa hai en Galicia.

-Aquí está programada unha reordenación importante, pola construción que está prevista da nova Facultade de Medicina na zona do Hospital Gil Casares. Vai haber un plan funcional que contemple novas dotacións e estruturas. A ampliación do CHUS prevé dous quirófanos híbridos e outras melloras tecnolóxicas, que esixirán una maior e mellor especialización e formación do cadro de profesionais.

-¿En que se notará esa reordenación dos recursos?

-No incremento de quirófanos no Clínico, en máis unidades de hospitalización e tamén de salas para realizar actividade ambulatoria, como endoscopias. E os quirófanos híbridos favorecerán ter nunha mesma sala distinta tecnoloxía para facer ao mesmo tempo intervencionismo e non intervencionismo; teñen especial utilidade para servizos como cirurxía vascular, cardíaca, neurocirurxia, e outros que precisan compatibilizar as dúas técnicas para ter un maior rendemento.